You are hereCrueldade, impotencia

Crueldade, impotencia


O MURO CARCERARIO

Se copio do dicionario Ir Indo a definición do adxectivo cruel, sae isto: Que se comprace en facer sufrir ou en ver como sofren os demais. O Estraviz explícame que é cruel quen é “capaz de fazer padecer a outros ou de ver que padecem sem se comover”. E o dicionario da real Academia Galega (permítaseme escribir real con minúscula, como seica o facía o noso grande poeta Curros) dime: Que fai sufrir sen sentir pena por iso ou mesmo compracéndose.
Non sei se os responsábeis do funcionamento do sistema penitenciario acadan para si o compoñente de sadismo que inclúe algunha destas descricións da palabra cruel. O que semella evidente é que regularon o seu lerio para facer sufrir a quen está preso, mais non só. Para facer que padeza o entorno familiar e social de quen estea encadeado. E os feitos confirman que moito mellor canto maior sexa a intensidade do sufrimento.
A miña experiencia de relación con este sistema é recente. Comeza coa detención do meu fillo Antom Santos o 2 de decembro de 2011, en Lugo, acusado de non se sabe que. Polo que coñezo da súa declaración perante un xuíz do tribunal que substitúe ao famoso e franquista Tribunal de Orden Público, a xa non menos famosa Audencia Nacional, el declarouse, sen dubidalo, independentista galego, e negou ter relación con ningún feito penado pola lexislación española vixente. O xuíz decretou secreto de sumario, e ordenou ao mesmo tempo o seu inmediato ingreso en prisión.
Aplicáronlle a Lei Antiterrorista, contestada, como é sabido, por Amnistía Internacional. Permaneceu incomunicado ata o 5 de xaneiro, cando o levaron á Audiencia. Seguiu sen contacto co exterior ata o 9, día no que lle permitiron facer unha chamada á casa, de 45 segundos, desde a Prisión de Aranjuez, onde ingresou despois de pasar uns días na de Soto del Real. Repare o lector, a lectora, de que falamos de máis de seis días sen que o preso se poida poñer en contacto con ninguén. Onde fican os dereitos humanos máis elementais?, os que con frecuencia invocan as persoas con poder nestes eidos, onde se vende, con técnicas semellantes ás da venda de aspiradoras, unha modélica organización política, a democrática civilización occidental.
Despois veñen máis atrancos. Disfrazadas de burocracia, pedras no camiño de familiares e de todas as persoas do seu entorno, para que o secuestro legal, o illamento do preso, sexa o máis efectivo posible. A arañeira de Kafka, como toda (re)creación da imaxinación humana, queda moi curta á beira da realidade cruel que constrúe o sistema. Ata o día 18 de decembro, ata os quince días ben cumpridos desde a detención, non lles é posible, a súa nai e a seu pai, velo. E canto custa chegar ao Centro Penitenciario Madrid VI de Aranjuez! Non se está a falar dos 650 quilómetros de distancia que cómpre percorrer, e mais os outros tantos da volta. Moito máis difícil que guiar o coche por Castela adiante, en inverno, entre brétemas intensas e xeadas, contra reloxo para atender as obrigas laborais, pois as visitas están marcadas para as sete e media da tarde dos domingos, moito máis difícil é peneirar a confusa e contraditoria información que se fornece desde as cadeas.
Vai pasando o tempo, e ao preso, como se dixo, aínda non pode visitalo ninguén diferente de seus pais, que se achegaron a onda el en todas as ocasións que puideron. Ademais do duro sistema carcerario, que mesmo raciona os libros (só permiten retirar tres por semana da biblioteca), dos máis de quince días que tarda en recibir unha carta, sempre que non a devolvan cun pretexto, e poderíanse enumerar en longa restra outros exemplos de represión, ademais diso, aínda hoxe, 18 de xaneiro, non pode o preso poñerse en contacto por teléfono con ninguén. Impídenllo atrancos burocráticos que non somos quen de desbloquear.
Impotencia, si, é o estado de ánimo que te anega. Pero cómpre seguir a furar con constancia, para ir abrindo buratos neste muro carcerario.
Para rematar, algo que un entende como obvio: a inequívoca solidariedade coas persoas que están na mesma situación. Porque hai máis presos e presas, aquí, onde o mundo se chama Galicia, e tamén fóra dela. E, por asociación de ideas, chega agora á punta dos meus dedos esoutra palabra: Capital, Kapital (o adxectivo que lle acae medra, rotundo,  nun poema de Chus Pato)