You are hereDoenza e morte no cárcere

Doenza e morte no cárcere


O SISTEMA PENITENCIARIO ESPAÑOL A EXAME
21/02/2012

É un feito que nos cárceres españois a morte está presente demasiadas veces; a doenza- mental afecta a máis de 18.000 persoas e as drogodependencias ao 50% das persoas internas en prisión.
Resultan, cando menos, moi preocupantes, eu diría que escandalosos, estes datos que nos presenta a realidade actual dos cárceres españois.
"Lembrar que a Administración ostenta un singular deber legal de garantir a vida e a integridade física e psíquica por parte de quen exerce unha función de custodia", ("Outro dereito penal é posible, documento 2º"). Este recordatorio contrasta coa realidade da morte case permanentemente nos cárceres do Estado, co número de persoas doentes mentais absolutamente inadmisíbel, e coa porcentaxe preocupante de persoas dependentes e consumidoras de estupefacientes.
Resúltanme imprescindibeis e necesarias estas reflexións, ante feitos que se repiten lamentabelmente con demasiada frecuencia. Como é posíbel que permaneza nun Centro Penal unha persoa enferma de SIDA en fase terminal; ou un doente en fase de postración cunha enfermidade sen solución, como o cancro; ou un enfermo mental; ou un consumidor habitual de drogas, mesmo até chegar a falecer no Centro?
A humanización e os Dereitos humanos que esta sociedade di defender deberían facerse realidade constante e eficiente no tratamento de tantos e tantos casos que esixirían que estas persoas estivesen nos mellores lugares para un adecuado tratamento, ou no ámbito do coidado familiar, se falamos de persoas en situación de sufrir doenzas en fase irreversíbel.
Entre os anos 2.000 e 2.008, segundo fontes da S.G.I.P, e que recolle o libro Andar un Km. En liña recta, faleceron por diversas causas máis de 1.500 persoas nos cárceres españois. Chama poderosamente a atención de que só en 2.008, 94 delas faleceron por sobredose ou por SIDA.
Neste mesmo libro afirman os autores que, "nos cárceres non hai nin a adecuada asistencia sanitaria, nin sobre todo a asistencia en materia de saúde mental que a prevalencia de trastornos mentais en prisión esixiría".
A anterior Secretaria Xeral de Institucións Penais chegou a afirmar que os cárceres españois estaban cheos de pobres e enfermos mentais.
O Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanías calcula "que en España a poboación recluída que presenta problemas de consumo de substancias ilegais supera o 50%. O que equivale a máis de 25.000 persoas drogodependentes en prisión".(XV Congreso Políticas Sociais para abolir a prisión).
Este mesmo informe do Congreso, di que, "a demanda de droga vai en aumento dentro das prisións, sendo difícil o control da oferta por razóns sanitarias e estruturais".E continúa, "a prisión como espazo pechado e illado activa o contaxio de condutas e estreita a relación entre prisión e drogas".
No mesmo informe recóllese que "Institucións Penais estimaba un 25,6 % de poboación presa con diagnóstico psiquiátrico e de trastornos de personalidade". Desta maneira os cárceres convertéronse en psiquiátricos sen o ser.
Diante desta tremenda realidade xórdenme preguntas como: Por que alguén que non pode responsabilizarse do seu delito, debe pagar por el? Non é sintomático o número de mortes dentro dos cárceres para considerar a ineficacia dos procesos utilizados con persoas en situacións agudas e de trastornos graves? Non debe reformularse a política do sistema penal ante a ineficacia nestes casos? Que pensar desde estes casos, demasiados, ante o custo dunha persoa presa, máis de 40.000 euros ao ano, e a falta de capacidade de resposta?.
Probabelmente o Sistema de seguridade carcelaria que apoiamos con tanta forza desde a sociedade de maneira indiscriminada, debe considerar algunhas propostas urxentes como, ningún enfermo mental ou crónico no cárcere; que a sanidade penal pase a ser xestionada na súa totalidade desde o Sistema Público de saúde, tal como está contemplado lei, mais non feito efectivo; que a drogodependencia pase a ser considerada como unha doenza para ser tratada desde o sistema Público de Saúde e non desde os Servizos Sociais; ou que casos extremos sexan tratados de forma especial cos tratamentos adecuados fóra sempre dos propios cárceres, evidentemente, non preparados para estes tratamentos.
Moitos pasos haberá que dar e moitos medios hai que comprometer, mais nunca se debe renunciar a actuar e a utilizar os medios e as ferramentas máis adecuadas para procurar humanización.