You are herePerguntas sobre o estado de alarma

Perguntas sobre o estado de alarma


LIBERDADES E DEREITOS AMEAZADOS

Á saída do Consello de Ministros do xoves Rubalcaba declarou que o Goberno español aínda non sabe se vai prorrogar ou non o estado de alarma que foi declarado o pasado día 4. Depende. Mais entanto o gabinete de Zapatero mantennos nesta situación de pendencia. Quizais sexa tempo de formular algunhas perguntas.

1. Acerca da cobertura legal do Decreto de declaración do estado de alarma. O artigo 4 da Lei Orgánica reguladora dos estados de alarma, excepción e sitio só permite a declaración do primeiro dos citados no caso de paralización de servizos públicos esenciais para a comunidade cando dela se siga unha catástrofe ou calamidade pública –tal como di a lei, “terremotos, inundacións, incendios urbanos ou forestais ou accidentes de grande magnitude”–, crises sanitarias ou situacións de desabastecemento de produtos de primeira necesidade. En virtude de cal destes supostos se ditou o decreto do pasado 4 de decembro? En virtude de cal deles pensa o Goberno prorrogalo?

2. Acerca da extensión da xurisdicción penal militar. Como reacción aos excesos franquistas, o artigo 117.5 da Constitución española establece que a xurisdición militar só se pode exercer no ámbito estritamente castrense salvo, con carácter excepcional e nos casos establecidos legalmente, no suposto de estado de sitio. Xa que se declarou o estado de alarma, con que soporte xurídico se estende a xurisdicción militar aos controladores aéreos?

3. Acerca da militarización do control aéreo e da mobilización dos controladores. Como ben sinalou Francisco Jorquera no debate do pasado xoves semella contraditorio militarizar o control aéreo, mobilizar os controladores e ao, tempo, abrir a porta á privatización de AENA e ao exercicio das funcións de control aéreo por empresas privadas. Ou unha ou outra. Se o control aéreo é un servizo esencial establézase para os controladores un réxime funcionarial ou estatutario específico, superando a súa condición actual de persoal laboral, sometendo o acceso aos principios que rexen o emprego público. Se o control aéreo é un servizo público estratéxico ao punto de xustificar que, por primeira vez na democracia, se declare o estado de alarma, mantéñase AENA no sector público desistindo o Goberno inmediatamente da súa privatización. O que non se pode facer sen incorrer nunha grave contradición e tomar todas estas decisións ao tempo.

4. Acerca dos criterios para o cálculo da xornada laboral establecidos no Decreto-Lei 13/2010. Por antipáticos que nos resulten os controladores, constitúe un precedente perigoso que por decreto se estableza que as horas sindicais, as actividades formativas e as gardas localizadas non se teñen en conta para o cómputo da xornada laboral. O mesmo que no caso da rebaixa do soldo dos empregados públicos, detrás deles iremos todos os demais. Persoal sanitario, das forzas de seguranza, bombeiros… E o conxunto dos traballadores. Ao cabo, non se trata de eliminar privilexios?

6. Acerca de non ceder diante da chantaxe. Sería bo se fose certo. Se non soubesemos grazas a Wikileaks que o goberno español do PSOE cedeu, solícito, diante de canta chantaxe exerceu a embaixada norteamericana. Ou que a chantaxe praticada por Botín e demais financeiros mártires levou ao Goberno a mobilizar, dilixentemente, máis de 150.000 millóns de euros para tapar os buratos da banca privada. Polo demais, se falamos de actuar con firmeza diante dunha chantaxe, como é que o Goberno non incoou os expedientes sancionadores antes do infausto venres 3 de decembro malia térense producido xa faltas de asistencia e incomparecencias masivas con anterioridade?

Non. As cousas distan de estar claras. O precedente, gravísimo, ameaza as nosas liberdades e os dereitos laborais e sociais. En 1991, cando Bush pai iniciou a primeira guerra de Iraq tentando agachar graves problemas sociais e económicos internos, a poetisa afroamericana June Jordan escribiu: “Trátase dun golpe no mesmo sentido que o crack e o seu efecto non dura moito”. Despois do subidón chega a resaca. Por certo, quen vai responder estas perguntas?