You are hereO valor do soldado Manning

O valor do soldado Manning


Bush, Blair, Aznar impunes

Agora que se dá tanto iso das enquisas ben pagas sobre que opinión ten vostede de tal ou cal cousa, que logo xa se encargan eles de convertela nunha ferramenta moi útil para a institución que as subvenciona, proporía un reto. Sabe vostede quen foi Dreyfus, Alfred Dreyfus? O caso Dreyfus"? Sairían as cousas máis inverosímiles.

Bradley Manning fixo 24 anos o sábado pasado en Fort Meade, preto de Washington, onde o día anterior se iniciou o consello de guerra que pode levalo á pena capital ou á cadea perpetua. Curioso destino para un Saxitario. Aseguran, quen sabe diso, que adoitan ser xente propensa á simpatía e á boa sorte. Naceu nun pobo de Oklahoma, Crescent City, que non figura nos mapas. De pai gringo, veterano de guerra na Mariña, e nai británica.

Colleita do 87, carne de crise a partir da separación dos seus pais, errancia doméstica e logo a aprendizaxe da vida; estudos sen interese, descubrimento da súa homosexualidade, procura de algo no que mereza a pena pousar. Talento natural cara á informática. Era o seu.

O exército de Estados Unidos descobre nese raparigo rariño que acaba de apuntarse aos marines e que se manifesta descaradamente gai, un futuro guerreiro. Envíano ao Iraque, á 10ª División de Montaña, unidade especialmente activa fronte á insurxencia iraquiana e afgá. A guerra máis alucinante coa que abrimos o noso século XXI.

O do soldado Manning eran os computadores; ascéndeno e ocúpase dos segredos peor gardados do imperio. Por moito que se queiran protexer dos hackers, os misterios da informática só os pode salvagardar outro hacker.

Tiña 21 anos cando foi destinado ao Iraque e tarda apenas outro en descubrir esa cousa terríbel, abafadora, que consiste en sentirse axudante do verdugo. É algo que non está ao alcance de todos, porque hai xente que pode facelo durante toda a súa vida adulta e non apreciar a súa singularidade. O valente soldado Manning parece que o pillou enseguida. Primeiro foron as filmacións das matanzas de civís en Iraq, despois as evocacións nazis filmadas por divertidos torturadores en Abu Graib, e por fin, a nosa Lubianka contemporánea que leva por nome Guantánamo. Non custa imaxinar a un soldado sensible ante a impunidade criminal dos seus superiores. O difícil é resolver a ecuación vital; por salvar a honra e a dignidade, esnaquizarei a miña vida para sempre. E se só fose a vida? Será a calumnia, a traizón, a humillación pública, e como colofón, a difamación cotiá a mans dos depositarios da verdade histórica.

Cando deteñen o soldado Bradley Manning a finais de maio de 2010 conseguira pasar millares de informes secretos á rede Wikileaks para se faceren públicos. Aí está o condensado dunha política de Estado no seu carácter ruín, desalmado, de bandoleiros de luxo. E sobre todo, impunes. Algúns dos nosos talentos locais, nas minchas da súa frivolidade, fixeron o símil con Anacleto, axente secreto; nunca pedirán perdón, son funcionarios, e os funcionarios ao uso distínguense pola súa capacidade para non asumir responsabilidades. O Poder con todo tívoo moi claro desde o primeiro momento. Coa colaboración dun delator, Adrian Lamo, ao que o incauto Manning confesou a súa fazaña, comezou a caza, implacábel.

 

Nin sequera os diarios máis importantes do noso mundo occidental, ilustrado e liberal, puideron soportar a presión do Departamento de Estado norteamericano. Unha cousa é a decadencia e outra conservar aínda o poder real sobre vidas e facendas. A lectura de Gibbon e o seu imperio romano en descomposición esixe unha lectura lenta, nada espasmódica. Aínda quedan moitos anos para un cambio de ciclo real, e ninguén pode garantir que sexa para mellor. O soldado Manning foi encarcerado en condicións da Inquisición, como ocorreu sempre, na antigüidade e a modernidade, sexa nazi, estaliniana ou imperialista. E como sempre, tamén comezou a demolición ética dos protagonistas. Julian Assange, o comunicador, converteuse nun violador de suecas. Violar suecas é o límite do machismo occidental, recoñezámolo nós, españois criados no subdesenvolvimento. A narrativa deses coitos con condón ou sen condón, voluntarios ou involuntarios, farase algún día un clásico da comedia picante. Nunca duas fodiñas tiveron tanta transcendencia histórica. O de Homero e A Iliada reduciríase a unha cuestionábel de violencia de xénero.

Probabelmente ante a figura de Bradley Manning moitos volverán repetir as frivolidades que se chegaron a dicir de Alfred Dreyfus, un cabaleiro burgués e xudeu, tan diferente deste Manning da marxinalidade. Evitamos rememorar os comentarios xornalísticos de entón, tan similares a estes de hoxe sobre a conspiración, a tentativa de minar a civilización occidental, a ofensa ao exército máis poderoso da terra, defensor da liberdade alí onde se atope? Manning foi encarcerado na base de marines de Quantico (Virginia) en condicións infrahumanas e alá pasou case un ano, durmindo en calzóns, sen sabas nin mantas, e coa luz acesa. Lémbralles algunha vella historia, hoxe tan xustamente deostada?

Probablemente libre a vida, e mesmo se lle atenuará a cadea perpetua se asume denunciar Julian Assange e o converte en reo da xustiza norteamericana. O seu avogado, David Codmas, comezou preguntando ao tribunal militar: onde está o dano?, onde o perigo? E tiña razón, o dano e o perigo era o do poder non o da cidadanía. Agora, ao parecer, debátese a un nivel máis baixo e exponse se o soldado Manning era un travesti ou sinxelamente un discapacitado. O único que non cabe admitir ante un tribunal militar é que obrou como un soldado consciente da súa conciencia democrática. A invasión do Iraque foi un crime que debe levar aos tribunais aquel trío que a promoveu e inventou as mentiras para o masacre. Bush, Blair e Aznar son máis susceptíbeis dun tribunal de guerra que o honorable soldado Bradley Manning, que acaba de facer 24 anos e ao que nunca xamais o deixarán ser novo, valente e digno.

Nunha desas crónicas que fan historia, Christophe Ayad, en Le Monde, describía o final do exército de Estados Unidos no Iraque:  "Han marchar como ladróns, en metade da noite, sen diciren adeus e sen ollaren para atrás? Así abandonaban o 18 de decembro, á alba, un centenar de vehículos e os últimos 500 soldados da 1ª división de cabalaría, o país que invadiran en 2003, co alborozo de tantos, hoxe taciturnos. Cruzaron o posto fronteirizo de Kuwait e pecharon, ou creron pechar, unha páxina miserábel da historia de EE. UU. Deixan un país máis esnaquizado, corrupto, dividido e sumido na miseria, do que atoparon con Sadam Husein, o seu veterano aliado de outrora.

E nesas páxinas de merda e sangue que eles escribiron, e cuxa pegada non se borrará en décadas, haberá polo menos un capítulo digno, un apartado dedicado ao valor do soldado Brandley Manning, de Oklahoma, que foi capaz de pór ao descuberto eses fondos que xamais aparecen nos discursos. A verdade dunha guerra, os motivos dunha invasión, as razóns para cubrir unha mentira. Pagarao a un prezo que nós non seriamos capaces de asumir.

Hai tempos que alimentan a frivolidade como a xiada, o noso é un deles. E entón ocorre como noutras épocas, que alguén se pregunta para que tanta morte? Cen mil iraquianos e 4.500 norteamericanos. E decerto que en Estados Unidos, ademais das viúvas, os feridos -preto de 40.000-, o home que haberá de levar sobre si o castigo que non cumprirán os seus dirixentes será o Manning de Oklahoma, que se exhibirá como un traidor até ser rescatado por unha novela, un ensaio, unha vellaría.