You are hereQuen visitou Compostela o 6N?

Quen visitou Compostela o 6N?


XEFE DE ESTADO OU LÍDER ESPIRITUAL

Quen visitou Compostela o 6N? Velaí unha pregunta que, debido á calculada ambigüidade dos nosos representantes políticos e líderes espirituais da Igrexa católica, non é doado responder. Con todo, cómpre facer unhas cantas reflexións para chegar a unha conclusión necesaria.
Espero, como cidadán dun estado democrático, que tan ilustre visitante non o fixese como xefe de estado do Estado da Cidade do Vaticano, porque, nese caso, quen visitou Compostela foi o máximo representante dun estado que: primeiro, non asinou ningunha das cartas de dereitos que adoitan subscribir os estados democráticos, como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos; segundo, o seu xefe de éstado é un monarca electo -por razóns obvias os cargos nese estado monárquico non son hereditarios-, por un corpo de electores do que están excluídos os propios habitantes dese estado e as mulleres; terceiro, é unha teocracia, na que non só non existe unha clara división entre estado e Igrexa, senón que o estado está completamente sometido á Igrexa. Así mesmo, en tanto que o xefe de estado da Cidade do Vaticano é tamén o máximo dirixente da Igrexa católica -consecuencia de tratarse dun estado teocrático-, o xefe dese estado é responsable histórico e político, ademais, de lamentables sucesos históricos, como os abusos, as torturas, os asasinatos e os xenocidios cometidos en nome de Deus; a persecución do avance científico e das ideas que atentasen contra os dogmas da Igrexa católica; a discriminación de milleiros de persoas pola súa condición sexual, de xénero, relixiosa... Nese sentido, insisto, como cidadán do estado democrático do Reino de España, considero inadmisible que se recibise como a un igual ao máximo dirixente dunha teocracia absolutista.
Se quen visitou Compostela o pasado 6N foi o lider espiritual da Igrexa católica, como se debe interpretar do feito de que fose aclamado como “peregrino da fe, testemuña de Cristo resucitado”, considero inaceptable que un estado aconfesional dedicase tantos recursos económicos para recibir ao lider espiritual dunha asociación privada con intereses privados e que esa visita de carácter privado producise tantas limitacións ás liberdades da cidadanía; pero, sobre todo, considero inadmisible o sometemento dos representantes políticos electos polo pobo, á súa autoridade espiritual; pero, aínda con maior enoxo, considero intolerable que ningún deses representantes lle dixese que debía absterse de realizar declaracións políticas en tanto que violan o principio fundamental dun estado democrático: a división de poderes entre a Igrexa e o estado.
Daquela, a presenza en Compostela de tan ilustre peregrino, máis que confirmar que “en España naceu unha laicidade, un anticlericalismo, un secularismo forte e agresivo como se veu na década dos anos trinta”, segundo as súas propias declaracións, demostra o sometimento do estado democrático do Reino de España aos poderes fácticos globais, sexan estes económicos ou espirituais, pero en calquera caso non elexidos polo pobo.