You are hereSementando a xenofobia dende o poder

Sementando a xenofobia dende o poder


Reflexións á volta dunha Resolución do CAT

Por decisión de 25 de novembro de 2011,   coñecida recentemente ,  o  Comité contra a Tortura da ONU (CAT) declarou que o  Reino de   España violara a Convención internacional contra a Tortura e outros  Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes. Non é a primeira vez que Organismos Internacionais  chaman a capítulo o estado español  polo seu escaso respecto aos dereitos fundamentais . Sospeitamos que non será a última, ante o mantenimento dunha cultura punitiva que aborda os problemas sociais da mao de producións  lexislativas na órbita do pensamento da “tolerancia cero” e da cultura de excepcionalidade. Mais neste caso a gravidade dos feitos sobre os que o CAT se pronuncia obrigan, alén de dar  noticia dos feitos , a realizar  unha reflexión  de nidio perfil poliédrico.

Os feitos son xa  coñecidos. A denuncia describe que na noite do 25 -26 de setembro de 2007,  fronte ás costas de Ceuta,  unha nave  da Garda Civil, con tres axentes, interceptou catro persoas de orixe  subsahariana  -tres homes e unha muller- que tentaban acceder a nado á cidade. Segundo a denunciante, irmá do migrante falecido a raíz destes feitos,  os axentes levaron as catro persoas a bordo da patrulleira a augas do Estado Alauí , picáronlles os salvavidas e forzáronnas a botarse ao  mar preto da costa,  a pesar de que unha delas,  Lauding Sonko, senegalés de  29 anos, se agarrou á borda da nave policial berrando que non sabia nadar. A Garda Civil  empregou a forza  (habitual eufemismo por utilización de porras, empurróns, golpes …) para lanzalo ao mar. Finalmente , cando os  funcionarios policiais, que contemplaban o afogamento desde a embarcación policial, se  decataron de que Lauding non conseguía chegar á beira , un deles se botou á auga. levou o corpo a terra e fíxolle unha masaxe cardíaca. O xove senegalés faleceu e foi enterrado sen identificación.  Con base nesta denuncia , o organismo da ONU para a erradicación da Tortura ordena agora ao estado español proceder a unha investigación  adecuada e imparcial dos feitos, perseguir e condenar as persoas responsábeis deles. Colíxese da Resolución que o CAT  constata  unha vulneración do artigo 16 da Convención contra a Tortura en canto se aprecia trato cruel, inhumano e degradante.

Até aquí unha síntese dos feitos. Mais as facetas valorativas dos mesmos abranguen varias faces.

A primeira , de estrita técnica xurídica, non ofrece maiores dúbidas. Os axentes encargados de facer cumprir a lei incumpriron de forma flagrante o artigo 23 do Regulamento de Estranxeiria (que é calquera cousa menos unha norma benévola para os migrantes) . Este precepto sinala que as forzas policiais que sorprendan persoas tentando entrar ilegalmente en territorio español , teñen que conducilas á maior brevidade posíbel a comisaría para identificación e devolución. Nese trámite, a persoa migrante ten dereito a asistencia xuridica gratuita  e intérprete.

Mais, os axentes da benemérita, é de supor que convencidos de que eles non deben someterse a lei, decidiron privar de facto os migrantes destes dereitos e executar manu militari (e nunca mellor expresado) unha resolución que competia ao subdelegado de goberno. Non consta que por unha tan patente violación de dereitos fundamentais  e por usurparen funcións fosen sancionados.

Tamén, permanecendo na cara xurídica deste sórdido poliedro, compre notar que até un estudante de dereito penal podería afirmar que hai serios indicios da comisión dun delito de homicidio na modalidade de comisión por omisión del art.11 do código penal, tanto pola posición de garante que os gardas asumen ex lege como por teren causado previamente o risco que logo se concreta no resultado. Porén, ningún dos órganos xurisdicionais españois reparou nesta calificación indiciaria, ainda que debemos supor que os titulares deses órganos aprobaron todas as asignaturas da licenciatura, incluído o dereito penal.

Estes feitos chaman a unha reflexión de pura ética colectiva. Queremos vivir nunha sociedade na que suceden impunenemente feitos como estes? Podemos encher a boca falando das maravillas do noso sistema cando as garantías do estado de dereito son derrogadas por decisión dunha patrulla policial co resultado da morte dun xove africano que berrou até morrer que non sabia nadar? Poderiamos seguir acumulando preguntas, mais a resposta sería a mesma : se aceitamos de bo grado feitos como estes e a impunidade dos seus autores, hai que recoñecer que a nosa sociedade leva dentro unha pulsión antidemocrática que ao mellor non se explica exclusivamente polos cuarenta anos de franquismo.

E fican para o fin as conclusión politícas e sociolóxicas

Na face política, resulta magoante que o noso sistema non sexa quen de dar unha resposta contundente ás denuncias por torturas e teña que ser un órgano como o CAT o que repare a deixación de funcións da nosa xurisdición interna e dos órganos políticos competentes. Certo que a perda dunha vida non se vai reparar por una actuación dilixente dos nosos órganos xurisdicionais o políticos. Mais se o sistema non é quen de respostar áxil e imparcialmente a unha atentado tan grave aos dereitos fundamentais e resarcir os prexudicados, debemos concluir que o noso  estado de dereito  non pode calificarse precisamente de sólido, movédonse do líquido ao gaseoso se a vítima é unha persoa de orixe subsahariana.

E socioloxicamente , a mensaxe que ofrecen as forzas policiais e os seus responsabeis políticos non pode ser mais preocupante: unha persoa de raza negra e estranxeira pode ser arroxada ao mar  por policías brancos e españois , violando  nidiamente a lei de estranxeiria , sen que a xustiza española , conformada por maxistrados e maxistradas non africanos  esixa responsabilidades e sen que os responsábeis políticos desta policía , tamen españois e brancos, tenten romper coa impunidade flagrante …até que un órgano non español (supranacional, como o CAT) e interracial sinale contundemente que houbo trato cruel e deshumano .

Se os nosos dirixentes, aparte de exerceren as súas competencias,  pretenden facer pedagoxía, a conclusión é aterradora.

Hai que mirar ao futuro e esperar das autoridades políticas das diversas policías un celo especial en previr excesos policiais que podan albergar tintes xenófobos … por dereito e para evitar a mensaxe social da impunidade do racismo .

Na nosa terra, a Asociación Sen Papéis e o Foro Galego da Inmigración veñen pondo o foco nas numerosas queixas por comportamentos irregulares de axentes concretos da Policía Local da Coruña en relación con vendedores ambulantes de procedencia africana. Por agora , a actuación dos responsábeis políticos é negar a maior, simplesmente. Confiemos en que a resolución do CAT os  anime a reflectir e investigar áxil e imparcialmente estes feitos… non vaia ser que o Alcalde Sr. Negreira teña que ver algún día como  o CAT, ou outro órgano análogo, impón unha investigación que se pudo realizar e non se realizou.