You are herePentágono: o maior roubo da história

Pentágono: o maior roubo da história


O NEGÓCIO DA GUERRA DO IRAQUE

Pregunta: cantos metros cadrados ocupan 20.000 millóns de dólares en billetes de dez, cen ou mil bucks? E metros cúbicos? Cantos palés cómpren para amorealos? Caben todos nun Galaxi C-5, o maior avión de transporte militar da Forza Aérea de EUA? Canto pesa toda esa pasta e cantos camións militares ou blindados ou helicópteros se precisaban para transportalos de xeito seguro dende o aeroporto de Bagdad até o edificio no que debían ser depositados para financiar a reconstrución do Iraq post Sadam? E unha cuestión a maiores: Como é posíbel que o 95% desa cantidade, custodiada polo burocratizado Pentágono, se esvaecese sen deixar rastro nos arquivos?

O odio da Administración Bush cara á canle qatarí Al Jazeera polo xeito crítico de informar sobre a guerra de Iraq ten sido unha constante durante anos. Esta fin de semana, a televisión árabe deulle un novo motivo ao expresidente texano para reavivalo despois de revelar que o maior roubo da historia se produciu en Iraq, durante o seu Goberno e coa colusión do departamento que dirixía con man de ferro un dos seus falcóns, Donald Rumsfeld. E tamén que a cantidade roubada final multiplica por tres a estimación inicial de 6.000 millóns de dólares recoñecida pola Casa Branca. Esta non é unha historia duns simples cacos nunha grande cidade cun argumento de cine negro, senón a duns ladróns de luva branca no medio dunha guerra polo petróleo.

A principios de 2004, Iraq e EUA pecharon un acordo legal. Washington comezara a enviar, poucos días despois de ocupar Bagdad en abril de 2003, uns 20.000 millóns de dólares para o financiamento da súa reconstrución, e os iraquís querían asegurarse de que os estadounidenses se encargarían da súa custodia e protección. Non é difícil imaxinar por que nun país sumido no caos, sen goberno e sobre o que pairaba xa a ameaza da insurxencia. O diñeiro non proviña das arcas públicas estadounidenses: eran fondos do programa de petróleo por alimentos que a ONU implementara baixo o Goberno de Sadam Hussein para aliviar a situación económica provocada polo embargo de EUA. A fórmula era sinxela. Iraq vendía o seu petróleo e Occidente enviáballe o seu valor ao réxime en medicinas e alimentos. Washington era un bo importador de petróleo iraquí. E, durante meses, retivo o diñeiro que debía entregarlle a Nacións Unidas. A iso engadíase unha porcentaxe non determinada de fondos iraquís que foran conxelados por Washington. Tras a ocupación de 2003, o poder residía no Goberno Provisional da Coalición e esta autoridade era a encargada de mirar polos cartos. Iso era o que se di que querían os iraquís e iso foi o acordado. A mediados de 2003, baixo a administración do Paul Bremer, Rumsfeld transferira 12.000 millóns de dólares. Nesa altura, parte do diñeiro estaba xa a evaporarse sen deixar rastro.

O maior roubo da historia non é un asunto de hai dous días nin dous meses. As primeiras filtracións á prensa do que acontecera cos fondos para a reconstrución agromaron en 2005. No primeiro ano de ocupación, o administrador Paul Bremer contaba con 38.000 millóns de dólares para reconstruír Iraq. Deles, 20.000 eran os fondos do programa da ONU retidos por Bush. Outros 18.000 foran fornecidos polo Congreso dos Estados Unidos co mesmo propósito. En xuño de 2004, os sacos cos fondos do programa de petróleo por alimentos estaban xa case baleiros de todo. No entanto, da partida consignada polo Congreso, Bremer tan só gastara 400 millóns de dólares. A estratexia de Bush estaba clara: os iraquís pagarían a súa propia reconstrución. E os contratistas privados –estadounidenses na súa maior parte– serían os grandes beneficiarios. O paso dos meses revelou que a guerra da insurxencia iraquí contra os ocupantes gangrenara calquera posibilidade de facer negocios alén da propia Zona Verde de Bagdad. Porén, a principios daquel ano a Administración Bush saboreaba os seus días de viño e rosas. E o diñeiro dos iraquís fluía ledamente, sen moitas máis preocupacións. Iso explica, por exemplo, que cando a mediados de xullo de 2004 Bremer –nos seus derradeiros días de virreinato– entregou 1.500 millóns de dólares da partida do programa de petróleo por alimentos aos curdos – previamente cargados en seis palés e transportados por tres helicópteros Blackhawk– non houbese necesidade ningunha de explicar a onde ían os cartos nin quen os ía xestionar. O administrador de Bush podía ter transferido aquel diñeiro ao Goberno iraquí para que o repartise. Pero preferiu ser el mesmo quen lles pagase en man aos curdos o seu apoio na guerra contra Sadam.

O Goberno Provisional da Coalición era o procónsul Bremer e Bremer facía o que lle petaba cos cartos iraquís. Pero unha das grandes fortalezas da Administración estadounidense é que, con independencia de quen resida na Casa Branca, as axencias federais encargadas de auditar son ferozmente independentes e informan ao Congreso de calquera desfase nas contas públicas. Cando os auditores estadounidenses chegaron a Iraq, os palés cos feixes de diñeiro voaran; os proxectos de reconstrución foran abandonados e a axenda de Bremer fracasara. Uns 20.000 millóns de dólares despois, Bush descubría que a democracia non se podía mercar. Aínda que tentar, tentárao. O inspector especial para a reconstrución de Iraq descubriu entre os papeis de Bremer gastos xustificados na “difusión da democracia, novas e entretemento” ou en “contrarrestar as ruinosos accións do [clérigo xiíta] Moqtada al-Sadr.

Cando o inspector rañou máis nas contas de Bremer, descubriu que dos primeiros 9.000 millóns de dólares entregados días despois da caída de Bagdad, 8.700 foran empregados sen unha xustificación axeitada. A unha parte dese diñeiro foi quen de seguirlle a pista. Porén, de 2.600 millóns non quedaba nin rastro. O Pentágono botoulle a culpa da desaparición do diñeiro á lasitude na supervisión e a falta de arquivos axeitados. A cantidade final que a Administración Bush deu por desaparecida ascendía hai tan só unhas semanas a 6.200 millóns de dólares. Pero o presidente do parlamento iraquí, Osama al-Nujaifi, declarou a Al Jazeera o pasado domingo que no primeiro ano de ocupación desapareceron en total 18.700 millóns de dólares dos fondos iraquís transferidos pola Administración Bush a Paul Bremer. E con eles, as facturas a documentación que tiña que ter sido arquivada.

Durante os últimos seis anos, o Pentágono repetiu a ladaíña de que se se lle aba o tempo que precisa, atoparía o rastro dos 20.000 millóns que o inspector especial non foi quen de localizar. Washington auditou os fondos en tres ocasións. Nunca foi quen de explicar o seu destino. O tempo esgotouse. Obama quere pechar esa investigación. Pero único xeito de facelo é coa anuencia de Iraq, que agora volve abrir a caixa de Pandora cunha pregunta para Bremer: onde foi dar o diñeiro dos iraquís?.