You are hereDereito a trato respetuoso na sanidade pública

Dereito a trato respetuoso na sanidade pública


As anedotas do SERGAS

Para celebrar o vixésimo aniversario do Sergas as actuais autoridades sanitarias non tiveron mellor ocorrencia que poñer en marcha un concurso de anécdotas. Para saber do que estamos a falar vou reproducir textualmente dous exemplos, e pido excusas por anticipado:

-Butano: “Box de Urgencias. Anamnesis del facultativo a un EPOC severo: -Y dígame, usted tiene oxígeno en casa? Y responde el acompañante: -Ai, non, nós na casa temos butano”.

-Mamadafría: “Estando en el mostrador de cita especializada se acerca un hombre seguido de su mujer y me dice: ´A ver, que veño ca muller do ginecólogo e dixo que lle hai que facer unha mamadafría`. En principio no supe ubicar la prueba a la que se refería, pero al instante se me iluminó la bombilla y dije: ´¿una mamografía?, si eso eso, pero que seña pronto. Bestial!!! (…). Me tuve que levantar para buscar el documento correspondiente (y partirme el culo de risa de paso, jejejeje)”.

Estas mostras de humor burdo e tabernario non foron recollidas na barra do bar nin están editadas nun opúsculo clandestino: están publicadas na páxina principal da web do Sergas, xusto debaixo do logotipo da Xunta. Milleiros de profesionais acceden diariamente a esta páxina e atópanse con estas pezas literarias de dudoso gusto. A grande maioría das anécdotas recollidas reflicten un esquema clásico: o señorito da cidade que xuzga con menosprezo ao paisano do rural, que fala galego.

Un médico amigo, indignado coa lectura destes textos, envioulle unha carta á conselleira: “Que na intranet dun servizo público teña cabida un concurso de anécdotas nas que algun gracioso insensato poida publicar acontecementos que ocorren cando un cidadán pide algun tipo de axuda é inaceptable. (…) Atendemos a unha poboación diversa, con diferentes niveis educativos, diferentes culturas e temos moitos usuarios de idade avanzada…Suponse que escollemos unha profesión para comprender problemas de diversa índole e non para mofarnos dos demais. Pregúntome onde queda o noso respecto polos pacientes”. Ainda non obtivo resposta.

Eu tamén considero que esta iniciativa é unha absoluta falta de respecto aos usuarios dos servizos sanitarios. Todas as persoas que utilizan a sanidade pública teñen dereito a recibir un trato respectuoso e cordial, e os profesionais temos a obriga de ofrecer unha atención correcta. Pola contra, na maioría destes textos, dunha calidade literaria infame, exprésase unha actitude irrespectuosa e despectiva cos usuarios (o paisaniño, a maruxiña..), unha evidente vulneración da obrigada confidencialidade e un completo desprezo polo idioma galego. Como ben apunta un comentario irónico: “Moi boas anécdotas. Vexo que combinades o castelán co swahili á perfección. É o que tén coñecer o idioma dos nativos”.

As autoridades sanitarias, na vez de impulsar unha iniciativa tan inapropiada, deberían:

-formar aos traballadores do Sergas para prestar unha atención humana, cordial e respectuosa, con independencia da extracción social, nivel educativo e instalación idiomática dos pacientes.

-procurar que todos os profesionais dos servizos de saúde coñezan e poñan en práctica os principios éticos da boa práctica profesional.

-fomentar a utilización do galego na relación cos usuarios, que pode producir beneficios para a saúde dos cidadáns e do propio idioma.

Con esta orientación o XX aniversario do Sergas serviría para mellorar a calidade dos servizos e procurar unha maior satisfacción dos cidadáns. Mentras non se poñan en marcha iniciativas nesta dirección eu reclamo, desde esta humilde páxina, que supriman esta páxina da intranet, que resulta tan denigrante para os nosos pacientes, e que pidan disculpas públicas os responsables de tan insensata iniciativa.