You are hereUn estado en quebra democrática

Un estado en quebra democrática


Julen Arzuaga
07/08/2012

Nesta época de longa crise, en que o Estado español se enfronta a unha situación económica cada vez máis delicada, a Julen Arzuaga chámalle a atención a dilixencia con que o Goberno español acepta a intervención internacional en materia financeira e económica, encanto non admite o mínimo control internacional no ámbito dos dereitos humanos, ámbito que tamén, como sinala o autor, está en crise sistémica.

 

A intervención boa e a mala

Agrilloados ao Reino de España, compartimos a nai de todas as crises. Un estado intervido, monitorizado, rescatado -parcial ou totalmente- ou como se queira presentar. A pose de control non é compatible coa manchea de ordes, directivas e memorándums ben carregadiños de condicións que se impoñen desde todo tipo de institucións ou órganos internacionais. Axencias estadounidenses (Oliver Wyman, Deloitte...), alemás (Roland Berger), holandesas (KPMG) ou británicas (PwC e Ernst & Young) pululan dando leccións sobre como España ten que fincar os cóbados para facer os seus deberes financeiros. Non hai día en que institucións europeas non diagnostiquen hecatombes nos mercados se non se cumpren os seus encargos. Terceiros estados marcan a axenda económica española, sen que ninguén denuncie a inxerencia.

A docilidade con que españa -cada vez máis en minúsculas- acepta a intrusión internacional en materia financeira e económica, contrasta coa súa belicosa reacción a aceptar a vixilancia internacional noutro ámbito tamén en crise sistémica: o dos dereitos humanos. Poden aceptar que o director do Banco de España e todos os ministros de economía e finanzas e os seus asesores se confundían un día si e outro tamén. Mais a acción de policías, ministros de Interior e togados con tirón de sisa á dereita era impecábel e infalíbel. Eis a agre realidade que ocultan cunha obsesiva práctica de negación.

Unha das máis importantes obrigacións que o Reino de España subscribiu coa sinatura de acordos e tratados internacionais que renovasen o seu desconchada fachada autoritaria consistía nalgo tan simples como actuar con transparencia perante os órganos internacionais de monitoreo de dereitos humanos. Transparencia en tres ámbitos. Un primeiro, mostrándolles a realidade tal e como é. Un segundo, presentando ao público as recomendacións e -se callar- as críticas destes organismos. Un terceiro, mostrando proactividade en atender os seus requirimentos. Con todo, o Estado español actuou ha cunha impresionante peneira: o pouco asumíbel pasa o cribo, ficando sobre a rede as múltiplas críticas de máis groso calibre.

Un dos exemplos máis dolorosos da denegación de transparencia é a actitude española perante o Comité para a Prevención da Tortura (CPT). Este órgano realiza visitas aos Estados membros para despois elaborar un informe cos seus achados e recomendacións. Informe confidencial que o seu destinatario decidirá cando facer público. Felipe González mostrou o talante con que actuarían. Acababa de perder as eleccións xerais e, ocupando o goberno en funcións, deixou ao seu sucesor, José María Aznar, o agasallo envelenado: pasáballe aquel informe que realizara o Comité cinco anos antes, para que o xefe do PP o fixese público e tivese que engolir as aceiradas críticas do organismo europeo. Aprendido o ardil, Zapatero marchou sen facer público o informe relativo a xuño de 2011 que espera a que Rajoy ache o mellor momento para sacalo á luz. Esperemos sentados ao que xa chega demasiado tarde, porque entretanto outra delegación do CPT xa fixo unha nova visita ao Reino de España, con data de xuño de 2012.

Á acumulación de informes secuestrados engádense outras decisións ás que non se pode pór surdina. Desde o flanco xudicial Europeo, España foi condenada recentemente e co transfondo vasco pola falta de investigación dos casos de tortura de Aritz Beristain e Mikel San Argimiro. O TEDH non dubida en que a Xustiza española non atendeu as denuncias interpostas por eles. Unha sentenza máis condenaba a España por violar a liberdade de opinión de Arnaldo Otegi, quen, con xeito, asegurara que o rei era o xefe dos torturadores.

Desde o Estado quíxose restar a importante dimensión destes casos, xa que comezaban a marcar unha pauta. Casos que si comezan a facerse eco nos tribunais internos. O Tribunal Constitucional viuse obrigado a recoñecer esa falta de acción dos órganos xudiciais inferiores -casos de Mikel Soto, Sara Majarenas; o último, Rubén Vila- porque lle é preferíbel desautorizalos, mais tendo o expediente cuberto ante Europa. O TC esixe aos xulgados españois mostraren un mínimo de dilixencia, solicitándolles que realicen algunha actuación de investigación de apaño, aínda que sexa para acabar na mesma vía morta. Mellor facer a planta que verse sinalado polo dedo acusador do TEDH.

Non só o europeo é o lateral desde onde se lanzan os córneres contra a rede española. O Comité Contra a Tortura, órgano que emana da Convención de Nacións Unidas contra ese trato, avaliou como fidedignas as denuncias particulares interpostas por Enkarni Branco -por falta de investigación-, Kepa Urra -polo indulto aos seus torturadores-, Josu Arkauz -dirixida contra Francia pola súa entrega á tortura a mans españolas- ou, máis recentemente, o caso de Orkatz Gallastegi, polo que novamente se condena a España por non investigar as torturas durante as cales se lle arrincaron autoincriminacións que despois o conduciron a descomunais penas de prisión. É máis que unha mera hipótese que hoxe permanecen en prisión persoas que non son autoras dos feitos polos que foron castigadas. Mais é un detalle sen importancia para a xustiza que non quere investigar a tortura, porque se soporta nela.

Pois ben, o Estado español, que lesionou artigos da Convención contra a Tortura, non cumpriu con ningún dos requirimentos impostos polo Comité das Nacións Unidas nos anteriores casos.

Algo moi similar ao que aseguran farán en resposta á sentenza contra a denominada por uns «doutrina Parot» ou «cadea perpetua» por outros, na súa aplicación a Inés do Río, de resultado coñecido. O ministro de Interior négase a pola en liberdade anunciando procelosos recursos. Outros, como o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, ou o Goberno de Nafarroa coinciden na actitude de ollar cara a outra parte. Con esta actitude, reinciden na condena realizada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que obriga ao Estado a «asegurar a posta en liberdade da requirente sen dilación».

Apuntemos, para completar o cadro, a actitude que o Goberno español (e o francés) mostraron ante iniciativas internacionais de verificación do cesamento da acción de ETA e de medidas que poderán coadxuvar a un escenario de paz absoluta e definitiva.

Un sistema, en conclusión, que se presta ao monitoreo de certos organismos internacionais mentres que prefiren ocultarse ante outros. Unha intervención boa que, ante a expectativa de que traia diñeiro, acéptase, encanto outra que pode traer liquidez democrática en forma de salvagarda de dereitos e liberdades fundamentais, rexéitase con uñas e dentes. Unha intervención mal vinda. Un aspecto máis a unir á lista de sólidas razóns para non pertencer a un estado en quebra de valores democráticos.

 

Fonte: Gara

.