You are hereIndulto esperpéntico

Indulto esperpéntico


AO CONSELLEIRO DELEGADO DO BANCO DE SANTANDER

Para eximir alguén do cumprimento da pena imposta por sentenza xudicial, por tratarse dunha excepción de norma, tal decisión é obvio que teña que ser escrupulosamente calibrada e obrigatoriamente xustificada, non resultando de recibo, transformar o indulto nun deterxente para limpar os lamparóns da indumentaria salpicada polas charqueiras da inmundicia, que o propio afectado, foi causando no seu turbio itinerario.

Sería cómico imaxinar que a   coincidencia cromática do fondo vermello e o branco do anagrama, fóra a razón argumental que inclina tendencia de afinidade institucional nas relacións entre o PSOE de Zapatero e o Banco de Santander de Botín, tampouco sería serio pensar, que dita tendencia  obedecese   á condonación da débeda morta e ao refinanciamento da débeda viva do partido socialista por parte da financeira de don Emilio.
 
Refugadas pois as hipóteses peregrinas e os supostos de dependencia, paradoxalmente, mais que claridade se acentúa o misterio á hora de localizar os fundamentos que seduciron a vontade do Consello de Ministros celebrado o venres día 25 de novembro, que a petición do Ministerio de Xustiza concedeu por sorpresa un indulto ao Conselleiro Delegado da entidade  financeira cántabra Alfredo Sáenz, decisión que para maior despropósito, o Tribunal Supremo tiña pronunciado o seu desacordo, non estimando fundado que devandita concesión viñese amparado en razóns de equidade ou xustiza.
 
É difícil entender a aplicación de tal indulto a quen xudicialmente foi condenado pola comisión dun delito de falsidade no tráfico mercantil con prexuízos derivados a inocentes, cando o marco legal de aplicación de tal medida está reservado para casos excepcionais, que encaixen en supostos onde a desproporción entre a pena e o delito ou outras disparidades sexa un todo contundente.
 
 No caso do Sr. Sáenz, a proba dos feitos, máis que unha medida de graza o que esixiría, sería o cumprimento estrito da sentenza co implícito da súa inhabilitación, por canto burocráticamente o indulto pode absolver da pena, pero eticamente,   non devolve a honorabilidade perdida, e esa carencia, por máis parcialidade que demostre   o Executivo de Zapatero, debese impoñer que o indultado fose apartado ipso facto do desempeño do seu cargo como primeiro executivo do Banco de Santander, pois tolerar o contrario, á parte dunha insensatez, é converter en papel mollado as esixencias legais contidas no Réxime Xurídico das Entidades de Crédito, quen por consecuencia mercantil e prestixio da actividade, prohibe de xeito concluínte   a administración de entidades financeiras a individuos que teñan antecedentes penais por delitos dolosos, como resulta ser a situación do número dous do BS.
 
Pero esta chapuza que raia no inaudito, aínda por riba ten toda a tinguidura de estar infectada de nulidade, por canto estase despistando intencionadamente a coincidencia existente entre a titularidade da Presidencia do Goberno e a Secretaría Xeral do PSOE, obviando igualmente a existencia dun negocio bancario de refinanciamento da organización política,   concertado, coa entidade da que o indultado resulta ser un alto executivo revestido de amplas atribucións e competencias.
 
O dilema está servido, pois os vínculos e as dependencias poñen  de manifesto que Zapatero estaría incurso en situación de incompatibilidade, e por conseguinte, pola súa condición dual de presidente do goberno e máximo mandatario socialista, sumado á existencia vinculante da operación financeira, viría obrigado a absterse de intervir no acto de outorgamento do indulto, pois suposto contrario, a lexitimidade de tan rocambolesco acordo, deixaría a condición de dubidoso    para tomar   a categoría de cuestionable.
 
Coma se o resultado  electoral non fose resposta dabondo, a despedida do goberno socialista non podía resultar máis patética, pois a través desta escapatoria veñen revalidar a licenciatura do disparate, cando de incógnito, sen xustificación nin argumentación posible, sen tan sequera gardar as formas, incorrendo en nulidade, deciden escandalizar a propios e estraños, e nun exercicio promocional de alarma social, determinan saír en auxilio dos intereses dun banqueiro e da súa contorna, que teñen no seu haber o demérito de ser parte da cadea financeira que pola súa avaricia e mala praxe, é parte directamente responsable do desastre económico no  que está sumido o país.
 
Resulta incrible que tal feito aconteza, pero lamentablemente éche o que temos.

Fonte: http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/