You are hereDe sucesións e degradacións da Defensoría del Pueblo

De sucesións e degradacións da Defensoría del Pueblo


É Francisco Vázquez axeitado?

Calquera observador minimamente realista non podería senón admitir que a calidade democrática das institucións fundamentais do Estado non pasa polo seu mellor momento. Algunhas razóns diso poden atoparse nas eivas estruturais artelladas na sedicentemente modélica Transición política; con todo, hai condicionantes desta situación mais recentes. Os seus efectos vense no eido parlamentario, degradado a mero instrumento do Executivo por leis electorais con efectos mais prexudiciais que os que se dan nos estados con sistemas maioritarios. Maniféstanse aínda en maior medida nas impúdicas formas coas que se mercadea a renovación do Tribunal Constitucional, perpetuamente lastrado polos seus débitos coas estruturas do bipartidismo. E, por desgraza, a primeira década do século acabou de estender este mal á Defensoría del Pueblo.

Durante os últimos días os medios teñen ido informando do que hai algún tempo era xa un segredo a voces: Francisco Vázquez abandona a embaixada española no estado Vaticano para conducir desde o propio territorio estatal a última fase das manobras para lograr o seu nomeamento como novo Defensor del Pueblo, sustituíndo a María Luisa Cava de Llano y Carrió, en funcións desde 2010. Ante as primeiras informacións, xa ten habido múltiples tomas de posición, das cais seguramente a máis significativa –que non a máis sorprendente- é a do PP, que, entre outros mediante Alberto Núñez Feijóo, tense amosado entusiasta coa idea.

Ante a noticia, ten xurdido con insistencia unha pregunta: É Francisco Vázquez axeitado para o cargo de Defensor del Pueblo? A resposta negativa é tan obvia que case debería dar pudor plantexar o interrogante. É sen dúbida máis interesante reflexionar por que a contestación só pode ser non. Algúns/unhas invocarán a súa posición sobre o aborto; outras/os o seu singular xeito de entender as relacións igrexa-estado; algunhas/úns máis relembrarán a súa confesada querenza por un certo autoritarismo político soft; non faltará quen mencione a súa particular ambigüidade política, de afiliado do PSOE con altísimas coincidencias coas políticas do PP. Un segmento menor de persoas, aquelas que levamos vivindo lustros na Coruña, engadiremos a referencia aos evidentes límites de 23 anos de alcalde da cidade, nunha xestión que só as/os máis inxenuas/os poden seguir considerando positiva; case dúas décadas e media de poder político omnímodo caracterizado por unha pobre retórica de cidade-estado, artellada no tempo en que outras urbes definían un proxecto de cidade do que A Coruña entón careceu, apenas guiada polos ritmos da especulación urbanística.

 

RAZÓNS BEN ATENDÍBEIS

Todas elas son seguramente razóns ben atendíbeis e, sen embargo, eluden o cerne da cuestión. O motivo fundamental polo cal Francisco Vázquez non é axeitado para ser Defensor del Pueblo debe máis ben situarse na cuestión da calidade democrática do noso sistema xurídico-político. En realidade, a resposta ao interrogante antes mencionado podería ser, na mellor tradición galega, unha pregunta: Que é o que fai de Francisco Vázquez alguén supostamente axeitado para ser Defensor del Pueblo? Os seus case 35 anos de inserción profesional nas estruturas, representativas e executivas, do estado? Unha persoa que foi deputado, senador, alcalde, secretario xeral dun partido político, presidente da FEMP e embaixador presenta o tipo de currículum necesario para ocupar tal cargo? A resposta é, evidentemente, non. Apenas basta con relembrar que o artículo 54 Constitución indica que a tarefa fundamental do Defensor é velar pola tutela dos dereitos fundamentais. E que o artículo 6 L.O. 3/1981, reguladora do Defensor del Pueblo, establece que debe realizar dito cometido con “autonomía” dos poderes do estado, para o cal se establece, entre outras cousas, a imposibilidade de que poda ocupar o cargo unha persoa que desempeñe un cargo representativo ou político, ou que estea afiliado a un partido (art. 7 L.O. 3/1981). Ante este marco normativo de independencia dos poderes estatais que o Defensor debe xulgar (as Administracións, ás que Francisco Vázquez ten pertencido de xeito ininterrumpido durante máis de tres décadas), e de consagración á defensa dos dereitos dos habitantes do territorio español, hai algo na traxectoria de Francisco Vázquez que o faga merecedor da confianza colectiva para garantir dereitos e libertades?

De novo a resposta é negativa; porque a pregunta é inaxeitada. Se se formulase o interrogante correcto chegaríase a unha conclusión tan obvia como as anteriores: o único que fai Francisco Vázquez, do mesmo xeito que o antecesor Enrique Múgica, un candidato para o cargo, é ser un deses afiliados ao partido socialista que, dada a súa ubicuidade ideolóxica (dentro do espectro conservador, enténdese) son benqueridos no PP. Dito doutro xeito: unha persoa con sólidas ancoraxes no bipartidismo que controla a amplísima maioría das Administración públicas que o Defensor del Pueblo debe controlar, en aras da tutela dos dereitos de homes e mulleres.

Nese sentido, pode que co seu nomeamento, pactado en múltiplos cenáculos reservados, gañen ambos os partidos (seguramente máis o PP, como no caso de Múgica), pero o beneficio é moito máis dubidoso para o conxunto dos/das habitantes do estado, e para a propia institución do Defensor del Pueblo. Nese sentido, e tras o breve paso de María Luisa Cava de Llano (ela mesma cun amplo currículum de cargos representativos nas listas do PP), a designación só viría dar continuidade á escasa sensibilidade que o bipartidismo amosou pola institución co nomeamento de Enrique Múgica. En efecto, o político vasco, tras uns sonados comezos nos que publicamente diferenciaba entre persoas susceptíbeis de ver os seus dereitos tutelados polo Defensor, e outras que non deben merecer dita garantía, cumpriu unha década sumamente gris no cargo, na que o prestixio da institución seguramente non pasou por un dos seus mellores momentos. E isto é o que, máis que probabelmente, vai acontecer coa designación de Francisco Vázquez ou de calquera outro/a político/a profesional representante do extremo bipartidismo.

Por se todo isto se entendese produto dunha hipérbole, só cabe pensar que pode acontecer en relación, v. gr., coa tortura, un delito que xera aproximadamente 150 condenas anuais no contexto español, é dicir, que constitúe bastante máis que un problema aillado da forma de relación dos corpos policiais co resto das persoas. Nese caso, como en tantos outros, teremos que seguir dependendo da avaliación -esta si verdadeiramente autónoma- dos organismos internacionais, para solventar problemas en materia de dereitos que as institucións do noso sistema xurídico-político, cunha calidade democrática en proceso de degradación, non son quen de confrontar.