You are hereEstado xurídico de excepción

Estado xurídico de excepción


A inexibilidade das persoas pendentes de recurso

É principio común en todas as democracias que só a sentenza penal definitiva crea situacións xurídicas permanentes. Á persoa imputada ou condenada pendente recurso non se lle poden limitar dereitos, de non ser, con carácter meramente cautelar para impedir que esa persoa poida fuxir da acción da xustiza.

Este principio básico foi vulnerado pola maioría absoluta do PP e PSOE no Congreso e no Senado ao se aprobar, a fins do ano pasado, a recente reforma da lexislación electoral que entrou en vigor hai poucas semanas. E inserida nesa reforma lexislouse a inexilibilidade (é dicir, a falla de aptitude xurídica como simples candidatos) das persoas condenadas en primeira instancia e pendentes de recurso por delictos contra “a Administración Pública”, sempre que foran condenadas a penas de inhabilitación ou suspensión e non liquidaran as mesmas.

A reforma constituía un portelo máis que se lle pechaba aos supostos  esforzos dos abertzales máis ou menos próximos a ETA por ver de impedir que estean presentes nos concellos a partires das eleccións do vindeiro 22 de maio.

Pois ben, resulta que unha tal reforma (de moi dubidosa constitucionalidade, como de certo ditaminará o Alto Tribunal se se lle outorga a vez a medio da oportuna cuestión xudicial) ven de se aplicar pola Xunta Electoral con carácter retroactivo, excluíndo da candidatura do BNG  en Arzúa ao actual alcalde, Xaquín Gª Couso. Por mór dunha condena apelada e non firme por unha suposta demora na execución dunha sentenza xudicial que tiña orixe nunha falta do anterior alcalde do PP. Precisamente o partido que denunciou perante a Xunta Electoral competente a suposta inelixibilidade do Alcalde.

De seguro o Alcalde atinxido terá medios xurídicos abondo para amosar tanto a inaplicabilidade retroactiva desta norma (a sentenza é anterior á reforma legal) como, se compre, a (in)constitucionalidade da mesma. Mais este gravísimo incidente ilústranos sobre os serios inconvenientes para a democracia e para as institucións xerados pola continua apelación a reformas legais “ad hoc” para, supostamente “combater o terrorismo”. Porque éstas, en último de contas, rematan por limitar as liberdades de todos e por deturpar o noso réxime democrático. Rematan por implantar unha caste de Estado limitado de dereito. Un estado xurídico de excepción.

O mesmo pasou coa chamada “doutrina Parot”. Comezou a se aplicar a terroristas. Hoxe temos cárcere perpetuo, na práctica, para delincuentes comúns reincidentes que, porén, nunca cometeron delictos de sangue.

Sería bó que o Tribunal Constitucional fixara axiña uns límites a estas continuas reformas legais e xurisprudenciais que lembrara, tanto a presunción de inocencia até sentenza firme, como a inconstitucionalidade da pena de cárcere de por vida.