You are hereO estado inhíbese

O estado inhíbese


Cárceres de menores

O 70% dos cárceres de menores están en mans de fundacións privadas "sen ánimo de lucro" que reciben cada día entre 300 e 500 euros por menor.
"O cumprimento da condena e a rehabilitación dunha persoa condenada, sendo maior e naturalmente sendo menor, non pode deixarse en mans privadas, porque detrás da privatización hai un negocio. E non se trata de ONs sen ánimo de lucro, senón, como dicía un amigo, 'sinónimo de lucro'", afirma Félix Pantoja, fiscal do Tribunal Supremo que participou na redacción da Lei de Responsabilidade do Menor en referencia ao progresivo proceso de privatización dos cárceres de menores. Pantoja lembra ler en 2001, ano de entrada en vigor da lei, un anuncio en prensa que rezaba "Empresa en expansión necesita educadores". Dez anos despois, esas empresas en expansión controlan en torno ao 70% dos cárceres de menores.

O negocio dos cárceres de menores -do mesmo xeito que ocorre cos centros de protección- non deixou de crecer desde entón. Ningún estudo comprobou a eficacia deste modelo pivotado sobre fundacións "sen ánimo de lucro" que reciben entre 300 e 500 euros por neno/ a e día. Transferida a competencia para o cumprimento das penas ás Comunidades Autónomas, a inmensa maioría delas subrogan esta función a entidades privadas. Só Cataluña e o País Vasco manteñen cárceres exclusivamente públicos.

"A atención aos xoves vese comprometida", sinala Patuca Fernández, avogada da Coordinadora de Barrios de Madrid cunha extensa experiencia no tema, "porque se establecen criterios económicos no tratamento de menores. En primeiro lugar, a diversidade de tratamentos é abafadora. En segundo lugar, a calidade de vida dos menores, nun contexto de negocio, pode verse afectada. Mais ante todo, para Fernández, a privatización afasta a posibilidade de control que no caso dos cárceres é esencial, "pois a execución dunha medida de prisión implica un exercicio de contención. Toda a nosa configuración legal está prevista para que as persoas que están privadas de liberdade dispoñan de mecanismos de protección como é a posibilidade de denunciar torturas ou rigor innecesario". Isto, ao seu xuízo, "non se pode garantir cando os centros son privados".

Son moitas as voces que, como Jorge del Cura, da Coordinadora para a Prevención da Tortura (CPT), advirten de que "a privatización da privación de liberdade é aberrante" pois "cando se trata de xestión privada a opacidade aumenta de forma exponencial e nun contexto de negocio". A CPT recolle no seu informe anual algúns dos casos de tortura sufridos por menores en cárceres. Trátase de casos moi difíciles de documentar, pois o segredo dos centros, o medo á represión, a imposibilidade de acceso da sociedade civil aos cárceres ("é máis difícil que acceder a cárceres de adultos ") e a vaguidade coa que os rapaces refiren os casos dificúltao. "Atopámonos a miúdo con cartas que escriben os menores nas que se narran atrocidades, mais é sempre moi vago, porque son rapaces de 14 a 16 anos?.

Nos cárceres de menores prodúcense torturas que Del Cura clasifica en tres tipos: a "humillación permanente", "desde insultos, que son constantes, ás de tipo sexual, obrigándoos a espirse", "sancións arbitrarias".  "en demasiadas ocasións por condutas normais a estas idades como distraerse en clase, lanzar bolas de miolo de pan ou falar cando non se debe", incluíndo o illamento, e "agresións físicas puras e duras, o cal inclúe golpes, pontapés, puñadas, porrazos".

A Asociación Pro Dereitos Humanos de Andalucía recolleu nun relatorio elaborado en 2008 unhas 70 queixas relativas aos centros de menores de Andalucía, xestionados pola Fundación Diagrama, Ginso e Adis Meridianos. As denuncias referían unha cotidianidade infestada de prohibicións e sancións, traducidas estas últimas en encerros nun cuarto por períodos de até sete días (40 nalgún caso) ou a obrigación de permanecer sentado nunha cadeira mirando á parede sen poder moverse o máis mínimo. No lado das torturas explícitas, os menores denunciaron a utilización de grilletes para amarrálos aos ferros dunha cama sen colchón, ás veces sen poderen ir ao cuartode baño durante varias horas. O "engrilletado" é unha práctica denunciada en diferentes centros e comprobada cando xa era demasiado tarde en casos como o de Philip García, morto no centro tinerfeño Nivaria, e que valeu unha acusación criminal a cinco membros da empresa Seguridade Integral Canaria e a unha educadora da empresa Ideo.

Para Daniel Jiménez, da Asociación para o Seguimento e Apoio a presas e presos de Aragón (ASAPA), "as mortes por tortura non son excepcións senón exemplos máximos da maneira de funcionar". Desde 2001, nove rapaces morreron en cárceres. Casos como o de Philip, que apareceu cunha bolsa na cabeza, o de Miguel, que se aforcou no centro Ilundain (Navarra) xestionado por Herritz Berri, ou o de Ramón Barrios, que morreu en estrañas circunstancias no centro Teresa de Calcuta (Madrid) xestionado por Ginso.

ASAPA elaborou en 2008 un informe que denunciaba o emprego do illamento, a psiquiatrización dos casos e o emprego de psicofármacos no cárcere de menores de Zaragoza, Juslibol, "nha réplica a escala do cárcere de Zuera". Desde que fixeron o informe, non constataron cambios.Ao seu xuízo, "tanto ten dá se funciona na liña dura como cando se aprobou a lei do menor, ou se se cambia un pouco a estratexia coa medicación e a psiquiatrización e a anestesia" porque "os malos tratos institucionais teñen un proceso moi longo no que os cárceres de nenos son a culminación, un círculo vicioso co que moita xente está a facer negocio".

SINÓNIMO DE LUCRO: Fundacións que xestionan cárceres

GINSO, negocios redondos

·Asociación para a xestión da integración social· (GINSO), é unha fundación propiedade de Alfredo Santos García que xestiona varios centros en Madrid e Andalucía. Pero GINSO supón, ademais, un "paso máis aló" no modelo de negocio: tanto en Madrid como en Andalucía encargouse, a través de empresas de Santos ou dos seus socios, de construír os centros que despois xestionou. Santos colabora, ademais, con xente como Javier Urra, antigo defensor do Menor da CAM e coñecido tertuliano de Antena 3, que desenvolve nas mesmas instalacións de Brea do Tajo a actividade da súa sociedade limitada, Urrainfancia, cun programa chamado Recorra de asistencia a familias con conflitos, destinado aos rapaces que acabaron de cumprir as medidas.

GRUPO NORTE

Fundación Grupo Norte, ligada ao grupo empresarial do mesmo nome, xestiona varios centros de menores en réxime aberto e semiabierto. Representa o modelo de negocio clásico neste ámbito, que mestura a xestión de protección e a reforma de menores cunha rede de empresas de limpeza, seguridade, traballo social, telemarketing e ETT. A fundación é unha entidade "sen ánimo de lucro" creada en 2001, xusto o ano de entrada en vigor da Lei do Menor, por distintas compañías mercantís pertencentes a Grupo Norte. Foi denunciada por malos tratos en Valladolid e en Madrid, neste último caso a denuncia foi efectuada pola Coordinadora de Barrios, ao observar nuns menor hematomas producidos por porras.

DIAGRAMA

A pesar das denuncias sobre o seu modelo de intervención e as súas prácticas, Diagrama continúa xestionando centros en comunidades como Andalucía, Valencia, Murcia, Castela A Mancha e a cidade de Melilla. As denuncias fixéronlle perder algúns centros, com "Los Robles" en Madrid, mais o negocio segue vento en popa. Ademais de cárceres, xestiona numerosos centros de protección.