You are hereA xustiza é o fundamento

A xustiza é o fundamento


DOUS FEITOS RECENTES

Hai tempo que a xustiza causa preocupación. Cuestiónanse moitos aspectos da súa administración: planta xudicial, escasas dotacións, dilacións indebidas e moreas de causas pendentes, que ateigan os andeis das oficinas xudiciais. É inquieta tamén a cabalgante politización dos órganos superiores do sistema coa pública almoeda entre partidos políticos dos cargos institucionais.

Non resulta por iso estraño que a percepción social sobre as resolucións xudiciais sexa negativa. Con frecuencia o cidadán as atribúe a calquera cousa menos a un xuízo racional e razoable. O problema é notorio na orde penal, mais tamén no contencioso, onde prende a opinión dunha preocupante “deferencia” xudicial cara á Administración.

Non se podería negar que ás veces esta negativa percepción se pode explicar por unha confusa asimilación popular da presunción de inocencia ou de principios procesuais básicos, como a necesidade, para condear, de probas concluíntes ou do nulo valor das obtidas ilegalmente. Mais o problema non é só de pedagoxía pública.

Neste lamentable clima, parecería imposible que a situación se poidese agravar. Porén, así está a suceder con dous feitos recentes: o fallo sobre Sortu e a demanda do xuíz Garzón ante o Tribunal de Estrasburgo contra o Tribunal Supremo por lle impedir investigar os crimes do franquismo. O salto cualitativo radica en que estes dous feitos afecten, por un lado, ao vértice do sistema e, por outro, que con eles se poña en cuestión o cerne mesmo da función xurisdicional. A sentenza sobre Sortu ten fracturado en dous o Tribunal Supremo, xusto porque case a metade dos maxistrados entende que xurídicamente a legalización era obrigada, ao se cumprir con escrúpulo todas as esixencias impostas pola Lei de Partidos. E estes maxistrados síntense incómodos porque, ademais da presunta inficción política do fallo, ao se involucrar dereitos fundamentais, encétase agora un preocupante impass de recurso ante o Tribunal Constitucional, susceptible de reabrir vellas feridas, nunca ben estiñadas, entre os dous tribunais.

Pola súa parte, a denuncia do xuíz Garzón constitúe un feito tamén moi grave, xa que traslada á esfera internacional a acusación de que o máximo tribunal ataca coa súa decisión de procesar a Garzón nada menos que “a independencia dos xuíces, a liberdade de interpretación da lei e, xa que logo, o Estado de Dereito, ao deixaren indefensas as vítimas”.

Xa non estamos aquí na esfera funcional da acumulación de expedientes, senón ante un cuestionamento da mesma función xurisdiccional. Pouca cousa hai máis letal para a democracia que a creba da xustiza. Facer xustiza é, sen esquecer a equidade, cumprir a lei. Por iso os clásicos dicían con esaxeración “fágase xusticia e pereza o mundo”; máis tamén por iso corrixíu Hegel con inxenio: “fágase xustiza para que o mundo non pereza”.