You are hereA dispersión penitenciaria

A dispersión penitenciaria


Castigo cruel e ilegal

No pasado mes de xaneiro transcendia  a diversos medios dixitais o artigo publicado por Xosé Luís Santos Cabanas, pai de un cidadán galego , preso preventivo por resolución do xulgado central de instrución na prisión de Aranjuez. En poucas liñas, Xosé Luis Santos facía unha lúcida descripción , dende a súa dor e  a dos seus achegados, da crueldade engadida que a chamada “dispersión penitenciaria” supón sobre o castigo legal que  é a privación de liberdade.

Como engadir algún calificativo á definición como cruel que un afectado pola dispersión fai dela? Non só sería unha ousadia , sería tamén un xesto fútil. Por moi elevado que sexa o grao de empatia que se poda acadar, os golpes doen a quen os recibe e unha persoa solidaria poderá  describir os hematomas mais non poderá sentir  o sofrimento inflixido polos golpes. Este há de ser portanto o momento de calar .
Mais, tomando como alicerce da reflexión a dor das vitimas,   algo mais sí se pode dicir sobre a dispersión penitenciaria , algo descoñecido as mais das veces por ficar intereseiramente agochado .
 O primeiro que se debe establecer claramente é que , amais de castigo engadido, a chamada dispersión   choca coa  filosofía e mesmo co teor dalgún precepto da  nosa lexislación penitenciaria.
Politicos e xornalistas que defenden o sistema de dispersión reiteran que non hai norma na lexislación penitenciaria que avale que @s pres@s deban cumprir a súa condea ou medida de prisión preventiva preto do seu lugar de orixe. Isto é incerto. Non existe norma que expresamente determine o carácter ilegal da dispersión penitenciaria mais sí hai normas que sinalan, de xeito nidio, unha tendencia a que  pena de prisión se cumpra no medio social habitual. Así, o artigo 12 da Lei Orgánica Xeral Penitenciaria  sinala que  “a ubicación dos establecimentos penitenciarios será fixada pola Administración penitenciaria dentro das Áreas Territoriais que se designen. En todo caso, procurarase que cada unha [das Áreas Territoriais] conte con número suficiente de aqueles [centros penitenciarios] para satisfaceren as necesidades penitenciarias e evitar o desarraigo social dos penados”. Da lectura do  texto dedúcese a existencia dunha vontade lexislativa  que impón que en cada zona territorial haxa prazas para as persoas que procedan desa área, de xeito que  non se rompan os vinculos coa súa contorna familiar e social.
Tal esixencia ten carácter reforzado para os preventivos. Artigo 8 da Lei Orgánica Xeral Penintenciaria: “En cada provincia poderá  existir mais de un establecimento de preventivos”. É dicir , para evitar o desarraigo familiar e social da persoa reclusa, a lei establece a conveniencia de que exista máis de un centro de preventivos en cada provincia. Hai que concluir pois que estas normas  son ignoradas por xerarcas do ministerio de interior e contertulios afins.
Sobre as consecuencias da dispersión penitenciaria existen numerosos informes que describen a inhumanidade que supón inflixir un castigo non previsto na lei a familiares das persoas presas. Asi se recolle nun recente informe de ETXERAT, que menciona a elevada cifra de familiares falecidos en accidentes de tráfico ocasionados polos longos  desprazamentos a cárceres afastados da súa localidade de orixe. Así o describe no seu artigo  Xosé Luis Santos. E así o relata pormenorizadamente tamén  o informe elaborado polo Observatori del Sistema Penal i Els Drets Humáns, intitulado O cárcere na contorna familiar , en que se describen as consecuencias negativas , incluindo as económicas, que ten esta política para as familias que sofren o ingreso dos seus familiares en cadeas afastadas do  domicilio. Informe que non se refire exclusivamente a persoas presas condeadas pola Audiencia Nacional, acusadas de delitos de pertenza a banda armada ou delitos afins , senón a todo tipo de persoas , incluindo as categorizadas de forma non moi afortunada como “delincuencia  común”.
Non hai mais que asomarse aos relatos de presos como  Xose Tarrio , Patxi Zamoro ou Sergio Sampedro para constatar como a dispersión se ceba nos presos alcumados “comúns” a nas súas familias. Como o afastamento da sua contorna , familia e apoio social é utilizado como ferramenta de castigo para calquera persoa presa, non só para colectivos especificos.
Son tempos de revisar as politicas de excepcionalidade , nacidas ao socairo de circunstancias politicas que mudan. Mais o sofrimento engadido de castigar os presos por medio do afastamento da súa contorna  perdeu o seu inicial carácter excepcional e chegou ser o rexime ordinario, o que fai que sexamos pesimistas de cara a unha mudanza da politica de dispersión penitenciaria.
Seguiremos vendo presos de Sevilla en Teixeiro , de Valencia na Lama…e seguiremos vendo galegas e galegos en Aranjuez. Seguiremos escoitando as familias describiren as longas viaxes de nove horas  para disfrutar de unha  comunicación dunha hora. Seguiremos escoitando politicos e tertulianos afirmaren  que tal situación se axusta á nosa lexislación penitenciaria, ainda que non sexa verdade. E seguiremos pedindo que volten a casa …todos e todas.