You are hereRetrocedemos nas liberdades

Retrocedemos nas liberdades


TAMÉN NA GALIZA

É obxectiva a existencia, no noso ámbito da Unión Europea, de renovadas políticas públicas a prol da restrición das liberdades de expresión e do propio ámbito de responsabilidade xudicial do poder público. Velaí a recente lei de prensa húngara, que restrinxe a posibilidade de difundir información contra a “moral pública” e a lexislación que tenta promulgar de tempo en tempo Berlusconi para impedir o control xudicial do seu patrimonio e intereses, que xa acadou zonas restrinxidas ao control xudicial. Ou a práctica exención de control xudicial pactada para os servizos españois de intelixencia polo PSOE e PP na vixente Lei de Segredos Oficiais.

A agresión ás liberdades mesmo está a chegar á rúa. E non falo de supostas liberdades inexistentes no Dereito, como a de escoller a lingua de aprendizaxe dos fillos ou a de fumar nos bares. Non, falo das elementais liberdades de expresión, xuntanza e manifestación e da prevención das torturas, cando non da propia liberdade relixiosa. Neste senso, o independente e prestixioso Observatorio de Dereitos e Liberdades Esculca ten denunciado nun documentado relatorio un grande número de restricións antixurídicas ás liberdades nos días previos á visita do Papa Ratzinger en novembro. Varios cidadáns foron obrigados a retirar das súas vivendas e negocios rótulos pendurados coa lenda “Eu non te espero”. Prohibiuse unha manifestación pacífica prevista para o día 4. Foron adoptadas polo concello medidas incompatíbeis coas liberdades de expresión e circulación que, ao cabo, mesmo contribuíron a xerar en parte o fracaso na acollida popular á visita. Denunciáronse, asemade, actitudes discriminatorias e agresivas por parte de determinados funcionarios policiais, seica con destino habitual fóra do País.

Casos de malos tratos policiais e ­penitenciarios

Outra cuestión grave é a probábel existencia de casos documentados de malos tratos policiais ou penitenciarios. Velaí as torturas por parte dalgúns gardas civís aos autores do atentado da T-4 ou as agresións documentadas a algúns detidos por Mossos de Esquadra. No noso País, o mesmo observatorio independente Esculca ten documentado, asemade, un bó número de lesións de internos por supostas agresións ou excesos no uso da forza por parte de funcionarios do Centro Penitenciario de Teixeiro, que determinaron nos últimos anos a incoación de variadas pescudas xudiciais, mesmo imputando nalgunhas destas o subdirector de Seguridade do cárcere.

É evidente que a case totalidade dos funcionarios policiais e penitenciarios respectan e defenden as nosas liberdades. O propio compromiso coa nosa seguridade e coas nosas liberdades dos seus mandos na Galicia é coñecido e elocuente. Mais son moitas coincidencias para non se preocupar. Rubalcaba, como vicepresidente e ministro do Interior, habería de adoptar as políticas que impidan que o que hoxe son excepcións (desgrazadamente xa abondosas de máis) mañá poidan constituir, xa, normas de uso. A tempo estamos.

>> O amigo chinés. Falando de dereitos humanos, convirán comigo que a China é un dos campións da súa vulneración internacional. Porén, seica cómpre facerlles o rendez-vous porque han ser os salvadores da débeda soberana española. China é ao mundo actual o que USA era no 1947. No curto prazo, calquera Goberno priorizaría a súa relación privilexiada. Mais, non o esquezamos, China segue a ser ­unha férrea ditadura.

>> Precisamos unha CRTVG neutral. Nestes tempos de recesión, hai quen dispara contra as institucións autonómicas no canto de facelo contra moitas das estatais, as provinciais todas e moitos dos concellos que son as que están de máis nesta andaina. Seica hai think-tanks madrileños que queren arrincarlle ao País a mellor institución para garantir un espazo de comunicación e audiovisual propio: a nosa radio e televisión. O que non quita para que academos o que algúns non fomos quen de facer na nosa responsabilidade política: unha lexislación reguladora da Crtvg que achegue os nosos medios públicos ao modelo independente da BBC no canto do inaturábel control informativo de hoxendía.