You are hereGallardón: a sen vergoña dun ministro

Gallardón: a sen vergoña dun ministro


Sabino Cuadra Lasarte
26/06/2012

Afirmouno Peces-Barba, un do sete santos pais da Constitución. Despois de espetar o seu marcado acento conservador a José Mª Ruiz-Gallardón, man dereita de Fraga Iribarne en Alianza Popular, aquel contestoulle: Conservador eu? Terías que coñecer o meu fillo. Ese si que é conservador! Referíase a Alberto, o seu vástago, o outrora alcaldísimo de Madrid e agora ministro de Xustiza. Non sabemos se o sogro deste, José Utrera Molina, ministro de Franco e Secretario Xeral do Movemento durante a Ditadura, compartía tamén a mesma opinión. É posíbel que si.

A pasada semana, no Congreso, Amaiur preguntou ao Goberno se tiña "intención de realizar algunha actuación tendente a determinar as responsabilidades derivadas dos sucesos acontecidos durante os Sanfermines de 1978 en Pamplona". Lembramos os feitos. A Policía, despois de finalizar a corrida de touros do 8 de xullo, entrou na arena da praza -a desculpa foi unha pancarta pedindo a amnistía- golpeando e disparando pelotas contra quen alí estaban. A agresión foi respondida e entón disparou lume real, de forma indiscriminada, contra a xente dos tendidos, resultando sete feridos de bala, algúns deles graves.

Os enfrontamentos estendéronse despois por toda a cidade. Un informe oficial falou de que foron utilizadas 5.000 pelotas de goma, 1.000 botes de fume e outros tantos de gases. Da emisora policial gravouse o seguinte: "Atirar con todas as enerxías. NON VOS IMPORTE MATAR". A orde foi obedecida e a Policía disparou máis de cento cincuenta proxectís de lume real. Un raxada asasina acabou coa vida de Germán Rodríguez. Días máis tarde, nas manifestacións de solidariedade que se estenderon por toda Euskal Herria, a Policía matou en Donostia outro mozo, Joseba Barandiaran.

Ningún policía foi expedientado, procesado, nin condenado. A xustiza non achou culpábel ningún. Martín Vila, ministro do Interior, afirmou: "Os nosos son erros, o deles son crimes". Esa foi a súa vara de medir: hai vítimas de primeira e segunda. En resumo, políticos cínicos, crimes impunes, xustiza servil. As mortes matadas de Germán e Joseba non computaron.

O ministro contestou de forma vellaca. Botoume en cara, en primeiro lugar, que fixésemos a pregunta xusto o día despois do "25º aniversario de Hipercor, onde foron asasinadas vinte e unha persoas, entre eles catro nenos". Gallardón sabía que a nosa pregunta, feita inicialmente ao Goberno por escrito, levaba dous meses sen ser respondida, esquecida en vaia a saber vd. que caixón; sabía tamén que a orde do día de cada sesión, é fixada pola Mesa do Congreso, onde o seu partido, o PP, ten maioría absoluta, e sabía tamén, por último, que despois de ser negado a Amaiur o dereito a ter grupo parlamentar propio, os nosos poderes e dereitos no hemiciclo son de risa. Ou sexa, o ministro oficiou de trileiro e xogou suxo mesturándo todo,

Gallardón afirmou que aquel ano de 1978 ademais deste producíronse outros arquivos de causas por delitos terroristas "foron corenta os asasinatos de ETA que quedaron impunes porque non se coñeceu ao seu autor". É dicir, nun evidente lapsus linguae, o ministro recoñeceu que as mortes de Germán e Joseba foron asasinatos, delitos terroristas impunes. Pois ben, se isto é así: a que espera o seu Ministerio para atender as esixencias de verdade, xustiza e reparación negadas durante este trinta e catro anos?

A doutrina de Martín Vila segue hoxe plenamente vixente: "Os nosos son erros. O deles son crimes". Despois da legalización de Sortu, Gallardón lembrounos que eles serán a "sombra" desta organización e que "non chegou, de ningunha das formas, o día da impunidade", engadindo que ninguén debe esperar que "os condenados pola lei e polos tribunais" vaian recibir "ningún tipo de conmutación de pena, indulto ou excarceración". Obviamente, non se refería a Barrionuevo, Beira, Galindo, San Cristobal, condenados a varios centos de anos de cárcere pola comisión de crimes do GAL (secuestros, torturas, asasinatos...), que non chegaron a cumprir, de media, nin a décima parte das penas impostas, senón aos actuais setecentos presos e presas vascas, ou ás máis de duascentas persoas que esperan xuízo por realizar actividades estritamente políticas ou sociais.

Gallardón, a quen lle crecen as desvergoñas na súa propia casa e no máis alto da súa querida xudicatura lle agroman guinness do pelo de Carlos Divar (que sentenzas podería facer semellante especime?), afirmou en relación con este último escándalo que é preciso "mirar cara adiante". Ou sexa, máis do mesmo. Nuns casos, hai que esquecerse de todo: borrón e conta nova; noutros, o pecado cometido esixirá penitencias eternas.
A xustiza do ministro Gallardón non é cega, senón chosca. Por un ollo non ve nada. Con el analiza casos como o de Sanfermines-78; o do 3 de marzo de Gasteiz; os de Gladys do Estal, en Tudela; Mikel Arregi, en Lakuntza; Mikel Zabalza, en Intxaurrondo-Bidasoa...; é o ollo cego aos informes de malos tratos, torturas e violacións policiais de dereitos humanos feitos por Amnistia Internacional, a Unión Europea e a propia ONU. O outro ollo, pola contra, ten vista de lince e, non só iso, senón que usa lentes de aumento. Con el olla Sortu, Amaiur, Bildu; os centos de presos e presas vascas; Miren, Arnaldo, Sonia, Rafa e Arkaitz; a mocidade vasca; o sindicalismo contestatario e os movementos sociais rebeldes,...

Até un ministro de Xustiza do PP pode entender que todas as vítimas han de ter una mesma consideración e trato ao ser valoradas e xulgadas, sen que poidan facerse distincións entre elas. É o normal, non? Por iso é polo que a nosa pregunta terminaba así: "Sr. Ministro: depois de 34 anos de desvergoña administrativa, política e xudicial esiximos tan só verdade, xustiza e reparación. É moito pedir?". Insistimos, é moito pedir?