You are hereXustiza para todos?

Xustiza para todos?


Pilar Zato Montenegro
03/06/2012

No pasado mes de marzo, o Consello de Ministros aprobou un Anteproxecto de Lei que ten como finalidade a revisión e aumento das taxas xudiciais. Estas elimináranse coa Lei de Supresión de Tasas Xudiciais , a Lei 28/1986, de 24 de decembro, que baseaba tal supresión no art. 119 da Constitución Española, onde se expón que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e en todo caso a respecto de quen “acrediten insuficiencia de recursos para litigar”. Xa que logo, non é o dereito á xustiza gratuíta un dereito absoluto e ilimitado senón prestacional e de configuración legal cuxo contido e concretas condicións de exercicio corresponde delimitar ao lexislador, un precepto que, como vemos, ten dous contidos: un de carácter indispoñíbel para o lexislador, que é recoñecer e garantir o dereito á xustiza gratuíta para quen xustifique insuficiencia de recursos económicos; e outro de carácter dispoñíbel exposto no párrafo “cando así o dispuña a lei”.

Así as cousas, é un goberno conservador o que através da Lei de Medidas Fiscais, Administrativas e do Orde Social, Lei 53/2002, de 30 de decembro; reintroduciu as taxas no ámbito da xustiza, e é novamente un goberno conservador o que as aumenta.

A taxa, portanto, é un pago por acceder ao servizo que presta a administración de xustiza, que ao meu xuízo constitúe unha simple restrición do servizo público.

Contodo, o Ministro de Xustiza aproveita unha sentenza do Tribunal Constitucional, a sentenza 20/2012, de 16 de febreiro; para facer un incremento de xeito cómodo. A sentenza, así, fai compatíbel a imposición de taxas coa tutela xudicial efectiva e co dereito á xustiza gratuíta, pois estabelece que a imposición de taxas so atacaría tales dereitos se fosen tan elevadas que anulasen ou obstaculizasen estes dereitos. O Tribunal Constitucional segue o mesmo criterio que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na Sentenza Kreuz contra Polonia de 19 de xuño de 2001, na que expón que o requisito para o aboamento de taxas xudiciais en procesos civís non conculca o dereito de acceso a un tribunal que recolle o Convenio de Roma, aínda que matizando que as devanditas taxas non deberán ser tan altas que impidan satisfacer o contido esencial do dereito de acceso efectivo á xustiza.

A finalidade, pois, é dupla, dunha banda co eufemismo “para evitar a litixiosidade artificiosa que satura actualmente os xulgados” agóchase a intención de diminuír o acceso á xustiza, isto é, pechando un pouco as portas ou pagando entrada, se se me permiten estas imaxes; e doutra, o anteproxecto xustifícase como un xeito de conseguir financiamento para o sistema de xustiza gratuíta, de forma que o goberno, polo tanto, xustifica a medida restritiva para garantir aquilo que propiamente restrinxe.

O Anteproxecto, no entanto, non realiza unha simple ampliación de taxas, pois introduce novidades de fondo calado, ampliando os suxeitos pasivos que deben aboar taxas para poder iniciaren o exercicio da potestade xurisdicional nos ordes civil e contencioso-administrativo, pois na Lei 2002 debían facer este aboamento aquelas empresas con facturacións elevadas por riba dos seis milleiros de euros: se o Anteproxecto se leva a término, calquera empresa, independentemente da súa facturación, deberá aboar taxas.

Mais tamén as persoas físicas con recursos económicos estarán na obriga ao abono das taxas xudiciais agás os beneficiarios da xustiza gratuíta, mais a maior novidade é a imposición de taxas no orde social, aínda que “só” na segunda instancia, onde se pasa de 0 euros a 500 en suplicación e a 750 en casación, é dicir, cobraríase unha taxa aos traballadores e beneficiarios da Seguridade Social que recorresen contra as sentenzas da xurisdición social.

A imposición de taxas por acceder ao recurso sen distincións entre traballadores e empresarios anula o beneficio da xustiza gratuíta a favor dos traballadores que recolle o artigo 2.d da Lei 1/1996, de 10 de xaneiro, de Asistencia Xurídica Gratuíta.

No orde civil, as taxas elévanse nos procesos verbal e cambiario, de xeito que se pasa de 90 a 150 euros, mentres que nos procesos ordinarios se incrementa de 150 a 300 e, finalmente, no proceso monitorio pásase de 50 a 100. O premio gordo é para os recursos de apelación: nestes varíase de 300 a 800 euros, 500 euros máis, e no recurso de casación pagaremos 1200 euros fronte aos 600 que se satisfacían anteriormente, isto é, unha suba do 100%. Na xurisdición contencioso-administrativa sóbense, no proceso abreviado, de 120 a 200 euros, no proceso ordinario de 210 a 350, e nos recursos aboaríamos o mesmo que no orde civil. A segunda instancia, polo tanto, desorbítase, e vistas as cantidades achamos que un particular ou unha empresa que queira chegar á derradeira instancia permitida no ordenamento xurídico español deberá pagar a “simbólica cantidade” de 2300 euros, máis ou menos.

Con efecto, os cidadáns temos o dereito a acodir aos tribunais na defensa dos nosos lexítimos intereses sen que se nos poida impedir este acceso por medio dun sistema de taxas que prexudicaría gravemente a aquelas persoas con menos medios económicos. Temos dereito, portanto, á tutela xudicial efectiva; e temos dereito, como non podería ser doutra maneira, a unha xustiza como garante do Estado de Dereito en que se nos di que vivimos. Ou non vivimos nun Estado de Dereito? Ah, claro, este é outro cantar.