You are hereO rosto dos opresores

O rosto dos opresores


BENJAMIN NETNYAHU E O CONGRESO DOS EUA

No momento en que se organizaba a Flotilla da Liberdade formada por trece navíos de diferentes nacionalidades pretendendo arribar a Gaza cun cargamento simbólico en contra do apartheid e en apoio da independencia palestina, o primeiro ministro de Israel Biniamin Netanyahu falaba ante o Congreso de EE UU.

Negaba a solución para Israel e Palestina como dous estados –a mellor garantía para a propia supervivencia do Estado hebreu– sobre a base das fronteiras de 1967 malia que, aprobada por Nacións Unidas, está aceptada pola Autoridade Palestina e conta desde 2002 co aval do conxunto dos estados árabes. Insistiu en impor a Xerusalén como capital exclusiva de Israel. E reclamou a presenza permanente do seu exército no Val do Xordán, en pleno territorio palestino. Sábese que recusa o carácter soberano dun Estado de Palestina, pretendendo manter en mans israelís o control dos espazos marítimo e aéreo, a fiscalización das relacións internacionais e o dominio militar, impedindo ademais o retorno dos refuxiados.

Malia tales propósitos, o dirixente xudeu foi aplaudido estrondosamente, 29 veces, polos congresistas do Capitolio. Teimou desafiante en que Cisxordania non era un “territorio ocupado”, porque correspondería ás Xudea e Samaria históricas, sen considerar que cando entre os séculos XIX e XX o sionismo comezou a defender a idea dun Estado propio, os hebreus non constituían alí máis que unha ínfima minoría. Ao tempo que mantén a prisión de Gaza, Netanyahu dá como súa á Cisxordania cercada polo do Muro de Sharon, na que a Autoridade Palestina goberna apenas as cidades, convertidas en bantustáns rodeados por terras confiscadas, cos palestinos asediados por arrogantes asentamentos militarizados de xudeus ultra-ortodoxos chegados doutros continentes.

A liberdade dos palestinos que invocan os participantes na Flotilla está urxida polo dereito á autodeterminación dunha nación diferenciada. Neste caso vén esixida, en especial, polas dramáticas condicións de vida ás que están submetidos, humillados na súa propia terra en centos de controis militares; privados de utilizar as estradas construídas para os ocupantes; impedidos de saír para outros países baixo a ameaza do non retorno; imposibilitados de acometer o seu propio desenvolvemento económico; e prisoneiros por miles, mesmo sen xuízo previo.

Para afondar no cruel carácter do apartheid abonda con comparar a vida en Tel Aviv, a xente paseando polas rúas e os areais da cidade, co estado de miseria á que son submetidos os habitantes de Jabalia no norte da franxa de Gaza, tamén fronte a un mar Mediterráneo que a eles lles é prohibido. Tel Aviv está a pouco máis de 60 quilómetros da fronteira con Gaza, distancia que se reduce a doce desde a cidade de Ashkelon.

No Congreso de EE UU, Netanyahu chegou a dicir que Israel é a “firme e diferente” excepción “nunha rexión onde as mulleres son lapidadas, os homosexuais colgados e os cristiáns perseguidos”. ­Unha afirmación torpe e deshonesta, saída da boca dun gobernante que esmaga as liberdades, os dereitos humanos básicos e a existencia independente dun pobo secuestrado; un gobernante indigno de representar a grandeza das vítimas do Holocausto e de tantos xudeus que contribuíron ao ben da humanidade.

Na Flotilla da Liberdade estarán os galegos Elvira Souto, Fernando Blanco, Antón Gómez, Alejandro Andares e Xésus R. Bao. Esperemos que esta vez cheguen a Gaza, contribuíndo a desvelar o rostro dos opresores.