You are hereEstrasburgo: o final dunha quimera

Estrasburgo: o final dunha quimera


José Ángel Brandariz García
12/07/2012

Banda sonora recomendada:
El final de una quimera (Surfin´Bichos, El amigo de las tormentas, 1993)

    Esta mesma semana, unha Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), con sede en Estrasburgo, na resolución Del Río v. Spain, declarou ilegal a aplicación da denominada "Doutrina Parot" (orixinada pola Sentenza do Tribunal Supremo [TS] 197/2006, de 28/II), nun asunto interposto pola reclusa Inés del Río, encarcerada desde xullo de 1987 por delitos de terrorismo. A Sala do TEDH considera que a aplicación de tal doutrina é incompatible cos artigos 7 (principio de legalidade penal) e 5.1 (dereito á liberdade e á seguridade) da Convención Europea de Dereitos Humanos (CEDH). En consecuencia, a Sala dispón que o Reino de España poña en liberdade inmediatamente á reclusa e a indemnice con 31500€, por estar ilegalmente recluída desde hai máis de 4 anos. O goberno español, en atención ao carácter non firme da resolución, vai interpoñer un recurso ante a Grande Sala do TEDH, cuxa resolución concluirá a vía xurisdicional.

    Esta resolución, e as importantes implicacións que –de xeito innegable- vai ter, convocan a unha reflexión que, porén que podería ter múltiples perspectivas, neste momento se suxire estruturar en torno a cinco ideas.
O anunciado final dunha quimera: Pouca sorpresa pode xerar a resolución. Non é a primeira que declara contraria á Convención Europea unha medida punitiva española de loita contra a violencia política en Euskadi (véxase, por exemplo, a resolución no primeiro caso Otegi, de marzo de 2011), nin desde logo vai ser a última. Mesmo mais: cabería hipotizar que o cambio de perspectiva do Tribunal Constitucional (TC) en relación coa ilegalización de organizacións políticas vascas desde a primavera de 2011 pode ter moito que ver con esta certeza. Sendo este anunciado final un feito coñecido, e sen dúbida coñecido polo goberno, o primeiro que sorprende é que a posta en escena gobernativa ante esta resolución siga os guións previos, neste caso complementados por un agresivo prosaísmo.

  A inanidade do Dereito: Seguramente ten pouco interese analizar a Doutrina Parot desde unha perspectiva xurídica. Esa análise ten, neste caso, pouco percorrido. A Sala do TEDH dixo o mesmo que xa tiñan dito os principais xuristas que se encargaran de analizar a materia –pero non o TS ou o TC-: a Doutrina Parot é incompatible co principio de legalidade penal, en concreto co art. 70 do Código penal aplicable no momento dos feitos. Polo demais, a análise xurídica é por completo incapaz de captar a densidade do asunto. Nin as condicións históricas nas que xurde a Doutrina Parot nin os procesos de consolidación discursiva que permiten que a súa inconstitucionalidade non puidese ser asumida nos órganos xurisdicionais españois teñen moito que ver con regras xurídicas. Nada hai de novo niso. A xestión punitiva da violencia política en Euskadi sempre falou mais de Weber –e de Durkheim e Agamben- que de Kelsen. Por iso, unha resolución como esta só pode ser entendida desde parámetros netamente políticos, de goberno da coerción estatal. Sobre iso, tres ideas mais.

As insuficiencias da construción xurídico-política do Estado: Unha reflexión lexítima sobre a resolución do TEDH é como é posible que algo que era obvio –a ilegalidade penal da controvertida Doutrina- non fose visto polo poder xurisdicional español. Unha resposta obvia sería a xa insinuada da anomia: a xestión punitiva deste fenómeno é goberno da coerción, non Dereito. Pero esta resposta non se intúe abondo. Hai un problema realmente serio cando ningún órgano xurisdicional é quen de dar unha resposta xurídica lexítima –isto é, que fuxa da Razón de Estado- a un asunto tan obvio. O feito de que as diversas elites estatais asuman unha semiótica común, refractaria a consideracións básicas de dereitos humanos, fala de carencias na independencia xudicial, pero de algo mais: de insuficiencia dos mecanismos da Constitución material do Reino de España para saber afirmar o Estado de Dereito como límite infranqueable do goberno colectivo. Tamén neste punto conviría reflexionar sobre as continuidades históricas e sobre a necesaria relectura da tan inxustamente louvada Transición.

A insoportable levedade da obsolescencia: Como se ten insinuado, os responsables gobernativos responderon á resolución do TEDH cunha agresividade chamativa, mesmo cun exceso de testosterona estatal. Trátase dunha resposta non tan sorprendente como disfuncional (en termos psicoanalíticos, sería un verdadeiro "acting out"), e expresión dunha manifesta incapacidade: a de saber gobernar a obsolescencia. É evidente que importantes compoñentes da Constitución material do Reino de España se fixeron residir nas últimas décadas na xestión do fenómeno violento vasco: a construción de inimigos como mecanismo de mantemento da cohesión social, a reconstrución dunha certa identidade nacional, a garantía dos consensos entre as elites, os freos aos avances no proceso de democratización. Non parece mais ousado intuír que todo iso contribuíu a limitar o asentamento –material e semiótico- dunha cultura avanzada dos dereitos humanos no caso español. Pero todo iso está afectado unha innegable obsolescencia. O goberno mediante a xestión punitiva do fenómeno vasco é, por parafrasear libremente a Beck, unha ferramenta zombie. E non desde o 20 de outubro do ano pasado, senón desde bastante antes. Tanto, que, como evidencian os éxitos electorais de Bildu, o inmobilismo estatal ten acadado un estadio no que se produce un efecto boomerang para os seus intereses.

Neste sentido, a falta de adecuación á obsolescencia amosa dúas incapacidades graves do goberno. Por unha banda, a mais obvia, isto é, a de saber desmontar con intelixencia, ousadía e altura políticas unha estrutura de dispositivos excepcionalistas que xa non teñen sentido. É difícil recoñecer que boa parte do feito respondía exclusivamente á Razón de Estado, pero é necesario face-lo. A Lei de Partidos e toda a panoplia de normas penais e procesuais, e de prácticas, excepcionalistas teñen que quedar atrás, para colocar ao Reino nun estadio en materia de dereitos e liberdades semellante aos dos Estados do seu entorno. Nin sequera é necesario innovar moito. Desde unha perspectiva conservadora, bastaría con facer que o sistema penal español fose bastante máis neoliberal e bastante menos soberano/autoritario. Ata Tony Blair soubo face-lo, de xeito que, porén que España non é Britain, non debería ser tan difícil.

Por outra banda, amósase en todo isto unha incapacidade gobernativa para saber reaxustar a Constitución material. Pode ser difícil decidir se vai seguir tendo compoñentes excepcionalistas, e onde deben residir, ou se, pola contra, convén avanzar nunha senda de democratización –cando menos- liberal, pero tamén isto é necesario afronta-lo. E, con independencia dos hábiles movementos de relexitimación da Audiencia Nacional no eido da criminalidade organizada, non semella que haxa moita idea de como face-lo.
O downgrading do Reino de España: Unha das consecuencias se cadra menos evidentes desa incapacidade gobernativa ten que ver co proceso histórico que nesta etapa estamos a vivir: o do realiñamento á baixa do Reino no eido global, en termos económicos, pero tamén sociais, políticos e culturais. Algo que se percibe doadamente cunha lectura de estatísticas pero, mais aínda, con calquera viaxe alén de Iberia. Moito se ten dito sobre o dano que fan á imaxe exterior do Estado retóricas como a dos PIGS. Pero nada se di doutro fenómeno comunicativo semellante que se ten feito extraordinariamente frecuente nos últimos meses: o das imaxes nas principais cabeceiras informativas internacionais de policías españois con equipamento posthumano xestionando a crise a golpe de porra.

Todo simulacro está sometido á bioloxía, incluso o da Transición. O Reino non está experimentando un realiñamento á baixa só por razóns económicas, senón tamén políticas. A perda da consideración exterior do Estado –algo que funciona tan ben en Sudamérica, pero recentemente tamén no Norte- non só ten que ver con ratings, crises bancarias, rescates soberanos ou burbullas inmobiliarias grotescas, senón tamén coa pobreza relativa dun modelo político ou cos límites manifestos dun esquema de garantía dos dereitos e liberdades. Por iso, tamén por iso, as resolucións do TEDH van seguir tendo un determinado sentido. E tamén por iso o goberno debería saber entender que toda quimera ten un final, e que nin sequera a Razón de Estado garante a súa propia perpetuidade.

 

Orixinal: Praza Pública