You are hereLíbia, unha ollada a contracorrente

Líbia, unha ollada a contracorrente


O que sabemos e o que non sabemos

Se a xente soubera a verdade sobre a guerra, esta remataría agora. Pero non sabe  nin debe saber”  (Lloyd George , Premier Británico durante a Gran Guerra 1914-1918)

1.-Sabemos que o  Gadafi de agora no é o que en  1969  expulsaba as bases estranxeiras de Libia, nacionalizaba os hidrocarburos e dominaba a metade da producción de cru. Sabemos que o Gadafi de agora non é  o que en 1977 proclamaba a  República Popular Socialista Árabe da Jamahiriya e afirmaba no Libro Verde que “a democracia é o poder do pobo e non o poder dun substituto do pobo”.Sabemos que o Gadafi de agora  non é xa un referente do panarabismo nacionalista, anticolonial e antiimperialista como o fora en décadas pasadas. O Gadafi de agora é(era?) máis ben “un dos nosos”, alguén que a pesares de ser un sátrapa, un dictador e un tolo viña sendo recibido e agasallado polos moi democráticos gobernantes europeos que non paraban de agradecerlle a apertura do seu petróleo ás multinacionais do vello continente e a súa política de freo á inmigración de milleiros  de subsaharianos
2.- Sabemos  que en  Libia non hai hambrunas, que a expectativa de vida é de  74 anos, que a mortaldade infantil é do 18xl.000, que o analfabetismo é inferior ao 5.5% nos homes e ao 23% en mulleres(moi baixa en relación a outros países árabes) e que a taxa global de fecundidade é de  2.7; signo claro do avance da muller quen, por certo, non ten limites para acceder á universidade nin ao mercado de traballo.Sabemos que en Libia o gasto en  educación é o 2,7% do PIB, mentres que o de  defensa non excede do 1,1%. E sabemos tamén que en Libia rexistrase o maior  PIB per cápita (14.534$) e o mellor Índice de Desenvolvemento Humano de toda África (“O Estado do Mundo 2011”. Edicións Akal) A contundencia de estes datos sementa dubidas sobre o grado de descontento social da poboación. Pero tamén sabemos que Libia é un actor importante no seo da OPEP, que é o primeiro productor de cru de África e que o custe de producción non chega ao dólar por barril: situación moi apetecibel para as petroleiras estadounidenses marxinadas no mercado libio que está dominado por Europa( Francia, Italia, España), China e Rusia.
3.-Sabemos-polos medios de comunicación e as axencias de prensa - que desde o quince de febreiro  as tropas do goberno libio disparaban contra manifestantes xoves que representan a rebelión, que se masacraba á poboación civil desde avións, cazas e helicópteros, que se disparaba, mesmo, contra ambulancias e enterros e que alí onde se concentraban civís  o exercito  perpetraba enormes  matanzas.  Tamén  soubemos que “algunhas fontes” e ACNUR falaban de mais de 140.000 refuxiados, que había “celdas de tortura baixo o palacio de Gadafi en Bengasi”( El Pais 1 de marzo de 2011) que”os libios podían utilizar armas químicas”(El Mundo 11 marzo 2011) e que “as forzas rebeldes aseguran que o réxime controla o 15 % do país “(El País 21 de febreiro), o que faría inexplicábel a guerra argallada pola chamada “comunidade internacional”.
4.  Sabemos que en  Libia houbo -antes de que os misis das democracias empezasen a matar civís e destruír hospitais-enfrontamentos armados entre as tropas leais ao goberno e uns rebeldes armados dos que, por certo, aínda hoxe, non  sabemos quen son, a quen representan, como se chaman os seus lideres, nin, por suposto, que queren e cal é o seu programa de reformas. Pero esto non importaba. Francia e Gran Bretaña prestáronse axiña a recoñecelos como interlocutores.
5.- Poren, existen dubidas cada vez máis fundadas sobre se esas tan aireadas matanzas da poboación civil  tiveron lugar ou non. Unha análise das noticias de prensa durante os quince primeiros días dos combates (xustos os que serviron para lanzar a consigna das masacres) amosaría claramente as sospeitas sobre a realidade dos bombardeos. Titulares como"A represión da protesta en Libia se cobra 200 mortos", "O exercito mata a máis de 200 persoas ao reprimir unha protesta ante Gadafi", ”EEUU denuncia un baño de sangue de Gadafi con centenares de libios mortos", "Gadafi ametralla aos manifestantes desde avións militares", “Gadafi lanza ao exercito contra o pobo”, ou  “Libia hundese nun caos xenocida”, careceron do apoio gráfico necesario que as fixera reais e cribles, máis ala de infantís fotografías que amosaban a rebeldes sentados en cadeiras xiratorias disparando a un ceo onde os cazas libios non aparezan por ningures.A diferencia das revoltas  exipcias onde as xentes invadían a cachón as prazas de El Cairo, en Libia as fotos das multitudes brillaron pola súa ausencia; mesmo os movis, que tan eficaces foran noutras ocasións (Iran) non adquiriron aquí protagonismo algún. E mentres os satélites xeoestacionarios son capaces de fotografar a matricula do meu coche a 22.000 metros de altura, un titular de El Pais do 20 de febreiro non tiña reparo algún en afirmar sen ruborizarse que “Gadafi pecha Libia ao mundo cun muro de silencio”.E nin Telesur, que enviou dous equipos a Libia á procura de imaxes que amosarlle ao mundo, nin as fotos dos satélites do exercito ruso, foron quen de atopar ningún rastro de bombardeos contra a poboación civil(http://rt.com/news/airstrikes-libya-russian-military/ e http://www.cronicasdeestemundo.com.ar/?p=491)

6.- E non é esta  unha cuestión irrelevante xa que foron as presuntas matanzas de civís as que serviron para xustificar tanto a pertinencia e a xusteza  da actual guerra por “motivos humanitarios” como a construcción dos mecanismos emocionais necesarios que foron capaces de facer que persoas boas, honradas, pacificas, morais e, mesmo, que se proclaman de esquerdas, non tivesen  reparos en aplaudir sen dubidar esta sinfonía inconclusa de morte, horror e devastación.