You are hereRedadas

Redadas


TOP-MANTA NA RUA REAL DA CORUÑA

Como informaron os xornais da cidade, o venres 7 de xaneiro, primeiro día da campaña de rebaixas, unha ampla dotación correspondente á policía municipal da Coruña, con ducias de axentes motorizados, uniformados e de paisano, fixo unha agresiva redada na céntrica rúa Real da cidade, aos efectos de intervir fronte aos migrantes subsaharianos que en tal lugar se dedican ao top-manta. A redada -seguida dunha menor tres días despois- comportou un notable emprego de medios coercitivos, e deu lugar á detención de dúas persoas. Como reflectiron os medios de comunicación, o exceso no emprego da forza por parte policial conduciu ás protestas dos viandantes presentes. Non debe sorprender, porque, como teñen posto de manifesto as testemuñas que xuristas e activistas temos recollido na Coruña, as persoas autóctonas que protestaron ante a actuación foron ameazadas coa detención; obviamente, non é necesario subliñalo, sen que existise calquera fundamento xurídico para esa detención.

Con graves antecedentes en anos anteriores, non se trata da primeira redada destas características que se realiza nesa zona da cidade, nin tampouco é novidosa no que se refire aos innecesarios excesos no emprego da forza. Con todo, trátase dun feito grave, que xera preocupacións mais que fundamentadas en canto á legalidade, ao caracter non discriminatorio e, en fin, á vulneración de dereitos que comporta esta actuación policial. Preocupacións que, paga a pena adianta-lo, xustifican que as persoas que queremos vivir nun Estado democrático de dereito reclamemos que feitos desta natureza non se volvan repetir, nin na Coruña nin en calquera outra cidade do pais.

Como cadro xeral desas preocupacións, cabe relembrar que a nivel internacional son coñecidas as denuncias polo sesgo xenófobo e racista co que, de forma estruturalmente frecuente, se empregan as forzas policiais do estado español. Tales feitos teñen sido postos de manifesto por multitude de entidades de dereitos humanos, como Amnistía Internacional, Human Rights Watch ou a Open Society Justice Initiative de George Soros. No plano institucional, o estado español ten sido denunciado por este motivo por parte da European Commission against Racism and Intolerance (ECRI) do Consello de Europa ou, nunha severa resolución do verán de 2009, polo Comité de Dereitos Humanos da ONU. Este conxunto de denuncias poñen de relevo unha realidade tan grave que, tal como se fai no Reino Unido, debería conducir a que se observase con atención toda actividade policial que se confronte con suxeitos migrantes, sobre todo se, como neste caso, hai indicios abondo do cariz discriminatorio da intervención e do seu nivel de coerción. De xeito paradoxal, as diferentes Administracións, a diferenza do que acontece noutros países europeos, continúan non tendo vontade algunha de atender a estas denuncias, a pesar de que nos dous últimos anos os propios sindicatos policiais teñen enunciado publicamente as graves carencias formativas en materia de dereitos dos diferentes corpos de seguridade pública, e se teñan queixado polo feito de que o Ministerio lles obrigue a realizar redadas constantes contra migrantes.

Sen embargo, alén do grave problema do sesgo obxectivamente discriminatorio e xenófobo de actuacións policiais cada vez mais frecuentes nas principais metrópoles, e da conmoción que causa que tales prácticas tendan a asentarse no territorio galego, este caso xera, asemade, algunha preocupación mais específica.

A primeira é que os responsables policiais parecen non terse enteirado de que o 23 de decembro cambiou o Código penal. Desde a entrada en vigor desa reforma, a actividade de top-manta é, con carácter xeral, unha falta penal, non un delito (art. 623.5 Código penal). Iso conduce a interrogar-se se ten xustificación unha actuación policial destas características, en particular os seus aspectos de emprego da forza, por unha infracción contemplada con tal nivel de levidade. Dito de xeito prosaico, pero cun argumento economicista que non cabe perder de vista: realmente ten sentido que paguemos os soldos destes funcionarios para que se dediquen, con tal gasto de medios, a actividades tan insignificantes como esta? E o da insignificancia non é un epíteto fora de lugar: a criminalización do top-manta e, sobre todo, a súa efectiva persecución é un feito claramente obsoleto, que só a demora das leis e dos responsables públicos en saber adaptarse ao presente mantén como espectro dun tempo irremisiblemente pasado.

Mais aínda: tratándose actualmente dunha falta, á luz do establecido polo art. 495 Lei Axuizamento Criminal, é bastante discutible que se poda realizar unha detención por unha actividade de top-manta. A policía municipal podería argumentar que se tratou de detencións vencelladas á lexislación de estranxeiria. Non obstante, é aínda mais discutible a competencia funcional da policía municipal en materia de infraccións de estranxeiria, e, de feito, a saudable práctica nas nosas cidades é que os corpos locais non se ocupan desas tarefas.

Por todo iso, se ben intervencións policiais deste xénero resultaban altamente preocupantes antes da recente reforma do Código penal, no momento normativo presente, no cal se pretende minimizar a resposta punitiva a estas actividades, polo sólido risco do seu sesgo xenófobo, a preocupación e o rexeite só poden ser aínda maiores.

O último motivo de preocupación por esa redada leva a retomar de novo a cuestión de que teña sido protagonizada pola policía municipal. Isto é unha novidade en relación coas redadas dos anos anteriores, e unha anomalía en termos de competencia funcional. Por iso, non pode senón entenderse que o seu sentido é aínda mais prosaico e cuestionable que todo o anterior. Como ten insinuado con claridade estes días o alcalde da cidade, Javier Losada, a intervención policial veu determinada polos reclamos da organización de comerciantes da zona. Isto conduce a percibir que esta grave vulneración de dereitos se sustenta en dous posicionamentos públicos claramente lamentables. Por unha banda, e como é ben coñecido, a organización de comerciantes da zona reclama intervencións policiais excesivas contra os suxeitos mais vulnerábeis, como xeito de exorcizar a súa desazón, sen querer asumir que o seu problema só ten que ver coa masiva implantación de cidades comerciais na Coruña. Por outra banda, o alcalde ordena intervencións desproporcionadas e de dudoso fundamento xurídico como mecanismo para desviar a atención e, se é posible, mellorar as expectativas eleitorais. O problema é que a cidade non se merece asociacións de comerciantes que, comezando os seus pronunciamentos co inveterado "Yo no soy racista, pero...", non teñen maior lucidez que a de buscar os chivos expiatorios mais cómodos. E tampouco se merece un alcalde que non sexa quen de amosar unha mínima sensibilidade polos dereitos humanos, de todas as persoas, con independencia do seu fenotipo ou cor de pel.