You are hereManual de xestión da crise, por Felip Puig

Manual de xestión da crise, por Felip Puig


José Ángel Brandariz
09/04/2012

 Felip Puig, un gris político profesional de Convergència Democràtica, conselleiro de Interior da Generalitat de Catalunya, estase convertendo nos últimos meses na personaxe que exemplifica un determinado xeito de xestión da crise. Responsábel da desaforada violencia policial contra o movemento 15M do 27 de maio do ano pasado, na súa imputación por estes feitos non só defendeu a inxustificábel vulneración de dereitos, senón que insinuou que determinadas actuacións policiais non poden estar suxeitas a responsabilidade

Por se iso non debese bastar para excluílo do exercicio de cargos públicos, durante as últimas semanas volveu aparecer, neste caso enunciando una serie de retóricas caracterizadas pola insensatez sobre as expresións de conflito social manifestadas en Barcelona con ocasión da recente folga xeral. Súas son as apelacións a expresións completamente manidas (kale borroka), as demandas dunha ampliación liberticida do concepto terrorismo, a celebración do emprego dunha institución tan cuestionábel como a prisión preventiva, a invocación do medo como método de goberno, a confusión entre locais sindicais e depósitos de explosivos, ou a identificación internacional de Barcelona non tanto coa queima de Starbucks, senón coa violencia de policías encarrapuchados.

Toda esta listaxe de desatinos podería facer de Felip Puig unha personaxe anómala, caracterizada por una xestión gobernativa grotesca. Sen embargo, é probábel que o conseller poda operar, por desgraza, como metonimia de fenómenos de goberno da crise que desbordan o seu quefacer individual.

Mal que ben, a política devastadora que CiU leva adiante en Catalunya desde hai ano e medio, e que ten feito de Barcelona unha triste sombra do que fora tempo atrás tiña sido, podería entenderse como o anuncio do que está xa a acontecer no resto do estado. Do mesmo xeito, Felip Puig podería verse como modelo de modos de xestión da crise no conxunto do Reino. Non en van, nas últimas semanas xurdiron expresións que fan eco coa nefasta política do conseller catalán. Por unha banda, o ministro do interior entendeu que a única resposta á violencia policial en València en febreiro pasado non é a firme depuración de responsabilidades, senón un endurecemento dos delitos de desobediencia e resistencia a axentes da autoridade. Como se non soubésemos que estes ilícitos xa plantexan na práctica gravísimos problemas de aplicación, derivados da súa severidade e do seu uso arbitrario, como teñen apuntado mesmo sindicatos policiais.

Por outra banda, retornan as sempiternas –e insensatas- demandas de endurecemento do Código Penal, enunciadas polo presidente da Xunta, e inclusive –nun exercicio de singular obsolescencia- por un suposto movemento social animalista. Por se todo iso non bastase, nos orzamentos xerais do estado as partidas de seguridade descenden só un 0'6%, entre 25 e 65 veces menos que as de cultura, educación ou investigación. Alén de que percibamos niso que as forzas de seguridade son inmunes á crise (por qué non existe precariedade ou empobrecemento de recursos no funcionarado policial?), semella que a actividade policial é imprescindible para a xestión da crise, mais a cultura ou a educación non o son.

Como diría un filósofo da rive gauche, nisto hai bastante de repetición, mais tamén de diferenza. Ou, como diría un poeta de orixe renana, hai bastante de traxedia, mais tamén de farsa.
 
A repetición, e a traxedia

É lamentábel que se retorne ás tradicionais solucións de orde pública e demanda de castigo como métodos de goberno do social no contexto da crise. É lamentábel porque o Reino de España ten xa unha inveterada tradición de entendemento autoritario da orde pública. As elevadas taxas de poboación penitenciaria, incomparabeis cos demais países da contorna cultural, que conviven cuns baixos niveis de delincuencia e conflitividade social non menos estruturais, son a mellor expresión diso. É lamentábel porque ciclos anteriores de xestión de fenómenos sociais mediante a lóxica autoritaria do castigo teñen xerado resultados mais ben tráxicos: vale lembrar o ciclo de heroína ou o disciplinamento, manifestamente xenófobo, da migración irregular.

Trátase, en suma, de un retorno á invocación das pulsións tanáticas do corpo social, de xeito que se logre convencer de que a solución para a inseguridade vital e existencial é o autoritarismo dos modos de goberno hobbesianos, se non directamente schmittianos. Dito doutro xeito, é o retorno da singular historia española dun proceso de democratización tardío, permanentemente incompleto, e doadamente reversíbel.

Mais todo iso é lamentábel por un elemento máis contemporáneo. Resulta doado percibir que no contexto da crise a reiteración de solucións recorrentes sexa consonte coa cultura autoritaria da dereita, así como coa falla de imaxinación e capacidade para saír da gravísima situación presente. Non obstante, hai algo máis neste retorno ás lóxicas autoritarias. Se os primeiros anos da crise estiveron caracterizados por un formidábel esforzo para lograr unha distribución inequitativa do empobrecemento social, de xeito que os causantes da depresión non se vexan en absoluto afectados polos seus efectos, na etapa de PP-CiU a consigna é a xeración de medo, para que ninguén se atreva a cuestionar esa redistribución no momento de aprofundamento do ciclo de pobreza.
 
A diferenza, e a farsa

O problema deste tipo de políticas é que os reloxos nunca andan para atrás, e que a obsolescencia é un risco permanentemente ameazante. Copiar modelos políticos do pasado sen entender os elementos de discontinuidade histórica non adoita ser unha solución sabia. E precisamente isto é o que parece acontecer na conxuntura presente. Hai diversos elementos que permiten intuír que o que outrora funcionou cos heroinómanos ou cos migrantes irregulares non vai servir coas amplísimas capas da poboación empobrecida.

En primeiro lugar, unha lección que amargamente terán que aprender é que a cohesión social require algo máis que o medo. Nin sequera Schmitt pensou que o excepcionalismo sirva en toda situación. A profundidade do empobrecemento é tal que pensar nunha xestión simplemente autoritaria do conflito social é algo máis que quimérico. A caída de Zapatero acabou coa última narrativa da dereita que servía de dique de contención ante o descontento. Agora, os tempos da paciencia colectiva aceleráronse, e discorren en contra das dereitas gobernantes. Tanto, que seguramente aos partidos das maiorías absolutas se lles podería aplicar unha expresión frecuente na Italia de hai algunhas décadas: "mai così forti, mai così deboli". Con todo, nalgúns lugares, como a cidade de Compostela, o ciclo de catro anos de goberno anómalo pode resultar tan eterno como devastador.

En segundo lugar, un elemento que coloca estas políticas na diferenza en tanto que farsa ten que ver coa permanente tensión entre o conservador e o neoliberal. As prácticas autoritarias de castigo non só son cuestionábeis en termos de dereitos e liberdades, senón que custan cartos, e non poucos. E falta por ver que no contexto da crise se logre o reparto de diñeiros públicos que permitiría tales políticas, tendo en conta que nin sequera os estadounidenses o conseguiron. Hai indicios de que se trata dun obxectivo inviábel: desde o continuado descenso da poboación carceraria nos últimos dous anos (un 8'5% entre maio de 2010 e febreiro de 2012), até a notábel restrición das expulsións administrativas para migrantes sen papeis. O autoritarismo require recursos inxentes, e a economía neoclásica ven a relembrar a Felip Puig, e a todos aqueles que compartan o seu pesadelo distópico, que neste momento non os hai.

Precisamente por iso, para asumir a diferenza, e para non incorrer na farsa, os responsábeis políticos deberían facer cursos acelerados dunha materia tan infrecuente en terras ibéricas como a da xestión negociada do conflito social. Se non o fan, só lles vai quedar rogar que a emigración veña a converterse no mecanismo estrutural de estabilización que eles non teñen capacidade algunha de producir.