You are hereKafka en Ferrol.

Kafka en Ferrol.


O asunto Lafayette
04/03/2012

"E se os sofrimentos das crianzas foron completar a suma de sofrimentos necesaria para a verdade, de antemán afirmo que a verdade non vale prezo semellante.”
                                                                                         (Iván Karamazov)

Somos moitas as persoas que cremos que, se  todos os dereitos deben ser protexidos, fronte ás violacións dos dereitos das crianzas hai que ser especialmente exixentes cos poderes públicos. En EsCULcA, a estas alturas, non temos a certeza de que na súa actuación no caso Lafayette a Fiscalía teña respondido a esa exixencia.
Os feitos foron xa relatados moitas veces. En novembro de 2011, un cidadán denunciou na Fiscalia de Ferrol ter visto menores a bordo do buque Lafayette, en reparación nun dique de Navantia, realizando traballos de extrema dureza, mal vestidos e sen ningún tipo de protección. (ver aqui o relato completo).
A pesar da gravidade das circunstancias descritas, poucas foron as medidas que se tomaron para averiguar a verdade. Unha inspección de varias horas na contorna do dique en que se encontraba o Lafayette, o exame de pasaportes e roles de embarque de algúns tripulantes e algunhas entrevistas pareceron á Fiscalía indagacións suficientes para determinar que non había indicios que xustificasen outras actuacións.
Non se procurou coñecer os testemuños doutras persoas que tiveron constancia directa dos feitos, non se aceptou revisar as gravacións das cámaras de seguridade como solicitara o denunciante nen se fixo xestión algunha para rexistrar o buque ainda que se trataba dunha denuncia por suposta explotación de traballo infantil e o barco estaba en dique seco. Finalmente, a Fiscalía decidiu arquivar a denuncia e o Lafayette pudo abandonar o estaleiro, mes e medio antes do prazo previsto, para partir rumbo a Las Palmas.
Estes son os feitos. Amnistía Internacional e Save the Children interesáronse polo sucedido e o noso observatorio, ao coñecer o arquivo pola Fiscalía , solicitou copia das dilixencias preprocesuais a fin de constatar se os poderes públicos foran dilixentes nun caso de alegada explotación laboral de menores.

Na porta da pazo

En decembro pedimos á Fiscalía copia das actuacións realizadas a fin de emitir un xuizo público fundado  sobre a suficiencia da investigación. Cando a Fiscalía preguntou para qué contestamos que para valorar a actuación fiscal e, no seu caso, denunciar a súa insuficiencia. Non houbo reposta.
A segunda vez que tentamos traspasar a porta da lei foi nunha entrevista co Fiscal Xefe de Galiza,  Sr.Varela. E de novo ficamos  no limiar. Agora o argumento foi que EsCULcA no podía ter acceso ás dilixencias por non existir previsión estatutaria. Mais o certo é que ningún órgano da Fiscalia invocara esa inexistencia, antes ben, requereusenos no seu día que identificásemos o motivo, esixencia previa regulamentar para a expedición do testemuño ou copia.
Até aquí estaríamos perante un caso de opacidade dun poder do estado, actitude grave mais estatitiscamente frecuente . Mais o Fiscal Xefe foi máis alá:  sinalou que tería sido mellor denunciar perante o xulgado de garda -confirmando así a parquedade do actuar da Fiscalía, mostrando escasa confianza no poder investigador da institución que encabeza en Galiza e revelando a fraqueza do seu papel de protección nun asunto de explotación laboral de menores- ... e animounos a formular a denuncia agora, tres meses depois de o buque zarpar.
O feito de a  Policia Xudicial non atopar indicios da existencia de menores no barco que permitise unha medida restritiva de dereitos como interesar a entrada e inspección do buque aconsellaba, afirmo o Sr. Varela, non correr o risco de provocar un conflito diplomático. Mais, para encontrar indicios, hai que buscalos. É difícil imaxinar que, de existiren os menores, os seus nomes figurasen no rol da tripulación e eles fosen autorizados a baixar ao dique. Por qué o fiscal de Ferrol non esixiu á Policia practicar dilixencias complementares? Por qué non se tomou declaración a outras testemuñas nen se reclamaron as gravacións? Por qué o Ministerio Público se sentiu satisfeito con tan insolvente investigación?
Entre as funcións do Fiscal está a de protexer a/os menores en territorio español, sexa cal for a súa nacionalidade, sen someterse a criterios de oportunidade “internacional”. Perante a suspeita, era obrigado pedir a orde de rexistro, por moi mal que esa petición pudese sentar nos círculos diplomáticos do país de orixe do buque.
As persoas e asociacións que intervimos neste asunto tememos que o destino dos menores poida terse visto afectado pola nosa actuación e a impotencia mostrada polos poderes públicos para protexer a infancia. A conciencia é un implacábel  órgano xurisdicional.
Kafka describe en O Proceso a fábula dun cidadán que empeñou a vida á espera de traspasar o limiar da porta da lei, custodiada por un funcionario. Confiemos que a próxima vez sexamos capaces de traspasar a protexida porta e conseguir unha eficaz defensa das vítimas, ou, no peor dos casos, de depurar as responsabilidades a que houber lugar.
Hai uns dias soubemos da morte dun adolescente acontecida no Centro de Menores de Monteledo en Ourense. EsCULcA  observará atentamente a actuación dos órganos fiscais, que esperamos sexa mais dilixente que a desenvolvida pola  Fiscalía de Ferrol .