You are hereO engano das guerras humanitárias

O engano das guerras humanitárias


SENTENZAS DE MORTE COLECTIVAS

O flaxelo da guerra

Con diferenza aos animais, o homo sapiens fai estragos contínuos nos seus semellantes e parece non o saber ou non querer sabé-lo. Parece ignorar, por exemplo, que entre o início do século XIX e a primeira metade do XX mais de 150 millóns de homes e mulleres morreron na guerra e noutros feroces conflitos, grande parte deles na área europea. E os estragos continuaron e ainda continuan hoxe apesar da garantia formal do direito e das instituicións internacionais. A seguir o fin da segunda guerra mundial, mal extinto o fulgor da explosión atómica de Hiroshima e de Nagasaki, a Carta das Nacións Unidas definiu a guerra como un "flaxelo" (scourge) que a comunidade internacional estava empeñada en eliminar para sempre da história humana.
A realidade foi mui diferente. Basta pensar nas guerras que non sen razón foron definidas como "globais": a guerra do Golfo do 1991, as guerras balcánicas dos anos noventa, a agresión ao Afeganistán ainda en curso por vontade do actual presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, a agresión ao Iraque no 2003, os actuais bombardeamentos da NATO contra a Líbia de Muammar Ghaddafi, tamén queridos polos Estados Unidos. E non deveríamos esquecer a traxédia do povo palestino.
Son millares as vítimas inocentes da guerra que as poténcias ocidentais provocaron enviando a Oriente Médio centos de millares de militares -uns 500 mil soldados estadunidenses só para a guerra do Golfo do '91- e recorrendo ao uso de armas cada vez mais sofisticadas e letais como, entre outras, as cluster bombs, a bomba "corta-margaridas" (daisy-cutter), o avión non tripulado Predator, equipado con los letais míseis Hellfire. Mais os Estados Unidos recorren tamén ao napalm, ao fósforo branco e ao uránio empobrecido para alcanzar do alto os soldados e a populación civil, como aconteceu traxicamente en Fallujah. As consecuéncias humanas e sociais da guerra prolongan-se alén do conflito armado, en termos de mutilacións permanentes, descomposición da vida familiar, miséria, corrupción, violéncia, ódio, poluición ambiental. E os custos da guerra son imensos: millóns de millóns de dólares investidos só na guerra do Golfo.

A produción e o tráfico de armas de guerra está fora do controle da chamada "comunidade internacional". E o uso das armas depende da "decisión de matar" de actores estatais e non estatais que deciden segundo a própria conveniéncia. Apesar do xeneroso activismo dos defensores dos direitos humanos, emiten-se sentenzas de morte colectiva, à marxe de calquer procedimento legal, contra millares de persoas non responsáveis de ilícito penal algun. A morte fai parte de unha cerimónia que non parece suscitar nengunha emoción.

A xustificación humanitária da "guerra global"

Se se adopta unha perspectiva minimamente realista, as motivacións efectivas da "guerra global" das duas últimas décadas poden ser facilmente individualizadas. Ao lado de intereses elementares como o aprovisionamento de matérias primas, a seguranza dos tráficos marítimo e aéreo, a estabilidade dos mercados, en particular dos mercados financeiros, emerxen en primeiro plano as fontes enerxéticas de que o Oriente Médio é riquísimo: o petróleo e o gas natural, sobretodo. E se se pensa na guerras desencadeadas polos Estados Unidos, non se pode deixar de facer referéncia a un proxecto de ocupación neo-imperialista do Mediterráneo oriental, do Oriente Médio e da Ásia central segundo a lóxica do Broader Middle East.
Unha confirmación ben clara dos obxectivos reais da "guerra global" ven das motivacións formalmente manifestadas polas poténcias ocidentais. Trata-se de motivacións infundadas e, amiúde, completamente ilegais, como provan as declaracións con que a NATO – de feito os Estados Unidos – xustificou a guerra de 1999 contra a Sérbia. Declaravan que a sua non era unha guerra senón unha humanitarian intervention para acabar con a guerra en curso no interior da Sérbia pola conquista do Kosovo. Mais este tipo de intervención está manifestamente excluído da Carta das Nacións Unidas. E outro tanto pode dicer-se da guerra contra a Líbia que os Estados Unidos decidiron nos primeiros meses do ano en curso, en colaboración con a Franza, a Inglaterra e a Itália. Trata-se dunha agresión en perfeita sintonia con a guerra polo Kosovo, con a mesma motivación, con os mesmos obxectivos "humanitários", con a mesma NATO, sempre pronta a bombardar sen limites países e cidades.
Polo que di respeito à guerra polo Kosovo deve dicer-se que a fórmula humanitarian intervention, con que foi identificada polo Presidente Bill Clinton, expresa en realidade unha vontade agresiva e oportunista, à marxe de calquer respeito do direito internacional e da función das Nacións Unidas. A NATO deu cobertura a unha operación de extremo interese para os Estados Unidos, que non por acaso bombardearon do alto do céu durante 78 dias a Sérbia e Montenegro, facendo estragos de millares de persoas inocentes. Unha intervención armada por "razóns humanitárias" implicou mais de dez mil misións de ataque por parte de cerca de mil avións e o uso de mais de 23 mil enxeños explosivos entre míseis, bombas e proxécteis de uránio empobrecido. O resultado é ben coñecido: os Estados Unidos construíron no corazón do Kosovo a imponente base militar de Camp Bondsteel, que hoxe alberga perto de 7.000 soldados e está con case absoluta certeza dotada de armas nucleares.
A guerra que os Estados Unidos, xunto con os seus aliados europeus, desencadeou contra a Líbia é a prova da sua vontade de pór sob o próprio controle a área mediterránea inteira, non só o Oriente Médio e o Sul Leste asiático. Os Estados Unidos procuran esconder a sua vocación neo-colonial e neo-imperial sob o manto da enésima humanitarian intervention. Chega con dar unha vista de ollos à resolución 1973 do Consello de Seguranza do 17 de marzo de 2011, con a que se decidiu a "No-Fly Zone" contra a Líbia, para descobrir unha grave violación da Carta das Nacións Unidas. A violación da Carta é evidente se se ten presente que o parágrafo 7 do art. 2 estabelece que "nengunha disposición do presente Estatuto autoriza as Nacións Unidas a intervir en cuestións que pertencen à competéncia interna de un Estado". É portanto indiscutível que a "guerra civil" de competéncia interna da Líbia non era un evento de que pudese ocupar-se o Consello de Seguranza.
Nada mudou na estratéxia hexemónica dos Estados Unidos e isto terá consecuéncias relevantes nos confrontos do povo líbio ao que se finxe querer salvar da violéncia de un ditador. É fácil predicer que unha vez concluída a guerra os Estados Unidos e os seus aliados exercitarán o seu poder para asegurar-se o controlo da Líbia e disfrutar dos riquísimos recursos.

Conclusión

A ideoloxía ocidental da humanitarian intervention coincide con unha estratéxia xeral de promoción dos "intereses vitais" dos países ocidentais. Un proxecto de pacificación do mundo requeriria unha severa reflexión autocrítica sobre as raíces do horror que o Ocidente mostrou ser capaz de producir no pasado recente -das guerras coloniais aos Lager nazi e o Holocausto, de Hiroshima a Nagasaki – e mostra ser capaz ainda hoxe de producir. E seria necesária unha cultura política euro-americana orientada a un diálogo de igual a igual con as outras civilizacións, comezando polo mundo arabo-islámico, de modo a facer do Mediterráneo unha encrucillada da paz.