You are hereO discurso terrorista do 11-S

O discurso terrorista do 11-S


O EXTREMISMO NAS DEMOCRACIAS

Mentres loitabamos contra o Este, que clase de extremismo medrou nas nosas democracias?

Durante os últimos dez anos, a verba que máis poboou o discurso da Administración Bush e a súa herdeira ideolóxica, a de Obama, foi terror. A palabra que nos bateu de fronte, que se infiltrou no noso maxín, que nos meteu o medo do corpo e que, por certo, xustificou as torturas de Abu Ghraib, o masacre que nunca coñeceremos de Fallujah e o asasinato de ducias de civís –os danos colaterais– nas dúas guerras contra o terror que levamos perdidas, entre outras atrocidades da war on terror. Dixéronnos que o terror viña do Este. Que os árabes eran sospeitosos. Que había que controlalos. E fixémolo, claro que o fixemos. Europa foi guiadiña. Asumiu o discurso de Bush de raíz. E fomos a dúas guerras coa democracia como bandeira... Para conseguirmos un mundo máis seguro. Logo Al Qaeda bateu duro. En Casabranca, en Madrid, en Londres. A retórica de Donald Rumsfeld –o diplomático que en 1984 lle estreitaba a man a Sadam Hussein tras reabrir a embaixada de EUA en Bagdad– e a de George W. Bush – o ex piloto que defendeu os ceos de Texas do Vietcong– retroalimentouse. E a disidencia mediática quedou en sordina, esmagada polas ramificacións informativas do Departamento de Estado e as súas breaking news.

Por iso cando o pasado venres 22 de xullo unha bomba rebentou o corazón de Oslo, todas as baterías mediáticas comezaron a disparar cara a un mesmo lugar. Mesmo cando se coñeceron as primeiras informacións sobre o tiroteo en Utoya –un modus operandi inaudito da Jihad ou Al Qaeda– o Este seguía a ser a hipótese favorita. Ao que se fixo público que un mozo loiro, de ollos azuis e noruegués estaba detrás da matanza, a verba terror desapareceu. Axiña se substituíu por fundamentalista cristián e extremista. E o terrorismo converteuse nunha traxedia nacional. Terían mudado as verbas se Breivik fose un louco cun pasado islamita? A linguaxe pode ser condenadamente manipuladora e espuria á sombra do pensamento dominante. Pero cando é así, acábase delatando a si mesma.

Un presunto asasino coma Breivik, que defendía unha nova “cruzada” templaria –“cruzada”, que curioso, a mesma verba que George W. Bush empregou pouco despois dos crimes contra a humanidade perpetrados en Nova York– non estaba no radar da Policía, asegurou o Goberno noruegués. Os servizos de seguridade nunca pensaron que a ultradereita puidese parir un terrorista desta caste. O radar estaba posto no Este, en Al Qaeda – Noruega ten setecentos soldados despregados en Afganistán– ou mesmo nalgunha organización pro gadafista de Libia –o país participa nas misións de bombardeo. Pero nesa sonda policial esquécense coordenadas previas. Pequenos indicios do extremismo que estaba a abrollar nunha democracia case perfecta, nun país paradigma do benestar e loitador, en teoría, pola paz.

Ao longo de varias décadas, a violencia en Noruega foi un patrimonio case exclusivo dos neonazis e outros grupos de extrema dereita. Nos setenta, por exemplo, atacaron varias librarías de esquerdas. Nos oitenta, dous neonazis foron executados polos seus compañeiros por ser sospeitosos de ter traizoado o grupo. Nas últimas dúas décadas, dous mozos noruegueses de raza non branca foron asasinados en senllos ataques. Ningún grupo estranxeiro feriu ou asasinou en Noruega a civís despois da Segunda Guerra Mundial agás o Mossad –os servizos secretos israelís– que asasinaron a un home “por erro” en Lillehammer en 1973. Pero mesmo con estes precedentes, Noruega sospeitou decontado dos islamitas. Tiñan que ser eles, os árabes. O atentado foi denunciado coma un ataque contra o estilo de vida de Noruega. Nas rúas de Oslo, as mulleres que levaban hijab e máis os homes de aspecto árabe foron acosados logo de coñecerse as primeiras noticias sobre os ataques. A retórica de Bush, Rumsfeld, Rize e agora Obama era e é pegañenta de máis como para non facer caer a pacífica Europa na súa trampa do odio e irracionalidade. A islamofobia tamén está presente en Noruega. Nos blogs racistas, nas páxinas de debate dos xornais e até nalgúns partidos radicais. O paraíso democrático non é tan perfecto.

Obama, Cameron e os principais líderes mundiais aseguráronlle a Noruega pouco despois dos ataques que loitarían xuntos contra o terror. Contra cal? Encetarán unha nova guerra contra a ultradereita, contra o racismo, contra a islamofobia ou a homofobia? Oslo non foi Nova York, senón Oklahoma. E, neste contexto, algunhas pezas do crebacabezas do extremismo de dereitas en Europa que ficaran arrombadas ante o pulo do discurso do terror posterior ao 11-S e a súa omnímoda presenza comezaron a agromar.

Un relatorio de Europol –a axencia de policía europea– publicado a pasada primavera sinalaba que o terrorismo islamita seguía a ser a principal ameaza para Europa. Pero o informe enumeraba unha serie de ataques da ultradereita esquecidos en Europa. En Hungría, tres bombas foron desactivadas en 2009 despois do asasinato de varios ciganos en 2008; en Francia, seis persoas foron arrestadas polas súas conexións coa extrema dereita alemá, e en Reino Unido a policía detivo en 1999 a David John Copeland, un neonazi que plantou varias bombas con cravos en distritos de Londres onde vivían asiáticos, británicos de raza negra ou gays. Matou a tres persoas e feriu a 129, algúns deles perderon brazos ou pernas.

Breivik é considerado un lobo solitario. Ese é un concepto cuñado pola extrema dereita de EUA nos anos setenta. Coa irrupción de Al Qaeda, os obxectivos dos fundamentalistas foron mudando. Pero esa ameaza terrorista pasou desapercibida. Estabamos envisos no discurso do outro terror.