You are hereA vergoña de Europa

A vergoña de Europa


A CUMPLICIDADE DOS GOVERNOS EUROPEUS

“Moita xente pequena en lugares pequenos, facendo cousas pequenas pode mundar o mundo”

Este refrán africano, que semella falar de cousas de mulleres, basease en que xamais a renuncia e a claudicación deben atopar acubillo na vida e no corazón da humanidade. Por iso, 350 persoas con dez barcos tentan desde hai semanas xa chegar a Gaza, no territorio de Palestina, para darlle aos seus nenos e nenas, mulleres e homes, alimentos, medicinas e, sobre todo, apoio, ledicia e esperanza. Esta é a carga que leva esta nova Frotiña da Liberdade na que tamén, como non podía ser doutro xeito, participan xentes de Galiza.

A estes dez barcos e ás xentes que nel van non se lles permite o cumprimento das normas internacionais de navegación marítima, é dicir, non poden surcar augas internacionais aplicándolles o artigo 128 do Dereito Naval Público que só contempla situacións de guerra. E, mentres, que é o que fan os estados da Unión Europea? Pois nada menos que seren cómplices deste incumprimento legal, impedindo a saída dos buques dos portos dos seus estados membros, consentindo con sabotaxes ilegais nos portos onde están fondeados e mesmo perseguíndoos cando conseguen entrar en augas internacionais, como é o caso dun buque francés. Resumindo, son cómplices de que os servizos de intelixencia israelís actúen con total impunidade na Unión Europea.

Onde quedan os principios de liberdade, igualdade e irmandade que a Revolución Francesa puxo en marcha desde Europa para toda a humanidade no ano 1789? Por que a Unión Europea non practica a política da paz e do diálogo nas súas relacións internacionais para conseguir da ONU o recoñecemento do Estado Palestino que permita, dunha vez por todas, rematar cos campos de refuxiados no que unha parte deste pobo vive xa desde 1948 e derrubar un dos últimos muros que quedan no mundo, o muro da franxa de Gaza, recentemente construído polo goberno israelí en total impunidade?

Quizais a Unión Europea debería escoitar a Daniel Barenboim, pianista e fundador da Orquestra East Western Divan, na que conviven músicos de orixe israelí e árabe, cando, nunha das últimas visitas para dar un concerto en Gaza, afirma: “Estabamos alí para mostrarlle a nosa solidariedade e para transmitirlle que estamos seguros de que a capacidade da sociedade civil de Gaza serán quen de facer un futuro mellor, un estado palestino viábel e independente por medio pacíficos… Soño con seguir traballando en Gaza, ir alí a miúdo e colaborar cunha sociedade que me semella dinámica e extraordinaria: o 85% dos case 1,2 millóns de habitantes teñen menos de 30 anos e, a pesar do bloqueo, foron quen de construír 12 universidades. Como non van ter futuro!”.

Eis a sociedade a onde quería chegar, e ten que chegar, a frotiña da liberdade, que os gobernos dos estados da Unión Europea e as autoridade de Exteriores da Unión tomen nota e actúen en consecuencia, permitindo que o cumprimento dos dereitos humanos sexa posíbel tamén en Gaza, e aos bos e xenerosos de corazón que van nos barcos: ánimo e forza porque moita xente pequena en lugares pequenos estamos con eles e elas.