You are hereZapatero e as leis do Papa

Zapatero e as leis do Papa


Laicidade e reviravolta políticas

Hai quen di que o presidente Rodriguez Zapatero reavivou o outro día en Barcelona o discurso laicista. A verdade é que non teño claro que o presidente falase de laicismo, senón máis ben de aconfesionalidade do Estado, esto é, a non vinculación nin compromiso ideolóxico estatal con ninguna confesión concreta. E dise tamén que fixo tal discurso para gañar adeptos. Tamén non o teño moi claro, mais así será se ben lles parece aos sondeos efectuados para a ocasión. Porén, a verdade é que esta cuestión debera tratarse con seriedade e consecuencia e non ao albur do que o CIS manifeste antes de cada consulta electoral. Pero éche o que hai.

Avanzado xa o século XXI, a situación constitucional da Igrexa católica, malia que xa non preocupe tanto como antano, segue a ser entre nós unha cuestión non ben resolta, agravada nos últimos anos pola entrada masiva no país de persoas con outros credos relixiosos. No verán de 1978, cando a discusión parlamentaria do artigo 16 da Constitución, abrollaron todo tipo de posicións e tensións, que mesmo determinarían a saída da Ponencia Constitucional do profesor Gregorio Peces-Barba. O texto da Constitución de 1931 pairaba sobre o hemiciclo e as conciencias dos deputados, e o resultado foi, como en tantos outros puntos do texto, un artigo que é un verdadeiro prodixio de afán sincrético, incapaz porén de conciliar as doutrinas contrapostas. É obvio que a Constitución non apostou polo laicismo, tal como Francia, senón pola non confesionalidade do Estado. Pero si se fixo nela una referencia expresa á Igrexa Católica, que moitos entenderon que comprometía a neutralidade e deixaba un problema aberto para o futuro.

Que a cuestión non está pechada demóstrano as reviravoltas do actual Goberno coa Lei de Liberdade Relixiosa, que aparece e desaparece como por ensalmo do calendario político, a impulsos de non se sabe que conveniencias, en calquera caso non lonxanas ás presións da xerarquía eclesiástica. O argumento de que o proxecto era malo (apuntaba –dis–- nada menos á un “Estado multiconfesional”) non resulta convincente, pois no Parlamento a lei podíase cambiar e mellorar.

Fronte a todo isto, as palabras de Rodriguez Zapatero retrucándolle a Rajoy que fará as leis que queren o Parlamento e os cidadáns, e non as que queira o Papa, soan a frivolidade de consumo mitineiro. Que difícil conciliar, en escenarios alternativos cada quince días, o liderado partidista e a gobernación seria e reflexiva do país! Ás veces falta un pouco de finura imaxinativa. No seu día, nunha ocasión semellante, cando un xornalista preguntou a Enrique Tierno Galván se iba asistir á procesión do Corpus, o vello profesor respondeulle: “Non se debe abusar da presencia das autoridades nas procesións; eso é unha acumulación de gloria”. Eran outros tempos.