You are hereSS: ignorantes ou cómplices?

SS: ignorantes ou cómplices?


Bletxu Valeiras
16/08/2012

SS: ignorantes ou cómplices?

Entre os dias 16 e 18 de agosto, Serrat e Sabina estarán de xira por Galiza, financiados en grande parte con diñeiro público (en Vigo levarán mais da metade do total do orzamento das festas: 250.000 euros) e actuarán aureolados por ese halo de homes decentes e solidarios que os acompaña alá onde van. E no entanto, a xira vai ter lugar apenas unhas semanas despois da súa actuación en Israel, onde deron respaldo ás as atrocidades do réxime sionista a pesar de millares de persoas lles teren pedido publicamente que non lexitimasen coa súa presenza eses crimes.

Os argumentos que deron estes dous paxaros para facer ouvidos moucos á petición ben merecen un par de comentarios.

Sabina, que tivo a pueril ocorrencia de xustificar a súa actuación como unha forma de “loitar contra os prexuízos e os fundamentalismos”, revelou o seu sentir cando non tivo reparos en adular o público coa triste  grazola de cantar 'Samaria sin ti' (música de 'Venecia sin ti') en bíblica referencia á Cisxordania ocupada.

Serrat, mais precavido, tentou xogar a dúas bandas. “Trataremos de expresar a nosa opinión alí”, argumentou (?!), para despois alegar que non fora o “goberno actual” quen os contratara. Será en verdade tan ignorante este paxaro para non saber que o sionismo e a ocupación non son  práctica exclusiva do “goberno actual” senón obra dun estado que leva mais de sesenta anos masacrando a poboación de Palestina? E será tan inxenuo como para non se ter dado conta de que a súa presenza era un obvio agasallo publicitario para o “goberno actual” de Israel, como o propio embaixador en Madrid puxo de manifesto, en entrevista emitida na SER, fachendeando sobre as fantásticas relacións culturais que unen os dous estados e citando S.S. como a proba mais evidente?

Desde o final da Segunda Guerra Mundial, as persoas de ben deste mundo pregúntanse unha e outra vez como foi posíbel que na civilizada Europa puidese chegar a producirse un fenómeno como o ascenso e imperio das hordas nazis. Como foi posíbel que os gobernos europeos practicasen unha política de apaciguamento co estado hitleriano que tan nefastas consecuencias carrexou. Como foi posíbel que a poboación alemá permitise indiferente as atrocidades cometidas contra persoas e grupos que non entraban no ideal nazi de pureza racial e ideolóxica. Anos levamos preguntándonos como foi posíbel que un réxime destas características puidese contar co apoio de intelectuais e artistas.

Agora, ollando para estes dous paxaros, comezamos a entender o que pasou. Pode alguén crer seriamente que Serrat e Sabina ignoraban que Israel detén e tortura crianzas a cotío, que rouba a auga e destroza os cultivos dos palestinos, que cada pouco realiza operacións de limpeza étnica bombardeando sen piedade e con armas químicas a poboación civil, que cada certo tempo decide anexionar máis e máis terras, (agora usan a escusa da situación Siria para ameazar cunha “defensa” que lle permita seguir avanzando cara a consecución do bíblico Eretz)? Eu non podo. Sabina e Serrat, respaldaron coa súa actuación as políticas cómplices dos estados occidentais, ollaron indiferentes para outro lado cando viron saír fume das cheminés que delatan o xenocidio e tornáronse, por un mísero concerto, secuaces dos crimes do estado sionista.

Mais non hai razóns para o desánimo. Encanto estes paxaros viraban o ollar, outros como Aute, Ismael Serrano e Pedro Guerra actuaban en apoio das vítimas (Cantautores por Palestina).

Porque tamén no mundo das artes e o pensamento hai persoas de ben. Aí van unhas poucas: Roger Waters, Ken Loach, Elvis Costello, The Pixies, Carlos Santana, Susan Sarandon, Alice Walker, Henning Mankell, John Berger, Noam Chomsky, Ilan Pappé, John Pilger, Maria do Céu Guerra, Alfonso Sastre, Red Hot Chili Peppers, José Luís Sampedro, Santiago Alba, Xavier Docampo, Zakir Hussain, Marilar Aleixandre, Teresa Moure, Eduardo Galeano, Carlos Taibo, Stephane Héssel, Naomi Klein, The Yes-Men, John Williams, Bjork, Jean-Luc Godard, Snoop Dog, …

 

Original: Praza Pública