You are hereWikileaks e a nosa liberdade

Wikileaks e a nosa liberdade


A ARMADILLA DA EURO-ORDE SUECA

Estamos a nos xogar boa parte do noso espazo xurídico e persoal de liberdade na batalla que está a desenvolver ese australiano chamado Julian Assange e que tanto nos lembra o xornalista Michael Blomkvist de Larsson, mais tamén o mozo detective Kalle Blomkvist de Astrid Lindgren. Estase a empregar contra este home un instrumento xurídico pensado para cohesionar o espazo xudicial europeo e loitar contra o crime organizado, cando a euro-orde sueca constitúe un mero pretexto para que a extradición do Reino Unido á Suecia a resultas dela sexa un paso cara unha extradición ulterior aos Estados Unidos para ser xulgado por un delito político: difundir na web documentación verdadeira e relevante.

Wikileaks achegounos unha enxurrada de información. Algunha dela é, verdadeiramente, irrelevante. Porque é normal que os operadores políticos enfaticen as súas mensaxes por medio da apelación á linguaxe popular, sen que teñan demasiado sentido algunhas expresións fóra do seu contexto. Mais Wikileaks achegounos tamén, en cantidade e calidade, información verdadeiramente vital que demostrou que o Goberno do Estado tentou paralizar por medio da Fiscalía o axuizamento dos marines que asasinaron a Couso, o Vaticano tenta frear a integración de Turquía na UE e, en xeral, a diplomacia USA na época de Bush non parou en medios para que os Gobernos seguesen o diktat da súa interpretación como potencia única universal.

Lóxico que non só o Goberno USA, senón os gobernos todos ollen con desconfianza a actuación de Assange e da súa Wikileaks, tenten desprestixiala e desexen poñerlle remate. Normal, xa que logo, que tantos cidadáns de tantos países do mundo defendamos con paixón este labor que nos achegou en toda a súa dimensión a falla de barreiras éticas e mesmo a falla de sentido común de tantos políticos.