You are hereAnte o mundo, Palestina sofre

Ante o mundo, Palestina sofre


UNHA TERRA COMESTA A BOCADOS

Para Muddi e Sara, que deixaron os xoguetes en Gaza e hoxe xogan en Galiza

 

Ante os ollos do mundo. Co beneplácito do xendarme mundial e a vergonzante aquiescencia europea, Palestina loita por vivir na terra de seu.

Unha terra comesta a bocados, fragmentada, usurpada por asentamentos xudeos ilegais, confiscada. Unha cidadanía sen dereito ao máis básico: liberdade, comida, sanidade, educación, luz. Un lugar no que é posible morrer agardando a cruzar o muro ignominioso que separa a seres humanos dun hospital ante a inmisericorde vixianza dun soldado. Un sitio no que o exército xoga ao “afundido” cos barcos de pesca que se alonxan da beira da praia.

Nun esforzo pacífico, cidadáns do mundo, cidadáns galegos, forman parte da Frota da Liberdade que busca levar a Gaza subministros básicos lembrándolle ás conciencias democráticas que a inxustiza segue ahí. Que Palestina precisa dun presente en paz e a súa cidadanía dos dereitos básicos.

Estas e outras accións que promove BDS Galiza buscan unha solución xusta para o pobo palestino. Unha solución que pasa por poder comprar libremente comida, recibir axuda humanitaria, manter en funcionamento os servizos básicos, circular libremente, vivir na terra dos seus pais.

A nosa mirada non pode permanecer impasible ao continuo e metódico arrinconamento de Palestina convertíndoa nunha nación inviable. Sen terra, sen recursos, cunha poboación perseguida. Negándolle o que o pobo xudeo, e calquera pobo do mundo, sempre reclamou para si: liberdade, terra, dereitos.