You are hereO paradigma de modernidade do embaixador de Israel

O paradigma de modernidade do embaixador de Israel


Celso López Pazos
02/06/2012

A imaxe dun cativo Estado de Israel amezado polo mundo árabe cambiou durante o goberno de Levi Eshkol (1963-69) aplicado a difundir a nova fotografía dun país de rebordante agricultura, de inxeniosas patentes, de industrias de éxito e de pleno emprego. A cámara pasaba por xardíns babilónicos de eficiente rego automático para rematar nunha aldea palestina pobre e desolada, a esperar un burro augador. Unha imaxe valía máis que mil palabras: mentres uns se laiaban da necesidade, outros facían pola vida.

Este vello discurso de supervivencia pola inventiva foi o que repetiu en Vigo o pasado luns no Club Faro o embaixador de Israel para España e o Principado de Andorra. Como di o catedrático de Historia da Universidade de Chicago John Mearsheimer, ao Estado de Israel preocúpalle enormemente o control do debate: centrarse en cifras de produción, en número de patentes, nos bos resultados da agricultura. O embaixador explica que estes resultados son a realidade sen discusión do actual Estado de Israel. Preguntado polo estado de guerra no que ten lugar tanta modernidade, o embaixador redúceo a "diferencias entre vecinos".

A modernidade dun país só pode medirse en termos de progreso legal e democrático. Mal se presentará, polo tanto, como paradigma de modernidade un Estado como o de Israel que nega dereitos básicos a máis dun millón de habitantes en razón da súa procedencia étnica, que ignora o dereito á asistencia legal ás persoas detidas, que considera legal a tortura ou a violencia equivalente que significa manter a menores na cadea polo delicto de tirar pedras aos soldados que ocupan a súa terra.

O que o embaixador presenta coma paradigma de modernidade foi obxecto do maior número de resolucións condenatorias do Consello de Dereitos Humanos da ONU (máis ca todo o resto de estados xuntos).

Non pode presentarse como un Estado de progreso o que está rexido por leis racistas que prohíben desde o retorno de 4.700.000 persoas expulsadas até os matrimonios mixtos e constitúe un desafío á racionalidade considerar un avance histórico e convivencial o expolio dos recursos naturais do pobo palestino, demoler as súas vivendas, privalos da auga, contaminar a terra con armas químicas e condenalos ao consumo de acuíferos contaminados polos colonos.

A expresión "diferencias entre veciños", utilizada con desleigo polo embaixador, é na realidade o dereito de Palestina, recoñecido pola ONU, a reclamar a súa terra roubada por Israel. O que nos trouxo a Galiza o embaixador é a vella mentira de Eshkol para vestir a violencia, o expolio e a guerra colonial.

 

Original: Praza Pública