You are hereA resaca da visita papal

A resaca da visita papal


ASIGNATURA PENDENTE

Pasan os días e seguimos sen ter unha cifra oficial que cuantifique o número de persoas que participaron nos actos celebrados en Compostela con motivo da estancia do máximo responsábel da Igrexa católica. A situación semella máis propia dun relato surrealista: a pesar das espectaculares medidas de seguridade dispostas para manter un control estrito de todos os movementos de persoas que se rexistraban en Santiago durante os días previos á visita papal, ningunha autoridade –civil ou eclesiástica– asumiu a obriga democrática de informar sobre o volume de asistentes aos actos da devandita xornada.

As previsións formuladas dende as administracións públicas e relixiosas fracasaron estrepitosamente. Entre as 200.000 persoas anunciadas e as 30.000 efectivamente rexistradas que figuran nalgunhas estimacións mediáticas hai tanta distancia que é preciso dar explicacións e asumir responsabilidades por parte dos organizadores deste evento. Entre outras cousas, porque os dispositivos loxísticos asociados a esta visita –e o seu correspondente custe financeiro– tiveron unha dimensión condicionada polas expectativas fixadas previamente.

A xerarquía da Igrexa galega debería reflexionar sobre os motivos que fundamentan este notábel fracaso na mobilización dos potenciais asistentes á cita papal. Coñecer adecuadamente a realidade é a primeira condición para calquera que pretenda mudala nunha ou noutra dirección. As palabras pronunciadas por Ratzinger antes de aterrar en Lavacolla constitúen un mal precedente: no canto de seren un exercicio de análise realista sobre a situación que se vive no Estado español a respecto da relixión católica, debuxaron unha caricatura gravemente deformadora do clima social existente co agravante da intolerábel comparación cunha etapa histórica na que, ademais, a xerarquía católica lexitimou sen escrúpulos a ditadura franquista.

Se o máximo mandatario do Vaticano quixese ter unha visión non contaminada dese laicismo radical que presuntamente inunda os territorios nos que ía pasar 48 horas, podía ter lido a Carta aberta ao Papa Benedicto XVI publicada por Redes Cristianas www.redescristianas.net o pasado 19 de outubro. Ou non o fixo ou ignorou completamente o seu contido nos discursos pronunciados posteriormente.

Os responsábeis gobernamentais optaron por facer da viaxe do Papa un investimento turístico-publicitario e convertelo nun instrumento destacado da disputa polos hipotéticos réditos electorais derivados desta. Mentres proclamaban un retórico respecto polos seguidores da Igrexa católica, abusaron dunha lóxica discursiva de custe-beneficio que non se compadecía coas prédicas de austeridade evanxélicas e civís. E suspenderon, de novo, unha das asignaturas pendentes da transición democrática española: a práctica dunha separación real entre o Estado e a Igrexa. Agora, pasadas as cerimonias e constatado o incumprimento dos seus propios plans, non semellan estar dispostos a practicar a virtude da humildade e prefiren cometer o pecado capital da soberbia. Ninguén pedirá desculpas. E, por suposto, ninguén dimitirá.