You are hereDía da muller en folga de fame

Día da muller en folga de fame


Hana Xalabi
09/03/2012

O día da muller deste ano, en Palestina, tivo como protagonista unha muller en especial: Hana Xalabi. O motivo é que, malia ter unha historia non atípica, si é diferente. Hana ten 30 anos, é de Burqin, unha aldea no norte de Palestina, e pasou parte da súa vida no cárcere. Ata aquí, nada particular, e é que un 40% da poboación palestina estivo detida algunha vez e apenas hai familias onde algún dos seus membros non pasara nunca por prisión. O que fai especial o caso de Hana Xalabi é que está baixo detención administrativa, coma outros 300 palestinos, e dende hai máis dun mes está en folga de fame.

En Israel, unha detención administrativa pode chegar a durar seis meses, aínda que este período é renovable, e iso pode provocar que se acaden os oito anos de prisión sen ningún tipo de proceso xudicial. O caso, practicamente descoñecido, deuse a coñecer o mes pasado, cando Jader Adnan pasou máis de dous meses detido sen ser xulgado e 66 días en folga de fame. Hanna Xalabi, igual que Jader Adnan, decidiu protestar contra as medidas que cohiben a falta de liberdade da poboación palestina, cunha folga de fame, á que non pensa renunciar ata que a poñan en liberdade.

O 18 de outubro de 2011, tras dous anos en detención administrativa, Hana Xalabi foi liberada, grazas ao acordo de intercambio de prisioneiros entre o goberno israelí e Hamás. Hana Xalabi estaba entre os máis de mil presos que recuperaron a liberdade, á vez que o soldado israelí Gilad Xalit. Con todo, catro meses despois, o 16 de febreiro, a palestina volveu ser arrestada.

O 16 de febreiro, uns 50 soldados israelís rodearon a casa de Hana Xalabi e detivérona. Sen ningunha orde de detención, levárona, esposada e vendada, deixándoa illada durante unha semana; ao cabo da cal, recibiu a noticia de que permanecería baixo detención administrativa ata o 16 de agosto. Dende entón, os pais de Hana decidiron secundar a folga de fame da filla, incapaces de loitar doutro xeito en favor da liberdade da familia.

O caso de Hana Xalabi non é único na familia. Ela mesma estivo detida noutras ocasións e un dos seus irmáns morreu, en 2005, durante unha incursión militar na aldea, só tres meses despois de saír do cárcere. A nai aproveitou o día da muller para lembrarlle á comunidade internacional o que está sucedendo en Palestina: “Pido que o mundo a apoie agora. A miña filla está morrendo en prisión. Nós tamén estamos morrendo aquí. Isto é o que lle pido ao mundo”.