You are hereRumbo a Gaza - Concerto Solidário

Rumbo a Gaza - Concerto Solidário


ORGANIZADO POR BDS-Galiza

... furemos o bloqueo, cruel e ilegal, a que ten submetida Israel a Faixa de Gaza

Concerto solidario na Sala Nasa, organizado por BDS-Galiza,
en favor da II Flotilla pola Liberdade Rumbo a Gaza

A Faixa de Gaza é un territorio de 360 Km2 onde actualmente viven millón e medio de palestinas e palestinos que, dende o 12 de xuño de 2007, sofre un brutal e obsceno bloqueo -imposto pola que se chama 'única democracia de Oriente Próximo', tras o triunfo electoral de Hamas nese territorio-, que ten consecuencias lamentables sobre a vida do pobo palestino ao desabastecelo de alimentos, material sanitario, combustible.... Porén, este bloqueo non é un feito illado: ao bloqueo cómpre engadir, ademais, a expropiación de recursos naturais tan vitais como a auga, a destrución de árbores e campos e a destrución de casas e outras infraestuturas vitais (escolas, universidades, centrais eléctricas, estradas...), feitos lamentables que están a provocar que o 80% da poboación palestina viva por debaixo do límite da pobreza con menos de 2,10$ diarios, que a taxa de desemprego entre a poboación activa palestina sexa do 50% e que o futuro do pobo palestino estea severamente ameazado, como se desprende de diferentes informes elaborados nos últimos anos.
Precisamente para romper ese bloqueo, no ano 2009 formouse a coalición internacional da Freedom Flotilla, que se rexe por un decálogo que se basea nos seguintes principios: o respecto dos dereitos humanos, sen distinción de raza, xénero, relixión, orientación sexual, idioma... e a adhesión aos principios da non violencia; o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e do dereito internacional; os territorios ocupados por Israel dende o 5 de xuño de 1967 deben ser devoltos aos seus lexítmos habitantes, polo que o Estado de Israel ten que por fin ao bloqueo e ao control a que están sometidos, retirar o exército de ocupación, derribar todas as barreiras construídas para restrinxir a circulación da poboación e revogar todas as leis israelís que limitan a liberdade de acción da poboación palestina neses territorios; o Estado de Israel debe recoñecer os dereitos fundamentais ás cidadás árabe-palestinas e aos cidadáns árabe-palestinos de Israel; o recoñecemento do dereito a todas as refuxiadas e a todos os refuxiados ao retorno do exilio, tanto para si comopara os seus descendentes, así como o dereito a recuperar as súas propiedades e a obter unha indemnización polo uso indebido dos seus bens, que de conformidade co dereito internacional non pode ser negocible individualmente, senón que é un dereito colectivo de aplicación individual. Así mesmo, a Coalición, en tanto que solidaria co pobo palestino, non apoia a ningún partido político nin a ningunha organización concreta.
Neste momento, a coalición, que ten por obxectivo romper o bloqueo a que está sometido o pobo palestino por mar, ten previsto enviar unha nova Flotilla pola Liberdade -a primeira frota partiu na primavera de 2010 e sufriu un ataque militar por parte do exército israelí que lle impediu arribar a porto-, composta por 15 barcos que poidan acoller a 500 persoas para trasladar aaxuda humanitaria que será entregada á UNRWA, para que xestione a súa distribución en Gaza. Dende Galiza, a iniciativa Rumbo a Gaza (http://www.rumboagaza.org/), que é o referente estatal da coalición, organiza o vindeiro 4 de maio, na Sala Nasa de Compostela, un concerto solidario (podedes ver o programa en http://www.bds-galiza.org/ ou nestoutro enlace: http://www.esculca.net/pdf/flotilha.pdf), no que participarán Quempallou, The Homens, García MC, que destinará os beneficios a esa segunda Flotilla pola Liberdade que axiña partira rumbo a Gaza para romper o brutal bloqueo que sofre o seu pobo.