You are hereOs vasos comunicantes

Os vasos comunicantes


Dereitos civis e dereitos sociais

Nestes días saltaba aos medios de comunicación a noticia de que o flamante novo goberno confirmaba a compra dunha importante partida de gases lacrimóxenos que xa concertara o goberno sainte. Pouco despois coñecíase que , con destino na Garda Civil , contratárase un importante subministro de pelotas de goma, para disolver manifestacións.

Polo menos, hai acordo nos nosos gobernantes ou en quen lle dita o discurso,  en como afrontar o descontento social derivado das medidas antisociais que aplican.
Acordo acerca de qué clases sociais deben pagar a crise… e acordo acerca de   qué trato merecen no caso de amosar á sociedade a súa disconformidade . Consenso este das nosas elites que pon de manifesto o seu profundo convencemento da necesidade de ter un Estado de Dereito enfraquecido para enfraquecer doadamente o Estado Social.
Mágoa que nos colectivos,  organizacións e cidadáns defensores dos dereitos sociais e das liberdades públicas tal clarividencia non se albisque. Levamos anos de divorcio militante entre activistas na defensa dos dereitos fundamentais de primeira xeración (os que traballan no campo chamado de forma xenérica “antirrepresivo”) e os defensores dos dereitos vinculados á reinvidicación laboral, medioambiental ou do Welfare State, como se as restricións duns e doutros tivesen motivacións diferentes, executores diferentes e recaísen sobre clases sociais diferentes.
Nin a teimuda realidade é quen de imporse a certos preconceitos. Da falacia desa división temos proba cumprida na Galiza. Así , por non nos remontar moi lonxe , todos recordamos como unha manifestación  de descontento veciñal no Eixo , que pouco tiña que ver coa defensa de dereitos fundamentais de primera xeración  topou cunha resposta penal desmedida e mobillizou parte do movemento antirrepresivo de Galiza en apoio dos condeados.
Este antecedente amosa claramente que esixir da policía e dos seus mandos políticos, por exemplo, que cumpra a previsión regulamentaria de levaren a identificación visíbel en calquera actuación ten unha continuidade e retroalimenta a loita sindical levada en xaneiro do ano pasado contra a  primeira reforma laboral, na que algúns dos integrantes dun piquete en Ourense non poideron identificar un axente que actuou desproporcionadamente sobre unha  xove traballadora. Ou a pelexa por defender dereitos sociais como o dereito a unha sanidade publica digna para todos sen excluir persoas desempregadas ou migrantes carece de solución de continuidade coa defensa dunha sanidade integrada no sistema nacional de saúde para as persoas recluídas na cárcere , sen que este sexa un tema exclusivamente anti-represivo.
Se vertemos en varios vasos de diferente forma e volume , unidos todos eles pola base ou parte inferior , un líquido homoxéneo este acadará en todos eles o mesmo nivel. Se incrementamos o volume de liquido , o nivel subirá na mesma medida en todos vasos. E se  o volume líquido merma, o nivel dos vasos baixa por igual en todos. Tal é como nos explicaban a teoría dos vasos comunicantes.
As leis físicas , ás veces , parecen pensadas para explicar de forma doada a realidade social. Na Galiza , nos últimos anos non é infrecuente topar con resolucións das autoridades gobernativas prohibindo manifestacións absolutamente pacíficas por motivos fútiles, ou ver como esas manifestacións van acompañadas dun dispositivo policial que tende a disuadir da presenza no acto. Coñécense casos de detencións violentas ou desproporcionadas denunciadas polas persoas afectadas, intervencións en relación a migrantesa con dubidosa cobertura legal…. Afecta isto só ao nivel do vaso “antirrepresivo”?
Un estado de dereito feble é a mellor garantía dun estado social en retroceso.O terreo está preparado para criminalizar as protestas , para xustificar a contundencia contra os defensores dos dereitos sociais en fase de recorte . En tanto baixaba o nivel do vaso das liberdades fundamentais , decrecía a altura de líquido no vaso dos dereitos sociais, sen nos decatar . E , hoxe ,  que mais sutil mecanismo represivo podemos esperar  que a limitación  dos dereitos sociais que tiñan por obxecto crear unha sociedade mais xusta e igualitaria , cuns minimos vitais garantidos?. De novo, a baixada do nivel nun vaso arrastra para o fondo a altura do líquido no comunicante.
Mais só estamos a falar de física…!

Fernando Blanco Arce

Presidente de EsCULcA

Fonte: Galicia Confidencial