You are herePluralismo en concordia

Pluralismo en concordia


NACIONALISMO INCLUINTE

Na Unión Europea deste tempo, os sentimentos están as máis das veces confundidos de intención e de propósito. Un fedento aire de xenofobia enseñoréase dos Estados-Nación, que alardean dun nacionalismo illacionista e excluinte. ­Sarkozy e Berlusconi escenifican a pantomima de rexeitar ou repartirse por cotas os desesperados que fuxen do norte de África. Mentres, todo mundo está a criticar de portas a fóra os emerxentes partidos políticos que practican un populismo noxento mais non inocuo.

Non é casualidade o xurdimento de formacións deste natureza: o Vlaams Belang en Bélgica, o partido antislámico de Geert Wilders en Holanda, o Fidesz en Hungría, o Veri Finlandesi en Finlandia, a Fronte de Marine Le Pen en Francia... Todos eles fan bandeira do egoísmo, do racismo e da intolerancia. Todos eles teñen algo en común: aséntanse nunha estratexia da ignorancia, no desexo de deter o tempo.

Ignorancia –di o lingüista Robin Lakoff– da Constitución, do beneficio que supón unirse nun sindicato, ignorancia da ciencia no mundo moderno, “ignorancia da propia ignorancia”. E baséanse tamén nunha deliberada subversión de valores: minusvalorar a política e pór riba dela a economía, que se convirte na dimensión decisiva, como un prius, e colócase, xa que logo, en posición de producir a política.

O obxectivo non se lle oculta a ninguén: reducir o Estado á condición dun sleeping partner da acción dos grupos económicos, que sobrepoñen ao ben público intereses privados con frecuencia orientados pola “cultura da ilegalidade”.

Estes aires que se respiran hoxe en día en boa parte de Europa, esta profesión da non convivencia representa o peor da nosa historia e cultura e constitúe ademais unha auténtica aporía social e política. Porque os inmigrantes están a petar a milleiros na nosa porta e non se poden parar, como quixeran Sarkozy e Berlusconi. A mistura étnica, cultural e social é inevitabel e marcará decididamente o os próximos decenios. Urxe una nova cultura alonxada do atavismo, da exclusión e do odio.

O malo desta egoísta e trasnoitada concepción do presente e o futuro de Europa, ensimismada e insolidaria, é que está a inficcionar de mala sona a todos os movimentos nacionalistas, aos que se pretende medir por idéntico raseiro descalificador, mesmo aqueles que, como o galego, concíbense como incluíntes, solidarios e preñados de universalidade, como ensinaron os nosos devanceiros. Con certeza, non faltan intereses espurios nesta pretendida asimilación. E o que hai que facer é desenmascaralos.

Como di Cesare Pavese, nese marabilloso libro clásico titulado A lúa e a fogueira, non podemos sentírmonos libres sen amigos e veciños cos que compartir, sen territorio... Mais o territorio non é senón un espazo de convivencia no que, sen traizoar ningunha das raíces, ha de reinar o pluralismo en concordia. Nesto estivemos sempre os galeguistas.