You are herePartidos politicos e independéncia

Partidos politicos e independéncia


A propósito do TC

O Tribunal Constitucional é un tribunal ad hoc establecido á marxe do poder xudicial ordinario, ao estilo do Tribunal Constitucional Federal Alemán ou da Corte Costituzionale italiana, con amplas competencias e composto por doce membros, dos que oito saen da representación parlamentaria nas Cortes Xerais. Esto último resulta plenamente democrático. Pero é evidente que somete ao Tribunal aos avatares da loita política, con todas as súas consecuencias, entre delas o cuestionamento da independencia dos seus maxistrados.

O país leva anos irritado pola actuación dos partidos políticos nesta cuestión, até o punto de ser o Tribunal Constitucional unha das institucións máis desprestixiadas do sistema. No xogo dos partidos á hora de nomear ou renovar maxistrados hai culpas para todos, mais o comportamento do Partido Popular, teimudo na proposta, conflictiva, dun maxistrado da Audiencia Nacional e bloqueando os nomeamentos, sobarda os niveis do asumible.

Hai que lembrar que hoxe en día está sen cubrir unha vacante, por falecemento, e que os maxistrados que presentaron onte a súa renuncia levan tres anos de prolongación da súa función, transcorridos os nove do seu mandato. E o Tribunal segue inmerso nunha espiral de desprestixio que a penas pode mitigar a experiencia do seu presidente, Pascual Sala.

O peor é que o desbloqueo institucional non se vai producir até despois das eleccións xerais da próxima primavera. Neste momento están sometidos ao xuízo do Tribunal leis ideoloxicamente moi relevantes, como a reforma da lei do aborto, a ilegalización de Sortu, o matrimonio de homoxesuais ou a constitucionalidade da chamada “doutrina Parot”.

É por iso que a clase política acepta como inevitable que o PP vai manter a súa postura obstructiva até que, como é previsible, teña nas Cámaras a maioría suficiente para inclinar ao seu favor a composición do Tribunal. Mentres tanto, éste languidecerá máis aínda, se é que antes non colapsa.

A solución desta preocupante situación pasaría pola reforma do sistema. No caso do Tribunal Constitucional habería que limitar a discrecionalidade dos partidos políticos nos nomeamentos, pois a esixencia de que recaian en xuristas de “recoñecida competencia” con máis de quince anos de exercicio profesional fica practicamente limitada a dita antigüidade. Isto favorecería a profesionalidade fronte á sintonía política.

E podería tamén preverse algún mecanismo de cobertura das vacantes no caso de que os partidos demorasen máis dun tempo prudencial o acordo sobre os nomeamentos. Quizais, para estes casos, podería atribuirse esta facultade aos propios maxistrados do Tribunal. E se isto implicase reforma da Constitución habería que afrontala. Os partidos políticos teñen a obriga de preservar as institucións e de asegurar tamén a independencia xudicial, para Karl Lowenstein “pedra angular no edificio do Estado de Dereito”.