You are hereObama, o executor

Obama, o executor


Sobre a execución extraxudical de al Aulaki

Non damos creto. Parecera como que volve a poñerse de moda a Rambomanía, si algunha vez deixou de estalo, por aquelo de que a realidade supera sempre á ficción. Non foi suficiente con eliminar a Osama Bin Laden violentando a soberanía nacional de Paquistán. De executalo, sen miramento algún, para logo tiralo ó mar, iso si, polo rito musulmán.

Agora tocoulle a quenda a Anuar el Aulaki, sen dúbida un fanático predicador da violencia na rede, un iemení con nacionalidade estadounidense. Un individuo non moi distinto a eses tele predicadores que invaden a diario os canais das televisións norteamericanas. Tipos cargados de odio, moraliña e resentimento, profundamente sectarios, ultras partidarios de resolver os asuntos máis delicados coa sutileza das bombas, neste caso, lanzadas desde vehículos aéreos non tripulados chamados Drones.

Pouco importa que estas actuacións vulneren a legalidade internacional ou que provoquen con frecuencia graves danos colaterais, como aconteceu neste caso, xa que ademais da execución sumaria de Aulaki, na mesma acción foi asasinado outro norteamericano, Samir Khan. Pero, no problem, o ataque foi un éxito e estaba plenamente xustificado, tiña tamén o respaldo do Departamento de Xustiza, ¡vaia mascarada!, quen respaldou a legalidade da execución polo método máis democrático, aquel que en Palestina coñecen como "asasinatos selectivos".

Obama, ¡que decepción!, nada menos que un Premio Nobel da Paz, autorizando execucións extraxudiciais, violacións manifestas dos dereitos humanos, amparándose nunha máis que interesada legalidade. Sería, para eles, unha actuación de guerra contra dun combatente que ameaza a seguridade dos EE.UU., nada menos.

Dereito á autodefensa, loita contra do terrorismo internacional, guerra contra Al Qaeda... conceptos e consignas -mil veces repetidas- que ampararían crimes horrendos e que foron inmediatamente denunciados polas organizacións de defensa dos dereitos humanos de EE.UU, a Unión Americana de Liberdades Civís ou o Centro de Dereitos Constitucionais. Trataríanse, en realidade, de execucións sumarias contra persoas, cidadáns norteamericanos, sen cargos e sen xuízo algún, nun país soberano.

A persistencia, sine die, do estado de guerra contra do terror en USA e en todo o mundo, permite a eliminación do “inimigo”, en calquera lugar, pasándose polo arco de trunfo a legalidade internacional e os dereitos humanos. A este paso non sei onde imos a parar. Sei que existe unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un Tribunal Penal Internacional, unha Corte Internacional de Xustiza, unhas Nacións Unidas... ¿ou xa non?

Comportándose desta maneira, as sociedades democráticas, os Estados que presumen de civilizados, homológanse ó máis cruel e fanático dos violentos, perden calquera razón, a non ser a da forza, e fannos aborrecer formar parte da especie humana.

Mágoa de Obama, un Nobel das Paz reconvertido en executor. Mágoa.

Para a maioría dos medios de comunicación, esta execución criminal acadou a categoría de “breve”. Cousas da liberdade de expresión, que diría o Sr. Murdoch. Mágoa tamén.