You are hereA destrución da democracia

A destrución da democracia


OS ATALLOS VULNERAN A DEMOCRACIA

Gobernar en democracia para a maioría social ten un moito de xestión e pragmatismo. Mais todo goberno, mesmo fuxindo dos dogmatismos sectarios, ten de se alicerzar nos valores democráticos e, nomeadamente, no respecto ás garantías da lei. Só no respecto ás garantías do Estado de Dereito é posíbel a democracia.

Semella nidio que o xefe terrorista Osama Bin Laden foi asasinado cando estaba desarmado e cando era tecnicamente viábel arrestalo e facelo comparecer ante a Xustiza polos seus crimes. Para máis vulneración das garantías legais, os seus familiares foron privados do dereito a se despedir del consonte cos seus costumes. E a información da moradía de Bin Laden conseguiuse, seica, por medio de torturas.

Deste xeito, un presidente de fondo cerne democrático e achegado á maioría social amosa na práctica partillar os peores vicios de Bush. E manifesta que o que de verdade lle importa non é gobernar dentro dos límites da democracia e da Constitución, senón acadar, simplemente, os seus obxectivos, morra quen morra e vulnerando a lei se cómpre. Manifesta que o importante é a eficacia e non a liberdade. Como se eficacia e liberdade foran polos antitéticos e non por forza complementarios en democracia.

Vivir en democracia supón pactar que todo o mundo ten dereito a ser considerado inocente até sentenza firme ditada logo dun xuízo xusto. Que a eficacia na loita contra o delicto só é posíbel desenvolvela nun marco xurídico garantista onde a pena de morte e a tortura ficarán proscritas de vez.

Pactar, en último de contas, que hai leis e non vale todo.Porque cando “vale todo” non hai xustiza, senón vinganza. Non hai imperio da lei, senón da forza. E, claro,

desaparecidos os valores que fan superior a democracia, a violencia xeralizada duns contra outros recupera o seu significado primario. E todos seremos iguais de violentos e inxustos. Só imperará a lei que autoriza a destrución do inimigo.

OS ATALLOS LEGAIS VULNERAN A DEMOCRACIA

Á situación de deterioro democrático que se vive nos USA chegouse por medio da reforma implícita da Constitución adoptada no outono do 2001, despois do ataque ás Twin Towers. A detención de prisioneiros en Guantánamo sen control xudicial, teorizando que son inimigos apreixados en combate ou a propia reacción, pedindo o asesinato de Julian Assange, de políticos demócratas diante das filtracións de Wikileaks son síntomas da profunda corrupción do sistema legal no que vai decorrido de século XXI.

Na nosa contorna, as continuas reformas legais (Lei de Partidos, Código Penal, Lei Electoral) para crear normas excepcionais contra ETA xa danaron irreversibelmente a calidade das nosas garantías democráticas, como temos albiscado co caso do alcalde de Arzúa, o do xornal Egunkaria ou a proscrición de Bildu e Sortu no Tribunal Supremo. De continuarmos con este proceso fanaremos fatalmente a convivencia democrática e o imperio da lei.