You are hereUn papa por lexislatura

Un papa por lexislatura


A VISITA DE RATZINGER

Alguén dixo “Galiza sitio distinto”. Non estou moi certa de se debo pagar un canon pola idea ou se a súa orixe débese a “díxome aquel que dixo o outro”. O mesmo ten. Nin os outonais magostos, nin os mexillóns das rías, nin os neboeiros composteláns reservados aos visitantes poderían definir mellor o noso ser que o debate sobre os beneficios económicos da liturxia relixiosa. Aquí andamos encerellados cos ingresos que obterá a nosa terra dunha retransmisión que non sabemos nin cantas persoas a viron, nin que viron exactamente –se unha catedral, unha eucaristía, moita xente vestida de negro ou moitos varóns vestidos de branco. Incluso non hai consultora experta no mundo capaz de medir se na retina humana ficou gravada algunha imaxe logo de premer o botón da seguinte canle. Fagamos un pequeno exercicio de memoria, quen lembra a visita de Bieito XVI a Camerún e Angola en marzo de 2009? Ou, se preferimos, tentemos repasar as variacións do PIB de Estados Unidos e a evolución da súa economía á luz da viaxe apostólica do pontífice en 2008.

Si, isto é un sito distinto. Como personaxes de ficción non temos prezo. Que mellor guión para unha novela que a densa néboa impedíndolles aos policías controlar as almas galegas en peregrinaxe espectral cara o Obradoiro. Todo un goberno paralizado na espera da multiplicación dos peixes da piscifactoría de Touriñán e o pan de Cea mentres a Santa Compaña segue o seu curso sen deterse nin sequera a facer un aceno. Miles de dedais e bandeiriñas co rostro de Ratzinger competindo nas tendas de souvenirs co logo dos Rolling Stones ou do filósofo contemporáneo Bob Esponxa.

A Papa pasado eu só quero facer unha pequena reflexión para pechar un tema que considero ocupou a miña cabeza demasiadas horas. Tres cousas foron especialmente graves nesta soporífera telecomedia de política ficción. Primeiro, catro séculos despois do nacemento do parlamentarismo europeo aínda a separación de poderes é unha cuestión tabú. Afirmar as diferenzas entre o poder civil e o eclesiástico considérase radical ou subversivo. Hai que explicalo con tanto tino e moderación que mostra como a nosa democracia adoece de claridade na comprensión dos principios básicos que a sustentan. É obriga dos poderes públicos recibir un xefe de estado, garantir a súa seguridade e a de toda a cidadanía mais non é obriga asistir en pleno a unha misa representando as institucións. Para min ese é un aspecto central. Segundo, utilizar a falacia do economicismo para lexitimar unha cerimonia programada de confusión político-relixiosa condúcenos a situar algo tan importante para millóns de persoas como é o sagrado ao nivel dun partido de fútbol, o bico de Sara Carbonero ou as confesións de Belén Esteban. Terceiro, a liberdade de opinión neste país só existe cando os que moven os fíos da escenografía queren. Unha pequena voz disidente é tan perigosa como os mísiles que se cercían sobre Compostela o sábado pasado a teor das medidas de seguridade descomunais que foron despregadas.

Xa caeu o telón. Os operarios recollen o decorado. Meten en inmensos camións os miles de manequíns con forma de policía. Recollen as bandeiras do Vaticano que os figurantes ondearon e a Santa Compaña fica preguntándose se cada lexislatura terá que voltar a Compostela. Como é previsora decide rexistrar unha pregunta parlamentar por se o presidente considera prioritario iniciar agora a cruzada do Santo Graal. Non vaia ser que nos pille con estes pelos.