You are hereA Defensora del Pueblo que descoñecía a Lei

A Defensora del Pueblo que descoñecía a Lei


Fernando Blanco Arce
17/08/2012

Cando pensamos que o desprestixio de algunhas Institucións non pode alcanzar xa cotas máis altas, as persoas que as encarnan encárganse de disipar, e sen maior esforzo,  esta inxenua esperanza  devaliando ainda mais (se posíbel) os organismos do aparato estatal. O último e nidio exemplo, a Sra. Becerril e a Defensoria del Pueblo.

A Defensora del Pueblo, marquesa de profesión, ven de facer unhas declaracións en relación ao caso de Josu Uribetxebarría que revelan o seu descoñecemento das normas que regulan a liberdade condicional por doenza grave (código penal e regulamento penitenciario) e do cometido da Defensoria del Pueblo. Ainda que isto último non é novidade senón característica compartida con anteriores “ombudsman”.

Concretamente, a Sra. Becerril , en relación a petición de excarceración do Sr. Uribetxebarria por padecemento de doenza grave, manifestou que é preciso “…cumprir estrictamente a lei”, engadindo “sen se ter en conta declaracións de compaixón”.

Semella que a Marquesa da Salvatierra esquece que a súa  función  é defender os dereitos dos cidadans fronte as Administracións e non avalar ou argumentar decisións administrativas que restrinxen estes  dereitos fundamentais. E tamén parece esquecer que, se como aristócrata podemos perdoarlle que descoñeza a noso ordenamento penal e penitenciario, como Defensora del Pueblo a sua ignorancia das normas cuxa aplicación debe vixiar é dunha temeridade que non podemos aceptar.

Compre lembrar  á Sra. Becerril que a liberdade condicional para doentes graves é un instituto que se regula no artigo 92 do código penal e no artigo 196 do regulamento penitenciario. Para ilustrar a nosa Defensora , compre recordarlle tamén que o noso Tribunal Constitucional, os xuices de vixilancia penitenciaria e as audiencias provinciais definiron esta figura legal como unha norma de contido humanitario relacionado cos principios de humanidade das penas  e dignidade e o dereito a vida e integridade física , principio que a Constitucion española consagra nos artigos 10 e 15.

Cando a Sra. Becerril manifesta que hai que esquecer consideracións de compaixon na aplicación desta norma de nidio contido ético    mente , manipula o teor  legal e a finalidade da norma e esquece as funcións pola que os cidadáns pagamos o seu salario.

 A liberdade condicional só esixe a concurrencia de unha doenza moi grave con padecementos incurábeis . Segundo  a xurisprudencia , tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica. Esta mesma xurisprudencia sinala que doenza grave é aquela que compromete severamente a saúde e , polo común, ainda que non sempre, pon en risco a vida do doente. Por padecementos incurábeis deben entenderse aqueles para os que o coñecemento científico carece de remedio ou solución definitivos, ainda que poda paliar  o dano ou retrasar a evolución da doenza.

Esta mesma xurisprudencia interpretativa  da norma que a Sra. Becerril parece descoñecer, e cuxa aplicación “estrita” demanda, desvincula a concesión de excarceración dunha morte cercana no tempo (de feito ten sido concedida a presos cunha expectativa vital de cinco anos) . A norma tampouco esixe a total eliminación da funcionalidade delitiva , senón simplesmente a sua diminución. Consecuentemente, a liberdade en aplicación desta norma ten sido concedida por patoloxías (por exemplo a cegueira) desvinculadas dun prognóstico fatal.
Este é o teor legal da norma que, segundo a Sra.Becerril, exclue criterios humanitarios. Esta é a interpretación xurisprudencial que a aristócrata transmutada en Defensora del Pueblo parece descoñecer cando pede   a sua aplicación “estrita e sen compaixón”.

O “caso Uribetxebarría” , que deu lugar ás declaracións da Sra. Becerril, ten duas vertentes que queremos destacar : unha, a dimensión individual , o caso concreto do solicitante de liberdade condicional e o seu drama humano . O posicionamento da Defensora del Pueblo en contra da concesión supón unha presión institucional ao xulgado que deberá decidir tan anómala e contraria á finalidade da Defensoria que en calquera país da nosa contorna esas palabras deslexitimarian a súa titular e determinaría a demisión.

A segunda face deste infeliz asunto permite pór o foco , a partir dun caso individual de repercusión político-mediática, sobre a  colectiva inhumanidade na aplicación do rexime penitenciario . A “estrita” (mais exactamente “restrictiva”) aplicación da lei que a Sra.Becerril  esixe  ven sendo obxecto de execución dende hai  décadas. Demórase a concesión da liberdade condicional a centenares de persoas presas que agonizan entre os muros da prisión ou que son excarceradas apenas uns días antes para acabar falecendo , xa inconscientes , nas unidades hospitalarias. Nestes casos o propósito non é reducir  sofrimento, é reducir taxas de mortandade penitenciarias.

Esquecendo a xurisprudencia constitucional antes citada , a dirección  política da institución penitenciaria permite un asañamento vindicativo contra mozos e mozas presos que padecen SIDA , hepatite , neumonías … ao denegar a excarceración até o momento en que unha ambuláncia os leva, moribundos, do penal, facendo gala dunha crueldade coas persoas presas, os seus familares  e amigos que converteu a finalidade reinsertadora da pena nun fúnebre sarcasmo.

O caso Uribetxebarría é un paso mais no longo camiño de inhumanidade do sistema penitenciario , da proeminencia da vinganza social fronte a teses humanizadoras da pena. Un paso máis, infelizmente talvez non o último.

Actualmente, EsCULcA está persoada como acusación popular nun procedemento nos xulgados de Lugo para esixir as responsabilidades legais que procedan  pola morte dun preso, con patoloxía crónicas , que extinguia condea en Bonxe.

E no tocante á marquesa de Salvatierra , se o seu actuar é coherente coas súas manifestacións, sería ilusorio esperar dela a atención que esta dramática situación reclama.

A non ser que procure informarse e chegue a coñecer a lei penitenciaria e a norma que regula as obrigas legais do seu cargo. E que, abandonando o seu papel de “hooligan” neocon da retribuición social, decida converterse en Defensora del Pueblo.