You are hereSáhara: dende a inexperiencia

Sáhara: dende a inexperiencia


INTERESES PRIVADOS - MENTIRAS PÚBLICAS

Recentemente, ante os dramáticos sucesos que están a traer o conflito saharauí de volta ás noticias de actualidade, o presidente do goberno do Reino, José Luis Rodríguez Zapatero afirmou que o seu goberno está a actuar da forma máis “responsable, sensata e prudente para a solución do conflito e tamén para os intereses de España”. Máis adiante, no transcurso desa mesma entrevista, insistiu na temática que na anterior resposta puxera en segundo lugar: “os intereses de España é o que o goberno ten que pór por diante”. Velaí a confesión: o importante non son os intereses do pobo saharauí, son os intereses de España, aínda que logo, seguiu afirmando que esa era “a resposta máis axeitada para a resolución do conflito e, en consecuencia, para o pobo saharauí". Agora ben, dende a inexperiencia -a mesma que o ministro Rubalcaba obrigou a calar cando dixo aquilo de que “o goberno... pide que se calen os non expertos”-, pregúntome, primeiro, cales son os intereses de España, pero, sobre todo, de quen son eses intereses; e, segundo, como é posible compatibilizar eses supostos intereses de España cos intereses do pobo saharauí. Intentemos responder a esas preguntas.
Procedamos, en primeiro lugar, identificando eses intereses, que son, segundo a ministra Jiménez, “a seguridade, o combate contra o terrorismo, o control dos fluxos de inmigración e do narcotráfico e as relacións comerciais e económicas”. Centrémonos, entón, nos intereses económicos, que son os que explican, en boa medida, a actitude do goberno español: nas 1.000 licenzas de pesca que o goberno marroquí concedeu á frota española para faenar en augas marroquís -saharauís xeograficamente, o mesmo que segundo as resolucións da ONU-, que dende o ano 2007 permitiron a creación de 2.000 postos de traballo directo e outros 10.000 indirectos; así como os fosfatos, a enerxía solar e os áridos do Sáhara. Ora ben, eses intereses, máis que de España, son os intereses dunhas poucas persoas que se enriquecen á costa da explotación duns recursos natuaris que, segundo a resolución 53/1961 da ONU, relativa ás actividades económicas que se realizan en territorios non autónomos -e o Sáhara, lembremos, figura na listaxe de territorios que teñen ese estatus dende 1963-, non poden estar administrados pola potencia ocupante.
Velaí a cerna da cuestión, que se pode expresar deste xeito: varias compañías españolas explotan os recursos naturais do Sáhara (pesca, fosfatos...); o goberno español asume como seus, os interes privados desas compañías, polo que asina convenios comerciais co goberno de Reino de Marrocos para garantir a explotación deses recursos por esas empresas; non obstante, para que eses convenios estean amparados polo dereito internacional, o conflito saharauí-marroquí ten que resolverse favorablemente aos intereses marroquís, que convertirían dese xeito ao goberno de Marrocos en lexítimo administrador dos recursos saharauís. Daquela, onde queda a defensa dos intereses do pobo saharauí por parte do goberno español?