You are hereDeconstrución neocon da xurisdición de menores

Deconstrución neocon da xurisdición de menores


Populismo penal

Un dos dogmas do pesimismo afirma que se algunha cousa pode empeorar decerto há de empeorar. Porén , non parecía tarefa doada facer da actual Lei Penal do Menor unha lei peor. Mais o “progresista” Gallardón acaba de dar cumprimento cabal ao paradigma pesimista dinamitando na súa comparecencia na Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados o espírito que, dicíase, impregna a letra da actual Lei do Menor.

Pode ser que, os que somos críticos con esa Lei polo seu nidio enfoque sancionador,  nunca chegáramos a imaxinar que nos veriamos compelidos a  defendela  fronte a propostas lexislativas como as que acabamos de coñecer, nacidas dun  populismo punitivo ainda mais  exacerbado que o anterior.

Pode ser que, dende un ponto de vista técnico , fose aconsellábel adiar a análise á publicación íntegra do anteproxecto de lei. Mais a gravidade do que se anuncia obriga a advertir sen demora  da  irresponsabilidade dos autores da proposta, tanto polas obvias eivas que, dende un punto de vista garantista, presenta a reforma avanzada como por o seu contido vir confirmar mais unha vez que no eido penal os responsábeis políticos atenden antes a conseguir  efectos propagandísticos beneficiosos para os seus intereses do que a garantir os postulados dun Estado de Dereito moderno. Ás veces , o silencio pode constituir unha conduta  prudente mais outras abeirase demasiado  da cumplicidade, ou  polo menos  da complacencia.

A reforma anunciada establece que se unificará a investigación e o axuciamento nos casos por delito grave en que estean implicadas persoas maiores de idade e menores. É obvio que o sr. GALLARDON olla de esguello para o asunto “Marta del Castillo” e aproveita a ocasión para  deitar a semente dunha imaxe de “falcón punitivo” que espera xerminará mpulsando a súa carreira na dereita mais dura.

A nota de prensa do ministerio, pondo a venda antes da ferida , precisa que esa unificación non suporá mingua dos dereitos do menor, nun inciso que confirma a mala conciencia, técnica e politica, do autor da proposta mais en absoluto garante que iso vaia ser así.

A verdade é que, tecnicamente , a reforma lexislativa que propón Gallador suporía -sen dúbida ningunha- míngua deses dereitos. Atenta prima facie  contra o dereito do menor ao xuiz natural (os xulgados de menores) residenciando o axuizamento  nunha xurisdición allea á establecida con carácter xeral por lei , creando una xurisdición ad hoc nunha orixinal sorte de tribunal especial.

En segundo lugar, supón unha indefinición para o menor , dado que o procedemento de aplicación e o órgano xurisdicional que coñeza van depender dunha calificación como delito “grave". Grave en que sentido? En sentido técnico penal? Ou grave pola súa repercusión nos programas matutinos que alentan o ánimo vindicativo social?

Por último, a reforma proposta pretende dar cabo  da pretendida finalidade educativa da lei do menor . Os menores van ser xulgados como maiores de idade, con parámetros penais puros, non matizados pola finalidade de reducación. É dicir, fronte ao menor infractor renúnciase explícitamente a toda filosofía educativa que se dicía fundaba a xurisdición de menores para predicar a necesidade de finalidades retributivas puras que é cara onde se encamiña o dereito penal da mao do populismo punitivo. Isto supón a quebra do sistema de xustiza de menores, que, se antes era manifestamente mellorábel, a proposta de Gallardón empeora de maneira considerábel.

Políticamente , as conclusións que decorren do anuncio desta reforma son preocupantes.  Lexíslase a instancia de pulsións sociais (alimentadas polos medios de comunicación, e buscando a definición-creación de novos inimigos  : migrantes, islamistas, “radicais”…  menores violentos). Lexíslase en base a unha porcentaxe ínfima das infraccións  cometidas por menores  (ainda que a propaganda mediática leve a pensar o contrario, son escasos os delitos graves cometidos por menores de 18 anos) . Abórdanse os conflitos sociais cunha única medida:  “tolerancia cero”  (represión penal e nada mais que represión penal).

Todo isto nun proceso alimentado polas elites políticas no seu propio beneficio: a creación-definición  de novos inimigos que axuda a distraer a atención da desarticulación de políticas sociais (“recortes”) e do abismo cada vez maior que separa ricos e pobres. Tamén crea nichos de negocio ao abrir o campo á privatización dos servizos punitivos, como pode contecer co Centro de Menores Montealegre de Ourense  que, segundo soubemos estes días, rematará en maos da xestión privada se a sociedade non o impede. É  unha inxenuidade pensar que non hai importantes intereses económicos por detrás do pano deste populismo penal.

E despois? Prisión perpetua revisábel, regulación da multirreindencia….O ministro ten presa en aplicar a a receita neocon  para chegarmos de imediato a ese estado de dereito de baixa intensidade,  como tan atinadamente foi definido hai pouco, que será o resultado ineludíbel  destas políticas penais que o Sr. Gallardón e os seus secuaces queren aplicar, tamén, aos nosos menores.