You are hereVioléncia sexual no Congo

Violéncia sexual no Congo


PERANTE A INEFICÁCIA DA ONU

Ó longo da historia a violencia sexual exercida contra as mulleres ten sido un aspecto inherente ós conflitos armados. Un dos últimos exemplos desta violencia é o longo e brutal conflito na República Democrática do Congo (RDC), no que non só se teñen producido millóns de mortes e o sufrimento masivo de miles de civís, senón na que case un terzo da poboación (máis do 28 por cento) ten sufrido algún tipo de violencia sexual.

Violencia e destrución

No punto álxido do conflito na RDC, as mulleres convertéronse no obxectivo prioritario das campañas de persecución sistemática, de terror e intimidación. Mulleres de todas as idades foron, e seguen sendo, vítimas de violacións durante os ataques ás aldeas ou mentres están a traballar no campo. A maioría das veces eses actos son cometidos por homes armados, as veces solos aínda que a maioría das veces en grupos, en presenza da familia da muller, o seu marido, os seus fillos...Os ataques contra as mulleres son unha mensaxe de violencia e medo: unha maneira de aterrorizar a toda a poboación civil e de obrigala a fuxir para poder ocupar unha zona.

A violencia é pois exercida como unha arma de guerra e nesta guerra o corpo da muller convértese no campo de batalla: atácase o corpo da muller porque a violencia sexual é entendida como parte dun ataque á comunidade. Coa violación á muller aféctase os valores fundamentais da comunidade, sendo así unha estratexia para degradar á poboación, desmoralizar psicoloxicamente ás persoas e romper a cohesión social.

Se son graves as consecuencias físicas e psicolóxicas destas violacións, non son menos importantes as consecuencias a nivel social que sofren as mulleres vítimas da violencia sexual. A violación as estigmatiza, relégaas ó ostracismo e ó rexeitamento da súa propia comunidade. Moitas mulleres son desprezadas e repudiadas polos seus maridos porque as consideran infieis. Moitas vítimas atravesan situacións desesperadas, pois o marido vaise e quedan soas, cos fillos a cargo, sen traballo nin ningunha axuda económica e na máis absoluta pobreza. Aquelas que non están casadas, na súa maioría aínda nenas, son consideradas “mercadoría defectuosa” polo que perden a posibilidade de casar, cando non teñen que facerse cargo soas e na pobreza dos fillos froito destas violacións. O rexeitamento da súa familia e das súas comunidades non fai senón reafirmar o trauma e sufrimento das vítimas que chegan a perder o desexo de vivir.

Violencia e impunidade

A pesar de que a violencia sexual na RDC ten alcanzando unhas proporcións endémicas, o silencio e impunidade, que sempre teñen sido a norma xeneralizada con respecto a este tipo de violencia contra a muller durante e tralo conflito, seguen sendo a norma alí.

A lentitude e mesmo a indiferenza de todos os actores implicados para facer fronte á violencia sufrida polas mulleres nos conflitos armados reprodúcese, unha vez máis, no conflito na RDC. Mentres que a ONU esfórzase por desculpar a súa ineficacia e impotencia culpable para tratar de pór fin á violencia, unha non menos impotente Corte Penal Internacional trata de dar os seus primeiros e lentos pasos para xulgar ós culpables, pero é absolutamente incapaz non só de tratar de acabar coa impunidade, senón tan sequera de disuadir da comisión destes crimes.

O mesmo tempo, a violencia contra mulleres na RDC nunca ocupa grandes titulares, raras veces mesmo esperta o máis mínimo interese dos medios de comunicación. As mulleres da RPC son así vítimas invisibles, vítimas da violencia sexual, pero o mesmo tempo tamén vítimas do silencio e da impunidade, ambos froitos dunha sorte de tolerancia tácita internacional de todos os que podendo facer algo, miran cara outro lado.

>> Mónica Zapico Barbeito é investigadora de Dereito penal internacional da Universidade da Coruña