You are hereAbusos policiais

Abusos policiais


O GOVERNO DEVE INVESTIGAR ESAS CONDUTAS

Vaia por diante que adoito crer nas versións policiais dos feitos e máis no traballo que os Corpos policiais desenvolven a prol da garantía dos nosos dereitos. Son maioría os exemplos de policías demócratas e respectuosos coas liberdades (velaí o exemplo senlleiro do xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá e tantos outros), que tamén tentan aproveitar os avances tecnolóxicos para facer máis eficiente a prestación do seu servizo á sociedade.

Mais as denuncias periódicas de organizacións tan ecuánimes como Esculca ou Amnesty International, as indubidábeis agresións de Madrid a unha moza e dous xornalistas ( no mesmo espazo e cunha diferenza de 24 horas), xunto coas moi acreditábeis versións doutros incidentes e agresións nos últimos Días da Patria en Compostela e máis na visita do papa no pasado Xacobeo, amosan unha realidade de abusos policiais que pode non ser cotián, mais si comeza ser frecuente de máis. Fronte esta alarmante realidade, o Goberno do Estado habería investigar estas conductas, mais tamén determinar se existen elementos policiais nos que concorren circunstancias físicopsíquicas que determinen a inconveniencia de que presten servizos de prevención e interposición en acontecementos de masas.

De certo son unha pequena minoría, mais os responsábeis políticos han adoptar medidas serias e urxentes. Porque non é aturábel que a cidadanía chegue desconfiar na competencia e obxectividade dos que teñen por misión defendela.