You are hereCara unha xustiza socialmente inxusta

Cara unha xustiza socialmente inxusta


NON A UNHA XUSTIZA PARA RICOS

Non foron poucas as veces que salientei a importancia que ten a Administración de Xustiza na organización e na estrutura do Estado, como tampouco foron escasas as ocasión nas que dende o goberno do Estado se demostrou que da Xustiza o único que importa é a capacidade de influír nela, nomeadamente no Tribunal Supremo e no Tribunal Constitucional, abonda con lembrar entro outros moitos o caso do Estatut, de Sortu ou do propio xuíz Garzón –quen non é particularmente santo da miña devoción.

Porén, en poucas ocasións houbo un proxecto normativo que tan profundamente –e sen razón que o xustifique– pretendese cercenar os dereitos da cidadanía no seu acceso á Xustiza como a chamada Lei de Medidas para la Agilización Procesal. Un proxecto decepcionante, promovido polo goberno do PSOE no Estado, xa veremos con que apoio, que non vai contribuír á tan necesaria axilización da Xustiza, senón que vai establecer unha Xustiza para ricos e outra, de menor categoría, para o resto dos cidadáns. Vexamos por que:

A nova lei vai supor, entre outras restricións, a irrecurribilidade ante a Audiencia Provincial das sentenzas ditadas polos xulgados de primeira instancia en xuízos verbais (os de contía inferior a 6.000 euros), malia que segundo, por exemplo, os datos oficiais que atinxen ao ano 2009 o 37% deste tipo de recursos foron total ou parcialmente estimados. Sen dereito á apelación este número nada desdeñable de sentenzas pasarán a ser inxustamente firmes. Os datos oficiais tamén demostran que as Audiencias Provinciais son órganos que non están particularmente colapsados senón máis ben o contrario, nos últimos exercicios resolveron máis asuntos dos que entraron, sen dúbida grazas ao labor dos bos profesionais do dereito que hai neste País. Xa que logo descargalas de traballo, como se supón é o obxectivo da reforma, non é unha prioridade que xustifique tan grande limitación aos dereitos fundamentais. Non se resolve, no entanto, o elevado número de asuntos pendentes que existen nos xulgados do Mercantil ou nos propios xulgados de Primeira Instancia ou Instrución, ou nos xulgados de Menores.

Asemade, renunciar ao recurso de apelación neste tipo de sentenzas leva implícita outra consecuencia negativa, boa parte da cidadanía non será xulgada por xuíces de carreira senón por substitutos, interinos ou xuíces en primeiro destino ás veces con pouca ou nula experiencia, pois son os que en boa medida conforman os xulgados de primeira instancia nos partidos xudiciais de fora das capitais de provincia.

Non podería rematar esta breve reflexión, malia ser moitas máis as medidas que merecerían ser denunciadas, sen facer referencia á introducción do criterio do Vencemento Obxectivo en materia de costas na primeira instancia contencioso-administrativa, é dicir, en linguaxe clara, quen perde, paga. A incorporación deste criterio pretende –seguramente con éxito– desincentivar o cidadán do común de demandar á Administración Pública (Xunta, concellos, deputacións, goberno do Estado…) pois se a sentenza é contraria pagará, el só, os gastos dos avogados, procuradores, etcétera da administración denunciada, mais se gaña será toda a sociedade a que correrá cos custes do proceso.

En non poucas ocasións produciráse a seguinte situación: un particular presenta unha solicitude ou reclamación, por exemplo, ante o seu concello e tras meses e meses de esperar inutilmente unha resposta e que o concello cumpra coa súa obriga legal de emitir unha resolución verase na tesitura de ter que presentar unha demanda ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, co risco –a partires da vixencia da reforma– de que, calquera que sexa o motivo (fundado ou non, acertado ou non) polo que non se lle dá a razón, teña que pagar os gastos procesuais do Concello incumplidor, e sen posibilidade de recorrer tal decisión. En suma, a administración incumple e o cidadán paga. Folga dicir que estes órganos xudiciais tampouco son nin os máis lentos nin colapsados da nosa estrutura xurisdiccional.

Moitas son as voces de coletivos sociais e profesionais de xuíces e maxistrados, de avogados e procuradores que protestamos contra esta reforma que, sen vantaxe algunha, afonda nas desigualdades sociais establecendo unha Xustiza con todas as garantías (doble instancia e tribunais con pouca carga de traballo) para os pleitos das persoas con capacidade económica e outra Xustiza de peor condición e menos garantías con xulgados colapsados, en moitos casos sen xuíces de carreira ou con escasa experiencia, sen posibilidade de recurso) para a maioría dos cidadáns.

O próximo día 29 de abril no Ateneo de Ourense plasmarase unha iniciativa cidadá e plural para a reflexión e o debate sobre este proxecto de Lei, canalizada a traverso das redes sociais (No a una justicia para ricos!). Agardo que tal acto veña seguido da reflexión de todas as formacións políticas, a través dos seus grupos parlamentares, para que non caian na tentación de apoiar esta reforma, pois é un golpe na columna vertebral da cidadanía, iso si, só dalgunha, curiosametne da máis necesitada de Xustiza.