You are hereÉ transparente, accesíbel e participativa a iniciativa do goberno?

É transparente, accesíbel e participativa a iniciativa do goberno?


Miguel Angel Presno Linera
11/04/2012

 

É coñecido que o Goberno español publicou o Anteproxecto de Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Tamén que abriu un proceso de consulta pública electrónica. Sendo nova en España esta posibilidade, se do que se trata é de promover a transparencia, a participación e o acceso cidadán tería que facerse de maneira máis aberta: con máis tempo para participar e non unicamente 15 días; con máis posibilidades e non o límite de 1024 caracteres, e con maior posibilidade de interacción e comunicación pois á hora de participar non se pode ver que é o que xa dixeron e suxeriron outras persoas. Nada que ver co previsto nesta materia pola Comisión Europea, en Estados Unidos polo proxecto OpenCongress ou o que propón en España a Coalición Pro Acceso. E iso sen entrarmos nalgúns contidos do Anteproxecto como os numerosos límites previstos no artigo 10 (igualdade das partes nos procesos xudiciais e a tutela xudicial efectiva, funcións administrativas de vixilancia, inspección e control, intereses económicos e comerciais, política económica e monetaria, segredo profesional e propiedade intelectual e industrial, garantía da confidencialidade ou o segredo requirido en procesos de toma de decisión, protección do medio ambiente), o carácter negativo do silencio da Administración (artigo 17), a inexistencia dunha Autoridade independente que garanta o exercicio do dereito ou a exclusión da Casa Real (non mencionada no artigo 2).

 

Cabe lembrar, como explica Karl-Peter Sommermann “A esixencia dunha administración transparente na perspectiva dos principios de democracia e do Estado de Dereito”, en Ricardo García Macho (ed.): Derecho administrativo de la información y administración transparente, Marcial Pons, Madrid, 2010, páx. 25), que a información sobre o funcionamento das institucións e os actores responsables (transparencia institucional), sobre os procesos de formación da vontade (transparencia procedimental) e sobre o contido das decisións e os seus motivos (transparencia material) axudan os particulares a controlar mellor a actuación dos órganos públicos, a participar nos asuntos públicos e a facilitar a realización dos seus dereitos. A transparencia é un elemento esencial na estratexia de restablecer a confianza no sistema democrático e de salvagardar o Estado de Dereito nunha realidade cada vez máis complexa.

 

Emilio Guichot (Transparencia y acceso a la información en el Derecho Europeo, Editorial Dereito Global, Sevilla, 2011) insiste en que “é esencial aprobar unha norma sobre transparencia e acceso á información en España que estea á altura dos tempos e adaptada á crecente reivindicación de profundización democrática” e lembra que “os países pioneiros no recoñecemento e regulación do dereito de acceso á información pública atópanse entre os máis desenvolvidos do mundo desde unha perspectiva democrática. Pode verse o seu traballo Transparencia y acceso a la información pública en España: análisis y propuestas legislativas, Fundación Alternativas, 2011. Para información detallada é moi recomendábel o portal Transparencia Internacional e esta entrada de Xornalismo con futuro.

Publicado en El derecho y el revés