You are hereVitimismos

Vitimismos


Julen Arzuaga
02/09/2012

Vitimismo, un concepto-arma de arremeso que sempre me provocou. Que se quere designar con el? Talvez unha fraude na condición de vítima? Por ventura o vitimismo sería unha esaxeración na consideración de vítima? Se se pode constatar unha restrición ou lesión dun dereito fundamental non se daría tal fraude. Se se esaxera, habería que ponderar canto, categorizando ese exceso: farase pouco, algo ou moito vitimismo.

Non. Máis do que a negación da natureza de vítima creo que o elemento determinante da acusación de vitimismo é que con ela se pretende afear supostos rendementos que se obterían desa actuación vitimista. Proveitos reles en forma de credibilidade ou lexitimidade social, de consecución de obxectivos políticos, de réditos electorais...

No presente caso de Iosu Uribetxebarria, aínda inconcluso mais situado en rego satisfactorio de solución, lanzouse unha insistente acusación de vitimismo contra o sector político que alzou a bandeira da súa excarceración. Urkullu cualificábao de espectáculo, apuntando que non foi senón unha campaña da esquerda abertzale para espremer o seu victimismo en previos electorais. Quen arremesou esa crítica imaxinaba un obscuro conciliábulo no que obscuros estrategas de mesmo máis obscura alma obrigaban o preso no Hospital de Donostia a que levase a súa saúde ao límite para carregarse de razóns, e ao cabo, arrincar uns votos. Os ladróns que pensan que todos son da súa condición metían o pao no deseño dunha operación comunicativa coa que a esquerda abertzale querería beneficiar mediáticamente nun verán politicamente anódino. De aí pasaban a anatemizar o dedo -a folga de fame- que sinalaba a lúa -o dramático encarceramento de catorce presos e presas doentes-. Método de protesta que os opinadores retorceron até a nausea. Un colega folguista comentábame desde un cárcere madrileño que as inspeccións de cela non se facían para buscar materiais clandestinos ou de risco; facíanos buscando comida. Comida coa que alimentar a espiral contra un método de loita simbólico e pacífico que se elevou á categoría de «coacción para dobregar ao Estado de Dereito».

Semellante forma de distorcer a realidade foi devolta ao seu lugar polo auto do xuíz de Castro que veu a verificar a consideración de vítima do preso de Arrasate, ao apuntar que debe ser excarcerado por razóns «humanitarias». Non deixa dúbida, contrario sensu, que o seu mantemento en prisión supuña un trato inhumano, cruel ou degradante, chanzo inmediatamente anterior á tortura. Ante ese trato, a campaña estaría xustificada en si mesma. Mais non máis aló.

Magro beneficio o que obtivese o sector político independentista de ter exacerbado esa condición real de vítima para obter outros beneficios, xa sexan de credibilidade, de aprovisionamento de razóns ou, máis miserábel aínda, de réditos electorais. Máis ao contrario, considero que os profundos e sentidos posicionamentos e expresións de apoio para con Uribetxebarria non tiñan outro obxectivo que unha solución rápida, digna e en xustiza perante a obstinación dun Estado amputado en sentir humanitario e desmochado de apego aos dereitos humanos. Neste país non estamos para máis vítimas. Non estamos para máis sufrimento, menos para o seu aproveitamento político. Os esforzos céntranse precisamente en revertelo.

Mais a cousa non acaba aquí. Creo sinceramente que no caso Uribetxebarria houbo unha contraparte moi vinculada á excitación ilexítima de sentimentos vitimistas. Refírome á actuación dalgunhas organizacións de vítimas de ETA, que aumentou despois da decisión do xuíz de Vixilancia Penal. Seguindo o razoamento anterior, non poño en dúbida a condición de vítima de quen alza a súa voz. Poño en dúbida a súa conduta de exacerbar esa natureza para conseguir outros obxectivos que non sexan os do merecido recoñecemento ou reparación do dano que sufriron. Sen dúbida, deben aspirar a unha garantía de que o que sufriron non volva suceder a ninguén máis, nunca máis. Mais lamentabelmente outros obxectivos espurios impulsan os seus actos. As súas actuacións e anseios raian coa máis descarnada vinganza ou desforra, facéndose vehículo mesmo de intereses contrarios á normalización política e a escorar a precaria convivencia neste país.

A súa contrariedade polo novo ciclo político e o seu apego a solucións xa extemporáneas é indicadora do extremo ao que quixeron levar a súa natureza de vítima. O que denominan «derrota dos terroristas» baséase na supresión da xustiza, tanto na vertente dos dereitos dos presos, como na relativa aos dereitos doutros cidadáns que desexan expresar nas rúas a súa opinión a respecto diso, expresións prohibidas precisamente polo etéreo sentir das vítimas. Mais é que, ademais, o seu desapego á lóxica humanitaria, algo a que se lles supuña especialmente sensibles, non é de recibo. Non é deste mundo a solución preferida do desenlace máis tráxico, interpelando o goberno para que manteña a máis dramática das alternativas posíbeis. Non pode entenderse que no louco afán de cumprimento íntegro das penas, se priorice este ao propio límite que impón a natureza humana. O ser humano é finito, fronte ás súas infinitas expectativas de castigo.

E agora, a decepción das asociacións de vítimas por sentirse traizoadas polo executivo que máis lles levantou, non provén senón dos seus inflamadas perspectivas. Unha esaxeración nas atribucións simbólicas que asumiron e que lles puxo nun pedestal desde o que pensaban podían ditar esixencias imposibles. Unha condición indiscutible de vítimas que se marchita por pretensións desaforadas.

Alguén cargou de expectativas falsas a estas asociacións e agora non atopan a maneira de aliviar esa carga. O labirinto discursivo que construíu o goberno sobre a necesidade de aplicar a lei -correcto- pero engadindo a coletilla maldita de que non se someterían a coaccións levaba á confusión, como se viu. As declaracións de Mayor Oreja ou González Pons excitaron os máis baixos instintos. Os laboratorios de prensa han incitando o populismo máis reaccionario. A actuación do fiscal introducindo como obstáculo a falta de arrepentimento de Uribetxebarria non fixo máis que exaltar aínda máis ánimos ilusorios, acender aínda máis perspectivas imposibles.

Esa actitude non conduce a nada, non polo menos a facilitar unha necesaria e pedagóxica empatía cara ao amplo colectivo de vítimas de ETA. Traiamos as palabras do propio Uribetxebarria: «non comprenderse mutuamente non axuda. Ese non é o camiño. Mais a unha vítima de ETA diríalle que falar axuda; que non peche o camiño, que hai algúns mínimos nos que se pode estar de acordo para empezar, para ir abrindo camiño. Cada un coas súas ideas, mais con respecto e tolerancia, avanzando cara á convivencia». Comparen unha actitude e outra e falemos de vitimismos.

 

Original en Naiz (02/09/2012)