You are hereA Lei de Amnistia non é inamovível

A Lei de Amnistia non é inamovível


XA FOI ANULADA POLO SUPREMO

A Lei de Amnistía non é inamovíbel. De feito, o Supremo xa anulou a súa aplicación nun caso concreto. A sentenza contra o 'grapo' galego Abelardo Collazo dá pé a poder perseguir os crimes do franquismo.

Tal e como obrigaba a Lei de Amnistía, a Audiencia Nacional aplicoulle de oficio en 1977 a citada lexislación a un grupo de activistas antifranquistas que foran anteriormente detidos por unha acción perpetrada nunha factoría de Getafe. Nela resultaran feridos por arma de fogo tres gardas xurados da fábrica que trataran de detelos.

Tras seren prendidos os militantes antifranquistas, e logo de concederlles verosimilitude, xa que logo probatoria, ás investigacións realizadas por integrantes da aínda policía política da ditadura (é dicir: atestados, interrogatorios e probas), a Audiencia Nacional, o tribunal central que viña substituír os casos que antes lle chegaban ao franquista Tribunal de Orde Pública (TOP), actuando de oficio, tal e como obrigaba a Lei de Amnistía, concedíalle a amnistía aos implicados no asalto á factoría CASA de Getafe.

Malia esta decisión, o ministerio fiscal formulou un recurso contra esta aplicación da amnistía ante a Sala 2ª do Tribunal Supremo, que ditou unha sentenza que se faría pública a primeiros de xullo de 1978, a poucos meses de que entrase en vigor a Constitución.

A Lei de Amnistía, asinada por Juan Carlos I de Borbón o 15 de outubro de 1977, contemplaba no seu articulado que esta afectaba aos “actos de intencionalidade política, calquera que fose o resultado, tipificados como delitos con anterioridade ao día 15 de decembro de 1977”. Pois ben, malia que os feitos acaecidos na factoría tiveran lugar meses antes desta data posta como límite de aplicación, en concreto o 10 de xaneiro, ao fiscal conseguiu que o Tribunal Supremo anulase, por vez primeira, a citada Lei de Amnistía.

Nos razoamentos da sentenza esquecida, o Tribunal Supremo explica que a Lei da Amnistía foi un texto que foi “como é notorio, o resultado de transaccións entre forzas políticas con opinións dispares sobre o ritmo conveniente para as transformacións en curso na nosa patria”. Explicaba igualmente que a lei “omitiu –non sabemos se deliberadamente, para sortear desacordos– concretar o sentido exacto das expresións usadas para indicar os fins ou obxectivos últimos da accións que, ao ser interiorizados como estímulos polo suxeito, constitúen o móbil”. Nese sentido tamén advertía que “o único modo imparcial de cumprir esa delicada –e ingrata tarefa–, imposta a quen ten que interpretar a extensión da amnistía (...) é o de moverse –dentro do amplo espazo deixado por nocións non moi precisas– na dirección que conduza ao trato máis igualitario posíbel de todas as accións inseríbeis (na lei de amnistía). Malia este liña de razoamento, a Sala 2ª do Tribunal Supremo anula a amnistía decretada nos seu día en favor dos militantes do GRAPO Abelardo Collazo Araújo, Juan José Díaz Fernández e Olegario Sánchez Corrales, os activistas que foran detidos na factoría de Getafe en xaneiro de 1977 por representar os tres unha organización “ante cuxa relacións de fins non cabe senón pensar que semellante teoloxía política está en aberta contradición coa finalidade esixida polo apartado b) do artigo 1º da lei de Amnistía (insisten) indebidamente aplicada”.

A Lei de Amnistía pódese suspender

De tal sentenza pódese deducir –contra o que se pensaba até o de agora– que o máximo tribunal naquel momento, e ante un caso no que estaba implicados antigos militantes antifranquistas –que comezaran a actuar como organización en agosto de 1975 e practicou actos de loita armada como outras organizacións e activistas aos que se lle aplicou a amnistía sen problema ningún– si se viu con capacidade legal para anular a que hoxe segue a ser considerada como unha intocábel Lei de Amnistía.

Ao respecto desta lei, no ano 2009, o Comité de Dereitos Humanos da ONU, amoestou o Reino de España en termos moi duros cando lle recordou ao goberno español que “os delitos de lesa humanidade son imprescritíbeis”. Referíanse á insistencia por parte das autoridades españolas que a Lei de Amnistía impide que se anulen decisións ou actuacións, recollidas no seu articulado como amnistiábeis, previas a súa promulgación. Unha situación que, coñecendo a sentenza de anulación do Tribunal Supremo que aplicou para caso de quen fora dirixente da folga xeral de Vigo de 1972, Abelardo Collazo, e os outros dous membros dos GRAPO, enténdese que creou xurisprudencia para ser aplicada, con semellantes razoamentos, a franquistas implicados en actos de extrema violencia. Unha situación que nunca máis se volveu producir por parte do Supremo que, pola contra, nunca chegou a anular as amnistías individuais concedidas a todos e cada un dos membros da ETA implicados en feitos de violencia armada de igual ou moita maior intensidade que os protagonizados polos membros do GRAPO en Getafe.